25N.- Os casos máis soados de violencia de xénero deste 2023: do 'pico' de Rubiales á violación grupal do fillo do presidente do TC

Fai pouco máis de un ano que entrou en vigor a lei de garantía da liberdade sexual (coñecida como lei do 'só si é si'). Dende entón, houbo xa alo menos 1.200 rebaixas de condea a agresores sexuais, segundo os datos do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ).

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 24/11/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Este 2023 non foi unha excepción no que respecta a casos de violencia sobre a muller. Nunha sociedade que parece que avanza na protección ás vítimas, o certo é que a mentalidade segue a ser unha tarefa pendente en moitos casos. Os micromachismos seguen moi presentes na nosa realidade e aínda hai moitos homes que manteñen un pensamento heteropatriarcal que consideran que as mulleres son meros obxectos sobre os que poden exercer dominación, o que na maioría dos casos remata en asasinatos ou en agresións. Dende Galicia Confidencial quixemos, con motivo do Día Internacional de Loita contra a Violencia de Xénero, expoñer algúns dos casos máis soados de violencia contra as mulleres deste ano, habendo, dende logo, moitos máis que, quizáis, nin tan sequera saltaron á palestra. Dende aquí, a nosa solidariedade con todas as vítimas.

Rubiales bicando a Jenni Hermoso
Rubiales bicando a Jenni Hermoso | Fonte: Arquivo

CASO RUBIALES, O EXPRESIDENTE DA FEDERACIÓN ESPAÑOLA DE FÚTBOL

A polémica relacionada co expresidente da Real Federación Española de Fútbol Luis Rubiales deu moito que falar. Durante a final da Copa Mundial Feminina de Fútbol, celebrada no Stadium Australia o 20 de agosto de 2023, onde gañou a Selección Española, deixou varios xestos indesexables. Celebrou o único gol de España agarrándose os xenitais no palco de honra que compartía coa raíña Letizia e a infanta Sofía e o presidente da FIFA. Tras finalizar o partido, cargou sobre un dos seus ombros á futbolista española Athenea del Castillo, agarrándoa polo muslo. Pero, sen dúbida, o máis soado foi durante a entrega de trofeos á selección gañadora, cando Rubiales bicou na boca á centrocampista Jenni Hermoso contra a súa vontade. Hermoso denunciouno ante a Fiscalía por acoso sexual, coaccións e agresión sexual. 

CASO DO FILLO DO PRESIDENTE DO TRIBUNAL CONSTITUCIONAL

Fai tan só unhas semanas os axentes da Policía Nacional detiveron ao avogado Cándido Conde-Pumpido Varela, fillo de Cándido Conde-Pumpido Tourón, presidente do Tribunal Constitucional, acusado de agredir sexualmente a unha muller de orixe brasileña xunto a outros dous amigos, o que se coñece como violación grupal. A vítima exercía a prostitución, e acudira a unha cita para exercer os seus servizos nun chalé de San Blas, propiedade do acusado. Alí, os tres homes abusaron dela en grupo, tras, segundo declarou a vítima, de 37 anos, drogala e quitarlle o pasaporte. Aínda que foi posto en liberdade porque os xulgados afirman que non hai probas de tal suceso, a imaxe de Cándido Conde-Pumpido Varela xa queda manchada por este escándalo que, de ser certo, sería un exemplo máis de violencia de xénero e de sometemento das mulleres.

CASO JENNIFER LARA, EXTRONISTA DE 'MYHYV' Á QUE LLE QUITARON Á SÚA FILLA

Este mesmo ano celebrouse o xuízo de Jennifer Lara, unha extronista do exitoso programa de televisión 'Mujeres y Hombres y Viceversa' que mostrou en directo en Instagram como a Policía se levaba á súa filla de dous anos por ter roto un convenio que, segundo dixo, firmou cando non estaba ben psicolóxicamente, coa súa exparella. Ese convenio prohibiría a mudanza que fixo, levándose á pequena de Valladolid a Alicante. A súa relación foi do máis tortuosa: "Deixoume na rúa cun bebé de catro meses", "Engañoume, non sei con quen", "Nunca me chamou para saber se estabamos ben ou se a súa filla tiña onde durmir"... Foron algunhas das mensaxes de Jennifer en redes sociais. 

CASO DUN HOME QUE SE CAMBIA DE XÉNERO PARA EVITAR SER CONDENADO

Un home tratou este mesmo ano, como xa fixeran outros en anos anteriores, esquivar unha denuncia de violencia doméstica porque cambiou de xénero. A que foi parella da vítima durante dez anos iniciou o tratamento de cambio de sexo fai dous. A súa exmuller asegura que mentres estaba no baño entraba, abríalle a cortina da ducha e se lle abalanzaba enriba para que lle dese un bico. O caso sucedeu en Alicante e o acusado alegaba que "non podo ser castigado en base á lei contra a violencia de xénero" porque cambiei de sexo. 

CASO DANI ALVES, ABUSO SEXUAL A UNHA MOZA NUNHA DISCOTECA

O ex xogador do Fútbol Club Barcelona foi acusado por unha rapaza de 23 anos de agredila sexualmente nunha discoteca de Barcelona. A versión do futbolista é que todo ocorreu no interior do baño, onde a rapaza lle baixou voluntariamente os pantalóns mentres el se sentaba na taza do lavabo e lle practicou unha felación; despois sentouse de costas e tiveron sexo sen preservativo. Por estes feitos atópase en prisión provisional na cárcere de Barcelona dende o pasado 20 de xaneiro, á espera de xuízo, sen ningún apoio, pois a súa familia deulle as costas, especialmente a súa exparella, tras coñecer o ocorrido. Nun primeiro momento non admitiu que houbera penetración, pero nas últimas declaracións ante a xuíza así o confesou.

CASO ROCÍO, O XA DECLARADO CULPABLE DESCUARTIZOU O SEU CADÁVER

Este mesmo mes de novembro o xurado popular declarou culpable de asasinar "con intención" a Adrián N., de 25 anos, acusado de matar á súa exparella Rocío Caíz en xuño de 2021, cando esta tiña 17 anos, en Sevilla. O xurado considerou por unanimidade que o home era culpable de "ter dado morte á vítima, facéndoo de tal xeito que se aseguraba conscientemente dese resultado", que o fixo despois de manter relacións sexuais contra a vontade da rapaza "empregando violencia" e que logo descuartizou á vítima, repartiuna por distintos lugares da localidade andaluza e utilizou o seu móbil para "facerse pasar por ela, enviando mensaxes á nai de Rocío e á súa irmá". Enfróntase agora a unha sentenza de prisión permanente.

CASO ABASCAL, DECLARACIÓNS INSÓLITAS SOBRE A VIOLENCIA DE XÉNERO

O presidente de Vox, Santiago Abascal, explicou este luns que o seu partido rexeita a violencia de xénero por ser un "concepto ideolóxico". "Cremos que o sexo é unha cuestión biolóxica, pero o xénero é autopercibido, no que un se sinte unha cousa, se sinte outra, é un concepto ideolóxico que non compartimos", concluíu.

CASO DE ABUSOS SEXUAIS NA IGREXA, OUTRO CURA DETIDO

Os curas e os abusos sexuais. A Garda Civil investiga a un sacerdote de Málaga por, supostamente, quebrantar a orde de alonxamento que se lle impuxo tras acosar a unha muller coa que convivía, segundo denunciou a vítima. Cando por numerosas discusións entre ambos a muller decidiu mudarse, o párroco comezou a perseguila. Mentres conducía pola A-7 o cura rebasouna e riuse dela, logo situou o coche enfrente do seu e frenou, achegouse pola parte traseira e púxolle as luces largas. E máis casos similares que poden supoñer acoso contra esta muller.

CASO 'GRAN HERMANO', RESOLUCIÓN DUNHA VIOLACIÓN ANTE AS CÁMARAS

Máis de cinco anos despois de que tivera lugar un dos incidentes máis controvertidos da historia da televisión española recente, a Xustiza dictou sentenza. José María López, exconcursante de 'Gran Hermano Revolution', foi condenado a 15 meses de prisión o pasado mes de abril como autor responsable dun delito consumado de abusos sexuais contra Carlota Prado, cometido durante a participación de ambos no reality. José María López teríase aproveitado de que Carlota estaba baixo o estado de embriaguez para ter sexo con ela. "É imposible non concluír que Carlota Prado foi usada polo acusado como un obxecto para satisfacerse a modo de xoguete sexual, sen que haxa a menor sombra de consentimento", dixo o xuíz.

CASO 'EN BOCA DE TODOS', XORNALISTA Á QUE LLE TOCARON O CU EN DIRECTO

No coñecido programa 'En boca de todos', una xornalista, Isabel Balado, foi vítima en pleno directo de acoso sexual por parte dun descoñecido. Mentres realizaba unha retransmisión en directo co presentador Nacho Abad, un espontáneo achegouse e tocoulle o traseiro. A reacción inmediata tanto da reporteira como do presentador foi denunciar a gravidade da situación. O propio condutor do programa mostrouse indignado ante o incidente, pedíndolle que o agresor fora mostrado en pantalla e calificándoo de "tonto" e "imbécil" e chamando á Policía para que tomase cartas no asunto. O agresor foi detido posteriormente.

CASO DE JESSICA GOICOECHEA, A MODELO CONTA QUE SUFRIU VIOLENCIA DE XÉNERO

Nunha entrevista concedida este ano a modelo Jessica Goicoechea desvelaba que ela tamén foi vítima de violencia de xénero, a mans dunha das súas exparellas, o tamén modelo River Viiperi. "Sufrín violencia física, pero a que máis pegada me deixou foi a psicolóxica. Pasei dous anos e medio con alguen xogando coa miña mente. Matoume", aseguraba nunha entrevista, na que asume que "está claro que eu tiña que ter denunciado, pero a miña única preocupación era que el estivera ben, o que lle podería pasar, tardei unha semana ou dúas en denunciar despois de que a cousa chegou ás mans, porque precisaba asimilalo todo".

CASOS DAS REBAIXAS DE CONDENA AOS AGRESORES POLA LEI DE IGUALDADE

Fai pouco máis de un ano que entrou en vigor a lei de garantía da liberdade sexual (coñecida como lei do 'só si é si'). Dende entón, houbo xa alo menos 1.200 rebaixas de condea a agresores sexuais. Ademais, segundo os datos do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), estas resolucións desencadearon nunhas 121 excarceracións antes de tempo, e supoñen un aumento de 50 atenuacións de pena respecto ao último reconto publicado polo órgano de goberno de xuíces hai pouco máis de dous meses. Segundo as cifras, os tribunais acordaron atenuar máis de tres de cada dez sentencias revisadas, o 31,4 %. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta