Case 50.000 menores galegos poderán entrar nas discotecas sen pedir alcol: "Mellor que que sigan facendo botellón na rúa"

A normativa que contempla a prohibición do consumo de bebidas enerxéticas e vapeadores tamén abre a porta a esta posibilidade. Así, os mozos e mozas de 16 e 17 anos poderán compartir espazo cos maiores, pero non gozarán de pulseira para pedir alcol en barra. Será algo positivo para o sector? Como se executará? Cando entrará en vigor? Falamos cos propietarios de Pelícalo e Século IX.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 22/11/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Dende o próximo ano, previsiblemente, os menores de 16 e 17 anos poderán entrar nas discotecas e locais de ocio nocturno galegos sen necesidade dunha autorización dos seus proxenitores. A nova lei que tamén prohibirá o consumo de bebidas enerxéticas e de vapeadores a menores abre esta porta, que suporá un cambio importante naqueles locais que diversificaban a súa oferta, tendo sesións light polas tardes para os adolescentes menores de idade e abrindo ata altas horas da madrugada para os adultos. Toda esta oferta agora concéntrase nunha única opción: permitir que os menores estean nos mesmos espazos que os adultos, tamén nos mesmos horarios, aínda que sen consumir alcol.

Botellón
Botellón | Fonte: Arquivo

Isto non era posible dende antes do 2010, ano no que a Xunta de Galicia, con Alberto Núñez Feijóo ao mando, prohibiu o acceso de menores aos establecementos de ocio nocturno da comunidade. Dende entón, o sector estivo presionando para lograr recuperar este público que, aínda que pareza pouco, en Galicia está formado por case 50.000 persoas (46.025: 23.103 adolescentes de 16 anos e 22.922 de 17). Con todo, é importante ter en conta que aínda que entren, non poderán tomar alcol nin tampouco, por suposto, vapear ou acceder ás cachimbas que nalgúns locais se ofertan. Aínda así, de seguro que o que máis lles afectará será o non poder pedir bebidas enerxéticas, unhas bebidas que pode dicirse que xa forman parte da dieta dos mozos e mozas actuais.

Dende Galicia Confidencial preguntamos ao sector do ocio nocturno por este cambio de normativa, tan demandado. "Será moi positivo, sobre todo para aqueles locais que aínda a día de hoxe están sufrindo", asegura Luís Diz, representante do ocio nocturno da Coruña, presidente da asociación Galicia de Noite e propietario na cidade herculina da famosa discoteca Pelícano, así como doutros moitos pubs. E é que dous anos despois de que o sector puidese recuperar a actividade normal tras as restricións impostas na época da pandemia, que foron especialmente duras no ocio nocturno, hai moitos hostaleiros que aínda non puideron recuperarse, e outros moitos que seguen pechados, coas rexas baixadas e sen perspectivas de futuro. Esta nova medida podería supoñer unha luz no medio da negrura.

A IDADE MEDIA DE INICIO DO CONSUMO DE ALCOL ESTÁ NOS 16,5 ANOS

Diz afirma que será algo bo para todos, pois tamén será un xeito de ter máis controlados aos menores. "Os rapaces e as rapazas desas idades seguen nas rúas, consumindo botellón (ou nos propios pisos, en reunións), tomando alcol en inxentes cantidades", asegura o dono de Pelícano. A idade media de inicio do consumo de alcol, segundo os datos da última Enquisa EDADES (Encuestas sobre Alcol e Outras Drogas en España, ano 2022) do Ministerio de Sanidade, está nos 16,5 anos (16 en rapaces e 17 en rapazas), aínda que en Galicia sitúase máis abaixo, nos 16,3. No 2010, cando se adoptou a medida, estaba nos 16,7; e no 1997, nos 16,8. Ademais, a porcentaxe de mozos e mozas que consumiu alcol algunha vez na vida estaba no 2022 no 90,3 %, mentres que no 2010 estaba no 89,5 %.

Mocidade concentrada ante unha discoteca en Santiago
Mocidade concentrada ante unha discoteca en Santiago | Fonte: GC - Arquivo

"Os últimos informes médicos din que, dende que se implantou a lei, en lugar de reducirse o consumo de alcol entre os mozos, aumentou", expón Luís Diz, que indica que "isto quere dicir que beben cada vez máis e en grandes cantidades, sen control". Ante esta situación, considera que "é mellor que estean nun local de ocio nocturno no que, evidentemente, non poden beber, pois estarán moito máis controlados que na rúa, onde levan a cabo un consumo compulsivo". E á pregunta de como se controlará que non pidan alcol, asegura que "é tan sinxelo como identificar na entrada aos maiores de idade cunha pulseira, sendo só os que a levan os que poden pedir na barra". Aquí poderiase abrir outro debate, tanto sobre a cuestión do custe de pulseiras como sobre o feito de que os menores poidan valerse de maiores para que lle pidan as copas, ou mesmo poidan intercambiar as pulseiras. 

NON ESTARÁ EN VIGOR PARA FIN DE ANO, "APLICARASE XA ENTRADO 2024"

Para ver como funciona a medida non queda outra que levala á práctica e, polo de agora, aínda non hai data concreta para súa posta en marcha. "Aínda non sabemos cando será, primeiro van sacar a norma que prohíbe as bebidas enerxéticas aos menores, logo irá a dos vapeadores e, xa despois, será o do ocio nocturno, pero de seguro que se aplicará xa entrado o 2024", prevé Diz. Isto significa que non haberá un Fin de Ano con menores nas discotecas ata altas horas da madrugada, algo do que se levaba xa un tempo falando. Ata novo aviso todo se manterá igual e as festas light seguirán sendo a súa única opción para poder estar en discotecas e pubs en horario de tarde. Quizáis sexa para o Entroido ou xa para Semana Santa cando poidan acceder a estes locais en maior horario.

Sergio Fernández, da Asociación de Pubs, Bares e Discotecas de Santiago de Compostela e dono do Pub Século IX na capital galega, asegura que "para as grandes discotecas e lugares onde se fan eventos destinados a menores de idade vai supor un gran cambio, xa non terán que preparar o establecemento só para iso, e poderán compartir espazo menores e maiores, aínda que os menores non poidan consumir alcol". Así, considera que se tratará de algo "positivo" para a sociedade en xeral, porque "suporá un punto de transición nestas idades, puidendo levar un control mellor sobre os seus costumes, evitando que se acostumen a estar de botellón e permitíndolles estar nun establecemento resgardados, aínda que non poidan consumir alcol".

Con todo, expón que nunha cidade como Santiago, onde a maioría dos locais son pequenos e non hai macrodiscotecas como pode haber nas cidades da Coruña e Vigo, "pouco nos vai influír". Así que, asegura que "aínda que poida parecer unha normativa moi alarmante", o certo é que "non vemos que vaia traer consigo un gran cambio nin unha grande afectación para o sector do ocio nocturno", de feito, todo o contrario, pois "suporá sacar do medio o esforzo de ter que preparar festas en exclusiva para menores de 18 anos". "Incorporaremos a medida con normalidade e seguiremos como ata o de agora", prevé Fernández.

ADEUS ÁS CACHIMBAS, "UN MEDIO DE INGRESO IMPORTANTE"

Por outra banda, a problemática do acceso dos menores aos locais de ocio nocturno xa non só está no acceso ao alcol, senón tamén a outros produtos moi ofertados na actualidade: as cachimbas, que, como evidencia Luís Diz, "para o sector son unha forma medio mala de facturación". Con todo, puntualiza que "xa por lei non podes ter tabaco nin nada de nicotina nelas". Agora, "se as prohíbe Sanidade na súa totalidade, tamén teremos que asumir que non haxa cachimbas, aínda que de acordo, evidentemente, non estamos". Así, amosa respecto á opinión dos médicos: "Se é o que din, habrá que respectalos, non nos queda outra", aínda que afirma que "para nós é un medio de ingreso importante, porque hai moitos locais que si traballan con cachimbas e isto penalizaraos". 

Sen embargo, Sergio Fernández cre que o das cachimbas é algo que está pasando de moda. "Houbo un boom e agora estancouse, aínda que, por falta de información quizáis, hai xente que se trae os vapeadores e vapea en moitos locais", expón, matizando que no seu establecemento, o Pub Século IX, "non o permitimos". E é que "non podemos estar pendientes de se o vapeador leva nicotina ou non leva nicotina". Aínda que afirma que si é certo que "ata o de agora a decisión de permitilo ou non estaba nas mans dos establecementos". 

ACABOUSE O DE PEDIR UN RED BULL PARA SUBSTITUÍR AO ALCOL

Así as cousas, Fernández amósase convencido de que o que máis vai afectar aos menores vai ser "non poder consumir bebidas enerxéticas", pois "é un hábito moi estendido entre os mozos e as mozas". E é que, polo de agora, nas festas light organizadas por macrodiscotecas non había ningunha obxección para darlle a un menor unha bebida enerxética se a pedía. Diz matiza, ademais, que "a lei non che prohíbe ofrecelas aos maiores de idade, só aos menores, polo que a nós non creo que nos afecte para nada". Pero pode haber menores que, xa acustumados ao seu consumo durante o día, e como alternativa ao alcol, que non poderán beber, queiran pedir un Red Bull ou un Monster na barra. "Pois que beban auga, Coca-Cola ou Fanta, bebida enerxética tampouco van poder consumir", amósase contundente o propietario de Pelícano.

Discoteca
Discoteca | Fonte: Arquivo
Interior dunha discoteca
Interior dunha discoteca | Fonte: Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta