Sete anos e medio de cárcere para o home que queimou a súa casa en Padrón coa súa irmá e a súa sobriña dentro

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/11/2023 | Actualizada ás 16:42

Comparte esta noticia

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago de Compostela, condenou a sete anos e medio de cárcere ao home que queimou unha casa en Padrón coa súa irmá e a súa sobriña dentro. O tribunal considerouno culpable dun delito de incendio do artigo 351 do Código Penal e tivo en conta as atenuantes de embriaguez e de dilacións indebidas. Ademais, impúxolle a prohibición de aproximarse a unha distancia inferior a 200 metros dos seus familiares afectados e de comunicarse con eles por calquera medio durante dez anos.

Os maxistrados relatan na sentenza que o 8 de xullo de 2021, sobre as oito da tarde, o procesado accedeu ao interior do inmoble, no que convivía coa súa irmá, o seu cuñado e a súa sobriña, despois de estar toda a tarde nun bar. A Sala considera acreditado que, unha vez dentro da casa, "dirixiuse á planta superior da mesma e, con ánimo de queimar a vivenda, e a pesar de ser consciente do perigo que xeraba para a vida e integridade física da súa irmá e a súa sobriña, que sabía que se atopaban no salón situado na planta baixa, utilizou un encendedor e unha lata que contiña disolvente e con eles plantou lume en cada unha das catro habitacións da devandita planta".

Acto seguido e con idéntico ánimo, segundo o tribunal, "dirixiuse á planta baixa e utilizando o mesmo método, prendeu lume nunha das habitacións". Como consecuencia da súa conduta, o acusado provocou o incendio do inmoble, que se queimou practicamente na súa totalidade, facéndoo inhabitable. Para a súa extinción foi necesaria a intervención do Grupo de Emerxencias Supranacional de Padrón (GES) e o valor dos danos materiais causados ascendeu, segundo a tasación pericial, a 78.080 euros.

Ademais da pena de cárcere, a Audiencia impúxolle o pago dunha indemnización á súa irmá e ao seu cuñado polos danos no inmoble e mobiliario na cantidade que lles corresponda do total de 78.080 euros, así como ao GES de Padrón na cantidade de 1.731 euros polos gastos de extinción do incendio. A resolución non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso ante o TSXG.

Audiencia Provincial de Xustiza, os seus xulgados na Coruña
Audiencia Provincial de Xustiza, os seus xulgados na Coruña | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta