As choivas rematan coa prealerta por falta de auga nos sistemas do Lérez, río Grande, ría de Camariñas e costa da Coruña

Con todo, no sistema de abastecemento do río Mero, Arteixo e ría da Coruña mantense a situación de alerta por escaseza de auga ao non alcanzar, ata o momento, a mellora necesaria no encoro de Cecebre.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2023 | Actualizada ás 14:45

Comparte esta noticia

A mellora nas reservas de auga permitiu recuperar os niveis de normalidade e desactivar a prealerta por escaseza no sistema de abastecemento do río Lérez e no do río Grande, na ría de Camariñas e costa da Coruña ata o río Anllóns.

Así o ratificaron durante unha nova reunión da Oficina Técnica da Seca na que sinalaron que tras as choivas que se rexistraron na terceira semana de outubro, produciuse un "incremento importante" dos caudais circulantes, de forma xeneralizada, con previsión de que continúe a liña de ascenso coas precipitacións que se esperan para as próximas semanas.

Segundo informou a Xunta, tras avaliar os indicadores hidrolóxicos e meteorolóxicos na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, acordaron pasar a situación de normalidade estes dous sistemas de abastecemento. Con todo, no sistema de abastecemento do río Mero, Arteixo e ría da Coruña, mantiveron a situación de alerta por escaseza de auga ao non alcanzar, ata o momento, a mellora necesaria no encoro de Cecebre. No do río Anllóns, Costa da Coruña ata o límite de Arteixo constataron unha melloría da situación, polo que pasan do nivel de alerta por escaseza a manterse en prealerta.

Ademais manteñen as medidas equivalentes a un escenario de prealerta ou escaseza moderada no subsistema de Baiona, situado no sistema de explotación do río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona, desde o que se abastece ao concello de Baiona. O resto dos sistemas da demarcación teñen niveis de normalidade. A ocupación das presas de abastecemento de Galicia-Costa é do 63,96 %, 5,52 puntos por encima da ocupación do mesmo período para o ano 2022.

Mapa do estado actual na demarcación Galicia-Costa, a 25 de outubro de 2023
Mapa do estado actual na demarcación Galicia-Costa, a 25 de outubro de 2023 | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta