Absolto un home de abusar sexualmente dun menor porque dixo ter 18 anos e non 14 en Internet

O xuízo celebrouse na Audiencia da Coruña en relación a uns feitos ocorridos no partido xudicial de Ferrol.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 14/11/2023 | Actualizada ás 20:01

Comparte esta noticia

Un home acusado de abusar sexualmente dun menor, en agosto de 2020, no partido xudicial de Ferrol, foi absolto pola Audiencia Provincial da Coruña, segundo recolle a sentenza á que tivo acceso Europa Press.

A defensa pedía a súa absolución fronte ao criterio de Fiscalía e acusación particular que solicitaban dez anos de cárcere. No xuízo, o home recoñeceu ter unha relación co mozo, que tiña 14 anos no momento dos feitos, pero sostivo que descoñecía a súa "idade real".

"Nunca, nunca souben que era menor de idade", afirmou. Tamén dixo que era unha persoa nova, "adolescente, pero acorde a 18 anos". No entanto, pediu perdón ao mozo e á súa familia tras explicar que foi o denunciante quen lle escribiu.

En contraposición aos argumentos de Fiscalía, quen considerou "coherente" a declaración do mozo, o avogado da defensa, Alejandro Seoane, insistiu na ausencia dunha "proba directa". Tamén apuntou ás características físicas do mozo e aos 18 anos que aparecían "á vista" no seu perfil de Internet para soster que había "uns cuantos motivos" para que o seu cliente pensase que era maior de idade.

A esta cuestión fai referencia o fallo, que incide en que "non se acreditaron as circunstancias fácticas que permitisen requirir das acusado verificacións sobre a idade real da outra persoa". Ademais, sostén que existen elementos que "apuntan ao contrario".

Tamén indica que o mozo "non só mentiu" sobre a súa idade, "senón que despregou algún tipo de acción falsaria para conseguir accceder á plataforma -- pola que contactaron-- que prohibe expresamente, como el sabía o acceso a menores". "Continúa coa mentira indicando no seu perfil a idade de 18 anos", recolle a sentenza que traslada a "dúbida" sobre que existisen datos que permitisen sospeitar da súa idade.

Persoa navegando por internet
Persoa navegando por internet | Fonte: Remitida.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta