Cartas de Marco Polo e Viaxes sen Lee, un xeito de reinventar a literatura de viaxes en galego

O profesor e autor Gabriel Rei-Doval prepara a publicación dun libro con boa parte das colaboracións literarias en Galicia Confidencial.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/11/2023 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

As viaxes como centro dunha experiencia persoal e literaria e cartas como modelo de expresión desa experiencia. Ese é o eixo central dos escritos que durante anos ven atesourando o profesor universitario, escritor e colaborador de Galicia Confidencial, Gabriel Rei-Doval. Un mundo persoal e literario que leva anos amosando nos seus artigos xornalísticos neste medio de comunicación e noutros e que agora verán a luz en forma de libro.

Gabriel Rei-Doval, un dos promotores do recoñecemento do galego na Modern Language Association (MLA)
Gabriel Rei-Doval, un dos promotores do recoñecemento do galego na Modern Language Association (MLA)

 

Será unha obra editada por Embora que ten unha parte substancial de contidos baseada en artigos saídos no Galicia Confidencial: Cartas de Marco Polo e os obituarios incluídos en Viaxes sen Lee. Son reflexións que o autor fixo ao longo das súas múltiples viaxes por distintas partes dos Estados Unidos, onde exerce como docente desde hai anos.

 

As Cartas de Marco Polo foron o seu primeiro intento consciente de crear unha narrativa consecutiva para unha viaxe longa. Estiveron condicionadas pola inmediatez entre as datas e lugares visitados e a saída dos artigos. Son artigos máis pegados a unha literatura de viaxes dun tipo máis tradicional. Nas Viaxes sen Lee, pola súa banda, a medida que pasou o tempo a distancia entre a viaxe física e o relato foi aumentando, e nelas foron xurdindo personaxes propias, primeiro personaxes que ían e volvían e logo outras personaxes puntuais en certos lugares. Pero a innovación principal é a converxencia entre a escrita de viaxes e a autoficción: ese é un trazo definitorio de Viaxes sen Lee.

Entrando en Fremont, no centro do universo
Entrando en Fremont, no centro do universo | Fonte: Gabriel Rei-Doval

 

RELENDO RISCO, CASTELAO OU OTERO PEDRAYO

"A medida que fun escribindo as Viaxes sen Lee foron caendo nas miñas mans libros de viaxes de autores portugueses (e ultimamente españois) que tamén escribiron dos seus periplos por EUA, o que me fixo tomar conciencia das posibilidades e do que autores -nalgún caso consagrados nas súas tradicións- fixeran antes", comenta Rei-Doval quen tamén acabou relendo as obras galegas fundacionais da literatura de viaxes: Mitteleuropa de Risco, Arredor de si de Otero Pedrayo e o Diario 1921 de Castelao.

"A medida que esas lecturas se foron producindo comecei a tomar máis conciencia do que eu propoñía e o que significaba algo para a miña forma de escribir. Pasou case un século desde as primeiras obras galegas da Xeración Nós, e hoxe estamos nun tempo distinto. Ademais, escribir ciberliteratura obriga a convencións e formas de contar diferentes, dado o medio e o seu formato", sinala.

En Viaxes sen Lee tivo  tamén a intención de incorporar, xa dun xeito máis consciente a exploración psicolóxica (navegante/explorador emocional denominandose a si mesmo nas entradiñas dos artigos). A lonxitude maior da obra (Viaxes sen Lee), da que van 63 artigos dun total estimado de entre 80 e 90 obriga tamén a unha maior complexidade e a existencia de diferentes liñas argumentais, que foron tomando vida propia ó longo dos meses e anos que leva publicándose en GC.

"Mantiven a exploración emocional da e desde a ferida, propia e allea, pero quixen que servise como unha forma de (auto)coñecemento e de conexión espiritual, ademais doutras cousas.  Outra característica específica de Viaxes sen Lee é a vontade de crear unha narrativa galego-americana cunha existencia autónoma, ademais de procurar unha conexión entre temas e asuntos galegos con outros estadounidenses, mirando de establecer pontes a diferentes niveis entre ambos", engade.

A PEGADA DE DAVID LYNCH

Tamén foi xurdindo co tempo a conexión entre os mundos musicais galego e estadounidense, ademais da conexión co mundo audiovisual estadounidense, en particular a través da figura para el fundamental de David Lynch. Por outra banda, co paso do tempo a áncora que supón Galicia foi en ocasións virando cara á Ferrolterra --de onde é orixinario--, que tomou un peso fundamental na narración e nos referentes emocionais, ás veces sen darse o autor de conta.

"Ter varios anos para ir pensando en novas posibilidades narrativas deu paso a múltiples temas, asuntos e achegamentos. Un dos que máis me interesa ultimamente é conecta-la escrita de viaxes coa literatura de campus ou 'académica'. Creo que a parodia é un bo lugar para facer esa conexión, e coido que o meu artigo "2050: Os Irmandiños e a internacionalización do galego"  fixo que fose máis consciente do meu gusto pola parodia académica, que aparecerá nos próximos dous artigos de Viaxes sen Lee", destaca o autor.

Gabriel Rei-Doval é profesor na University of Wisconsin-Milwaukee. Autor de varios libros, entre eles, A lingua galega na cidade no século XX; A lingüística galega desde alén mar;

Publicidade e lingua galega;  En memoria de tanto miragre; Contacto de linguas, hibridade, cambio ou Vender en galego entre outros. Colaborador do Galicia Confidencial desde hai anos acaba de presentar no IV Simposio Norteamericano de Estudos Galegos en Texas o relatorio 'Viaxes sen Lee, unha síntese ciberliteraria Galego-Americana". É un dos promotores do recoñecemento do galego na Modern Language Association (MLA).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta