O efecto Baroja

As librarías exercen unha función fundamental dentro do oficio de escribir. Para aquelas persoas que gustan de que os seus sentimentos e historias vexan a luz do sol literario precisan, irremediablemente, destes museos das letras que fomentan a cultura.

Por Alexander Vórtice | Pontevedra | 30/10/2023

Comparte esta noticia
Eu a Fernando Iglesias coñecino “de lonxe” nos anos 90. El comezou a rexentar a Libraría Baroja na Rúa Palamios no ano 1995 e eu, ao ser un pseudo estudante de Bacharelato no Instituto Sánchez Cantón, presentábase como algo inevitable o toparse con el dunha ou outra maneira. O paso dos anos fíxonos reencontrarnos grazas ao mundo das letras escritas e publicadas. Vía Facebook comenteille, estando varios autores no medio dunha disputa literaria, que as persoas que padecemos dislexia tamén temos dereito a ter un libro nos escaparates das librerías, ao que el contestoume inmediatamente: “mañá pásate por aquí e tráeme polo menos 10 exemplares”.
 
De rigor é comentar tamén que en Pontevedra contamos con dúas grandes librarías especializadas no mundo do cómic, está a de Fernando e a Libraría Paz, rexentada por Cano Paz, dous pequenos oasis que loitan ao paso do tempo e das inclemencias, facendo fronte, grazas ao seu trato personalizado, aos grandes centros comerciais que, aos poucos, están a lograr empequeñecer o Comercio Local.
 
Sobre a persoa, o libreiro, o mito, cabe destacar que, seica, Fernando Iglesias -ou Baroja, tal e como lle chamamos os que xa temos certa confianza con el- debeu de caerse sendo neno nunha pota de retranca, de ironía ou, mesmo, de impudor. Por encima da súa formación como libreiro anteponse a súa curiosa e inigualable personalidade, unha forma de ser e de actuar que nunca deixou (nin deixa) indiferente a ninguén que teña o pracer de coñecelo en persoa.
El foi e é afeccionado a participar nos máis famosos concursos da tele, a realizar vídeos en Facebook ou en Instagram, e desde fai un par de anos, centrouse en divulgar a súa filosofía de vida e o seu negocio na rede social TikTok, alcanzando un éxito innegable que non fai máis que medrar e medrar en número de seguidores. Así é que moitos son os mozos que pasan pola librería para presentarlle os seus respectos ao mestre que venera a Berserk (un manga que non parou de cultivar éxitos nos últimos anos e que actualmente consta de máis de 30 tomos e segue en activo a pesar do falecemento do seu autor, Kentaro Miura, en 2021)
 
Outras persoas pasan unicamente pola Librería Baroja para facerse un vídeo con Fernando, que enseguida el mesmo ten a ben subilo ás súas redes para, acto seguido, conseguir que a publicación se faga viral. Desde hai un tempo, Fernando aproveita os citados vídeos para pedir, ou mesmo esixir, unha rúa co seu nome ou co nome da súa librería a infinidade de alcaldes de toda España, aproveitando, como non, á persoa que o visita como comodín ou escudeiro da mencionada petitoria. E é que ao seu lado estiveron persoas moi notables tanto do ámbito cultural como social da cidade de Pontevedra, tales como Rafael Domínguez, vicepresidente da Deputación, ou o portavoz do Partido Socialista, Iván Puentes, sendo ambos líderes políticos confesos afeccionados ao mundo do cómic.
 
Así pois, e aproveitando o espazo que se me brinda neste medio, eu non quixese solicitar o nome dunha rúa para Fernando Iglesias, xa que os nomes de rúas, canellóns, prazas, prazoletas ou avenidas, a diario e lamentablemente, se lle conceden normalmente a persoas xa defuntas e, polo que me di a miña clarividencia, a Fernando aínda lle quedan moitísimos anos de vida.
 
Polo cal, o que si solicito -e mesmo requiro coa maior das miñas forzas- é que a Corporación Municipal de Pontevedra teña en conta a figura de Fernando Iglesias para que así poida chegar a ser o pregoeiro das Festas da Peregrina do próximo ano 2024.
Sen dúbida, sería de xustiza que se levase a cabo este distinguido xesto, non tanto polo gran mérito que ten o estar durante case tres décadas á fronte dunha pequena librería que agora rexorde grazas ás redes sociais e o boca a boca, senón máis ben porque a ironía, o bo humor e as ganas de alegrarlle a vida aos nosos semellantes, tería que ter algún tipo de galardón ou recompensa, máis aínda, tendo en conta os toleados tempos actuais nos que sorrir, para moitos, resulta ser unha verdadeira quimera.

Librería Baroja / libreria-baroja.negocio.site/
Librería Baroja / libreria-baroja.negocio.site/
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Alexander Vórtice Alexander Vórtice (Pontevedra, 1979) é xornalista, poeta, novelista, columnista, escritor e colaborador en Diario de Pontevedra, PontevedraViva, Diario16, Crónicas PTV e nas revistas culturais Falando con Letras, En tempos de Aletheia e Oceanum. As súas obras publicadas ata o momento grazas ao pulso dos golpes e as caídas son: Destilería Ocaso (2004), Neurose Tremens (2005), Material de Soños (2008), Deus e Outros Superheroes (2013), Atrofiadas as Estrelas (2015), Crónica dun Home Bo (2016), Vexetacións Carnívoras (2017), Tempa Maltreita (2019) e Diagnóstico Interior (2021).