O Foro Económico de Galicia apunta un decrecemento da economía galega no segundo trimestre de 2023

O documento foi elaborado por Santiago Lago, José Francisco Armesto e Patricio Sánchez e coordinado por Fernando González Laxe.

Por E.P. | Economía | 03/11/2023 | Actualizada ás 13:11

Comparte esta noticia

O informe de conxuntura socioeconómica do segundo trimestre do ano, elaborado polo Foro Económico de Galicia, confirma a retardación no ritmo de crecemento da Comunidade, aínda que a media segue estando por encima da da UE, e revela que a taxa de produtividade segue sendo unha materia pendente.

O documento foi elaborado por Santiago Lago, José Francisco Armesto e Patricio Sánchez, e coordinado por Fernando González Laxe, que durante a presentación do mesmo en Vigo explicou que o comportamento da economía galega entre abril e xuño estivo marcado por diversos factores externos, como a variación nos tipos de interese, os desequilibrios no comercio internacional e o gasto público, tanto dos gobernos como da propia UE.

Nese contexto, a economía de Galicia volve mostrar que, en épocas de recesión "amortece" mellor o impacto, pero en épocas expansivas "cústalle crecer". Así, no segundo trimestre do ano o crecemento foi do 1,5 %, fronte ao 2,2 % da media española (e o 0,4 % da UE).

Ademais, matizou González Laxe, a economía galega "crece de forma distinta" á española, co investimento como principal motor, fronte ao consumo privado, que "tira" máis a nivel nacional. Outro dos factores diferenciadores de Galicia é a súa "especialización", concretamente na exportación liderada por tres sectores: automoción, téxtil e pesca.

Por sectores, o crecemento deixouse notar en todos, excepto no sector primario, onde "parece que o legado histórico" supón un obstáculo para a transformación. Así, no segundo trimestre creceu un 3,6 % a construción, un 1,6 % a industria, ou un 1,4 % os servizos, mentres que a baixada no sector primario foi do 0,4 %.

PRODUTIVIDADE

Con respecto á produtividade, o coordinador do informe constatou que segue sendo unha materia pendente, e segue no 94 % da media española. Esa falta de produtividade é especialmente acusada na industria de manufacturas.

Ante esta situación, González Laxe reiterou as recomendacións do foro: debe crecer o tamaño das empresas, debe incorporarse máis tecnoloxía, debe mellorar a formación, "tanto de traballadores como de empresarios", e debe crearse unha "imaxe de marca" da economía galega.

MERCADO DE TRABALLO

No que respecta ao mercado de traballo, aínda que a desaleceración no crecemento económico trasládase a este ámbito, os datos globais son positivos, segundo destacou José Francisco Armesto, que lembrou que hai unha redución na taxa de paro e na temporalidade. Con todo, matizou, "a taxa de actividade e a taxa de ocupación seguen sendo moi reducidas".

Entre os datos destacados do segundo trimestre, puxo sobre a mesa o feito de que todo o emprego creado foi indefinido, e que se reduciron os contratos temporais no sector privado, mentres que creceron no público.

COMPORTAMENTO DO MERCADO DE TRABALLO "DIFÍCIL DE CRER"

Pola súa banda, Santiago Lago sinalou que 2023 está a ser o "ano da volta á normalidade" e dáse a circunstancia de que, a pesar das moitas "incertezas", a economía crece, xérase emprego e mellórase o benestar das familias. "Agora toleramos uns niveis de incerteza que hai 5 anos supuxesen freo de consumo, retroceso económico,... é sorprendente", afirmou.

Nese sentido, puxo en valor o comportamento do mercado de traballo en España, un "comportamento extraordinario, difícil de crer". Isto demostra, na súa opinión, que se se xera emprego de calidade, as persoas cambian as súas decisións vitais e, por exemplo, aumentan o seu consumo, o que "tira" da economía.

Segundo indicou, detrás deste bo comportamento está a reforma laboral, que axudou a introducir "cambios valiosos" e a que o mercado perciba que "a cultura da precariedade é mala para todos". "Hai unha batería longa de reformas pendentes, pero no ámbito laboral, fíxose realmente ben nos últimos anos", proclamou.

PAPEL DOS PORTOS

No informe de conxuntura presentado este venres inclúese un estudo sobre o papel dos portos de Galicia (e o portugués de Leixoes) que, actualmente, están concibidos como nodos específicos con funcións de "captación e aglutinamiento de mercadorías, servizos e actividades", que tamén favorecen unha maior conectividade territorial.

Así mesmo, o informe apunta que os portos da fachada atlántica noroccidental mostran unha "notable asimetría" na súa especialización produtiva, e tamén son diferentes no que respecta ás súas taxas de crecemento. O resultado é a diversidade de estratexias do seis portos estudados (A Coruña, Ferrol, Vigo, Marín, Vilagarcía e Leixoes), "rexistrando escasos niveis de colaboración e de integración".

Representantes do Foro Económico de Galicia, na presentación do Informe de Conxuntura do segundo trimestre de 2023, na sede de Zona Franca de Vigo.
Representantes do Foro Económico de Galicia, na presentación do Informe de Conxuntura do segundo trimestre de 2023, na sede de Zona Franca de Vigo. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta