Mellorar unha rúa para revitalizar todo un barrio: a rúa Batalla de Clavijo en Santiago de Compostela

A estratexia EDUSI do Concello de Santiago realizou unha importante obra de renovación na rúa Batalla de Clavijo. Máis alá das melloras externas, dende o Concello celebran o impacto do proxecto na revitalización deste barrio

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/10/2023 | Actualizada ás 20:55

Comparte esta noticia

Nos últimos anos, a contorna da rúa Batalla de Clavijo, na cidade de Santiago de Compostela, gozou dunha clara transformación. Apenas dous anos despois da finalización das obras, o Concello de Santiago de Compostela resalta que o proxecto non só actuou sobre as deficiencias na infraestrutura urbana, senón que tamén mellorou a calidade de vida da veciñanza e revitalizou esta zona da cidade, onde urxía un forte investimento municipal como o realizado.  

Obras de mellora da rúa Batalla de Clavijo, en Santiago de Compostela
Obras de mellora da rúa Batalla de Clavijo, en Santiago de Compostela | Fonte: Concello de Santiago

Tras o remate das obras no ano 2021, a cidadanía conta agora cun renovado espazo público na rúa Batalla de Clavijo. O proxecto supón un exemplo sobre como mellorar unha rúa exteriormente, repercute nun barrio máis revitalizado, humanizado e inclusivo.  

Estas obras, que supuxeron un revulsivo na zona, enmárcanse no programa EDUSI, cuxas siglas significan Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado, impulsada no Concello de Santiago de Compostela. Este proxecto, financiado con fondos da Unión Europea, permitiu deixar atrás a anterior rúa Batalla de Clavijo, que contaba cun pavimento deteriorado, pouco espazo para as persoas e numerosas barreiras arquitectónicas.

Esta rúa, que forma parte do tecido urbano de Santiago de Compostela, presentaba un alto grao de deterioración que, en parte, tiña a súa orixe no intenso tráfico rodado que as atravesaba. Este uso constante das vías públicas, xunto coas fortes pendentes e dificultades de acceso ás edificacións, levou a unha situación que dificultaba a accesibilidade para as persoas que van a pé. Non só os habitantes do barrio se vían afectados, senón tamén os visitantes e peregrinos que transitaban por estas rúas históricas.

A intervención proposta buscaba atallar estas deficiencias cun novo deseño que reconfigura os espazos públicos, para favorecer a experiencia da persoa que vai a pé. Ademais da renovación da pavimentación, tamén se afrontaron os problemas creados polas diferenzas de cota existentes, mellorando a disposición das árbores e ordenando o aparcadoiro.

Rúa Batalla de Clavijo, en Santiago de Compostela
Rúa Batalla de Clavijo, en Santiago de Compostela | Fonte: Concello de Santiago

UN PROXECTO PARA REVITALIZAR ESTE BARRIO

O obxectivo final foi crear unha conexión coherente entre as distintas rúas que aquí conflúen, achegando continuidade en todo o ámbito da intervención. Isto, á súa vez, dótaos dunha imaxe unitaria e reforce a súa identidade de barrio, contribuíndo á creación dun ambiente máis inclusivo e socialmente enriquecedor.

Este último punto era clave neste proxecto conxunto da Unión Europea e o Concello de Santiago. A estratexia EDUSI, alén de mellorar a infraestrutura urbana deste barrio, buscaba revitalizalo, reforzando a súa identidade, promovendo a interacción social e o desenvolvemento comunitario. Para o Concello de Santiago, este proxecto representa un exemplo do compromiso para crear unha cidade máis inclusiva, segura e agradable para todos os seus habitantes.

MELLORA DOS ESPAZOS DESTINADOS AOS PEÓNS

Para esta revitalización do barrio, este proxecto tivo como prioridade a creación e mellora de espazos estanciais. Ao facer máis amables e cómodos os espazos públicos, créanse áreas onde as persoas poidan compartir e relacionarse de forma máis natural. Para o Concello de Santiago foi vital esta promoción de espazos de encontro, xa que contribúe ao fortalecemento da vida social do barrio.

Ademais, a operación tamén incluíu melloras na iluminación pública, o que ten un impacto directo na sensación de seguridade da zona. A mellora da iluminación tamén contribúe á valorización do barrio e propón unha nova alternativa para actividades de lecer e percorridos, entre outras actividades. Isto estimula novas dinámicas de desenvolvemento, revitalizando a zona e fomentando unha maior interacción social.

A estas melloras súmanse outros detalles, como a renovación da rede de saneamento, actualizando así os servizos básicos do barrio. Por último, tamén se plantaron novas árbores na contorna, incrementando os espazos verdes e facendo a rúa máis agradable para as persoas que van a pé.

INVESTIMENTO DE 450.000 EUROS

No que respecta ao financiamento desta operación, o orzamento total achegouse aos 450.000 euros. Neste sentido, os fondos FEDER dispuxeron do 80% do financiamento, mentres que o Concello de Santiago sumou o 20% restante. Grazas a esta colaboración entre a administración municipal e os fondos europeos, a cidade beneficiouse dun proxecto que mellorou a vida dos seus veciños e veciñas.

Dende unha visión global da estratexia EDUSI, a obra na rúa Batalla de Clavijo súmase a outras actuacións en toda a cidade, financiadas con fondos europeos. EDUSI englóbase no Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020, cofinanciado por Fondos Estruturais da Unión Europea, FEDER, e contou coa participación cidadá para decidir as súas actuacións. En total, a estratexia EDUSI permitiu un investimento total de 12,5 millóns de euros, para que, da man da Unión Europea, Santiago de Compostela se converta nunha cidade máis sustentable e integradora.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta