O TSXG declara nulo o convenio da construción de Pontevedra

Segundo CC.OO.-Hábitat, a provincia de Pontevedra é "a única que a día de hoxe non ten pechada a negociación colectiva" e isto ten "consecuencias directas na contratación pública".

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 07/11/2023 | Actualizada ás 16:02

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declara nulo o convenio da construción da provincia de Pontevedra, asinado pola CIG e pola asociación da construción, segundo informa CC.OO. nun comunicado. Na nota de prensa, CC.OO. sinala que tanto a súa sección Hábitat como UGT "xa advertiran do perigo de asinar un documento non axustado a dereito" e das consecuencias que podería ter para o emprego.

En concreto, asegura este sindicato que "se vulneraba o convenio estatal e dereitos xa consolidados para máis de 17.000 traballadores", entre os que cita o pago de atrasos, contrato de fixo de obra e subrogación. Segundo CC.OO.-Hábitat, a provincia de Pontevedra é "a única que a día de hoxe non ten pechada a negociación colectiva" e isto ten "consecuencias directas na contratación pública".

A anulación do convenio pontevedrés produciuse despois dunha denuncia da patronal estatal, segundo a organización, "e co paradoxo de que o sindicato asinante, a CIG, nin sequera acudiu ao TSXG para defender o que asinou". Por todo iso, CC.OO. chama á "responsabilidade" por parte da patronal e da CIG "para a nova negociación e poder resolver esta desfeita polo ben dos 17.000 traballadores do sector".

Un obreiro durante a construción
Un obreiro durante a construción | Fonte: Europa Press - Arquivo

A CIG CARGA CONTRA UGT E CC.OO.

Pola súa banda, o secretario da CIG-Construción, Plácido Valencia, critica esta decisión como un "golpe de estado en toda regra" que "impón o marco estatal" en contra dun convenio provincial no que "se melloran de forma substancial" condicións laborais e salarios. Por iso, acusa a UGT e CC.OO. de ser "socios da patronal en Madrid". Considera que estes sindicatos "debería explicar por que celebran desa maneira que os traballadores de aquí vexan reducidas as melloras conseguidas coa negociación provincial". A CIG reprocha a UGT e CC.OO. "entorpecer melloras en convenios provinciais", "apoiando só aquilo que saia de Madrid", con resultados "míseros e que empobrecen a maioría de traballadores". "Celebran que traballadores non vexan aumentados os seus salarios", recrimina.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta