A loita dos bombeiros comarcais; parques "abandonados" e "abandono" laboral

Os bombeiros comarcais de Galicia reclaman que se cumpra a sentenza do Tribunal Supremo de febreiro de 2022 que declaraba fixos os traballadores indefinidos dos consorcios de bombeiros comarcais. A sentenza non se cumpriu até o de agora e os diferentes parques comarcais levan adiante unha folga e e mobilizacións para reclamar negociacións sobre a fixeza e a creación dun convenio único. A pesar disto, desde o sector laboral acusan ás Deputacións e Xunta de Galicia de non quereren atender as súas peticións pois non asistiron a varias das reunións convocadas para negociar. Rueda critica que non cedan nas súas pretensións.

Por Moncho Mariño | Santiago | 16/11/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os bombeiros comarcais están mobilizados desde o 13 de xuño mediante “medidas de conflicto colectivo” debido ao que consideran unha falta de responsabilidade por parte de deputacións e Xunta de Galicia. As catro administracións provinciais galegas máis a autonómica non están aplicando, segundo voceiros destes profesionais, a sentenza do 28 de xaneiro de 2022 emitida polo Tribunal Supremo e que recolle a súa “fixeza” e que desestima ou non recoñece a tipoloxía laboral de “indefinido non fixo”. Por tanto, reclaman ser persoal fixo con todas as consecuencias que isto supón. Doutra banda, os 500 bombeiros dos 24 parques comarcais galegos piden unha mesa de negociación para un convenio único en toda Galicia. A proposta foi enviada mais “non houbo contestación”. As tentativas para negociar só se materializaron nunha reunión das tres que solicitaron realizar no Consello Galego de Intermediación. Desde os gobernos autonómico e provinciais galegos a resposta foi que o proxecto de convenio presentado polos traballadores dos parques comarcais non era viable “nin económica nin xudicialmente”. Ademais, a materialización e implementación das previsións “invalidarían a xustificación do cambio do modelo de xestión acordado no seu día”.

Protesta de bombeiros comarcais queimándose ao bonzo en Santiago
Protesta de bombeiros comarcais queimándose ao bonzo en Santiago | Fonte: E.P.

Este mesmo venres, centos de bombeiros comarcais en folga manifestáronse polas rúas de Santiago nunha mobilización que terminou na Praza do Obradoiro cun deles queimándose ao bonzo. Esta 'performance' contou con dous membros disfrazados do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e do director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, que foron os encargados de prender lume a un home vestido con traxe ignífugo. A marcha saíu desde o edificio administrativo da Xunta, en San Caetano, pasado o mediodía entre lanzamentos de petardos e bengalas acesas cunha pancarta na cabeza, portada por bombeiros coa cara pintada de pallasos, que rezaba 'A nosa loita é a vosa vergoña'. Outras lemas que se podían ler eran 'Vidas por 1.200 euros' ou 'Bombeiros en loita'. Ao longo da marcha lanzáronse berros como: 'Alfonso Rueda, gústame a froita'; 'Villanueva, dimisión'; 'Rueda, segundoxénito, queremos solución'; 'Formoso, mentireiro' ou 'Máis bombeiros, menos conselleiros'.

Deste xeito realizaron un percorrido de máis de tres quilómetros que incluíu o seu por paso por Virxe da Cerca, Praza de Galicia (onde foron aplaudidos polos transeúntes) e entrada ao centro histórico por Porta Faxeira. Todo iso mentres entregaban panfletos e adhesivos aos cidadáns que se atopaban ao seu paso. Na zona vella continuaron co lanzamento de petardos por Rúa Nova ata a súa entrada no Obradoiro. Xa no Obradoiro, os bombeiros acenderon multitude de bengalas que provocaron que case non houbese luz nun día despexado. Era difícil ver a Catedral entre o manto de fume que enchía a praza, á vez que soaban os petardos. Os turistas que se atopaban na praza apartáronse ao seu paso e puxéronse a facer fotos. Nunha praza rodeada por unha quincena de furgonetas da Policía Nacional, deu comezo, pouco antes das 14.00 horas, a representación na que dous dos bombeiros disfrazados de Rueda e Villanueva prendéronlle lume a un compañeiro. Por megafonía explicaban que con isto buscan "representar o dano de Xunta e deputacións" porque están "queimados directamente de mans dos políticos". En concreto, o home disfrazado coa careta de Rueda foi o que cuspiu un líquido inflamable contra un facho para que comezase a arder o seu compañeiro, quen deu voltas entre berros de 'Rueda, dimisión'. Unha protesta realizada fronte á sede que ten a Xunta no edificio do pazo de Raxoi. 

SENTEZA DO SUPREMO

O Tribunal Supremo (TS) emitía a sentenza 85/2022 segundo a cal non se admitía a figura de traballador indefinido non fixo. Isto saíu despois de que Xunta e deputacións decidisen “rescatar” os parques comarcais. Así nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra, os consorcios de bombeiros son paricipados por Xunta, deputacións e concellos que conforman a comarca. A provincia da Coruña decidiu adoptar a fórmula de Consorcio Provincial. O “rescate” dos parques supuña a subrogación dos e das traballadoras que pasarían a ser “persoal indefinido non fixo”, mais a sentenza do TS declaraba que a figura laboral non correspondía e “debiamos ser persoal fixo desde febreiro de 2022” di Anxo Moldes.

Pola contra, nun documento conxunto asinado polas catro deputacións e a Xunta de Galicia o 26 de outubro de 2023, remarcábase que o cambio de xestión nos parques comarcais prevía “que o persoal de bombeiros se subrogaba en réxime de indefinido non fixo, para, posteriormente, a través dun proceso selectivo, de acordo co establecido na normativa correspondente, garantindo os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, converterse en persoal indefinido dependente do consorcio respectivo”.

Representantes dos bombeiros comarcais en folga, no Consello Galego de Relacións Laborais. COMITÉ DE FOLGA
Representantes dos bombeiros comarcais en folga, no Consello Galego de Relacións Laborais. COMITÉ DE FOLGA

O choque entre administracións e bombeiros non tardou en chegar debido a este punto. “Queremos o recoñecemento da 'fixeza' tal como dicta a sentenza do TS de 2022, mentres as administracións de 'motu propio' dilataban os prazos, nós denunciabamos e xa tiñamos denuncias favorables a nós” di Moldes. Doutra banda, o documento das cinco administracións sinalaba que os puntos da proposta de convenio presentado polos bombeiros “invalidarían a xustificación do cambio do modelo de xestión acordado no seu día, tendo en conta que os citados acordos están vixentes e son firmes”.

Máis aló disto último, as sospeitas tamén pairan sobre unha presunta intencionalidade de non asumir máis custos dos “esperables” por parte das administracións. Segundo o sistema de achegas económicas aos parques na fase de funcionamento sería dun 50% Xunta, 50% deputacións, agás Ourense onde a Xunta achegaría o 62.5% e a Deputación o 37.5%. A sospeita de non querer asumir máis alá dos cartos “programados” confirmaríase en que “nos orzamentos para 2024 a partida para estes parques comarcais é a mesma que a dos orzamentos de 2023” sinala o deputado do BNG, Iago Tabarés.

VONTADE NEGOCIADORA

Os bombeiros falaron cos representantes dos grupos parlamentarios quen lles transmitiron apoios e mesmo o PP “non entendía por que as deputacións e Xunta non sentaban a negociar” di Moldes. Houbo unha primeira reunión no Consello Galego de Intermediación. Os bombeiros propuxeron outras dúas reunións mais a contraparte non se presentou. “Creo que é polo horizonte político que se presenta, as eleccións autonómicas están cerca e quizais busquen arranxar isto cando mellor lles conveña”.

“Non é unha cuestión política, non todas as forzas políticas manteñen as mesmas posturas, desde maio de 2022 presentamos varias iniciativas” di Tabarés. Desde o Grupo Parlamentario Socialista respondeuse que o actual conflito dos bombeiros comarcais trascende o grupo parlamentario e sería unha cuestión de partido. O Grupo Parlamentario Popular non manifestou a este medio ningunha postura de momento tras seren consultados.

Alén disto, e volvendo ao documento asinado polas cinco administracións (deputacións e Xunta) e en relación aos postos de traballo, estes apuntan que a aplicación das condicións do posto de orixe do servizo contra incendios “debe ser acordada nos Plenos de cada un dos consorcios provinciais”. En tal caso, insisten que unha aplicación semellante debería estar amparada polos servizos xurídicos das entidades e “en ningún caso esta é automática”, a fixeza, senón que “habería que poñer en marcha un proceso selectivo”, pois senón “estaríase a vulnerar os principios constitucionais de acceso á función pública”.

En canto á folga en si, os bombeiros non asisten ás horas extras voluntarias co que algúns parques poden estar pechados nalgúns momentos. Ademais disto, tamén se contempla, a futuro, a unificación nun único mando de todos os servizos contraincendios en Galicia, o que en paralelo significaría un convenio único e unha mellora no servizo segundo os profesionais.

RUEDA

Pola súa banda, e peguntado ao respecto deste problea por Galicia Confidencial na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o presidente galego lamentou este conflicto e lembrou que xa existe desde a súa época de vicepresidente. "Quero que o conflicto se resolva", indicou. De feito, a dirección xeral de Emerxencias e Interior dependía directamente da súa consellería. "A verdade é que foise mellorando pouco a pouco e de xeito sensible a situación", dixo ao tempo que lembrou que hai xa sete parques comarcais e mellores condicións laborais.

Así, lembrou que hai unha proposta conxunta da Xunta e das catro deputacións, pero que os bombeiros, "ou a súa representación sindical", non está de acordo con ela. "Pero o que non poden facer é dicir non a todo", dixo. "Todas as partes teñen que ceder porque nunha negociación todos ceden e a proposta é xenerosa", concluíu.

Protesta dos bombeiros dos parques comarcais en Ourense
Protesta dos bombeiros dos parques comarcais en Ourense | Fonte: FAC-USO GALICIA - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta