25N.- En Galicia case catro de cada dez abusos sexuais prodúcense en pequenas aldeas e pobos do rural

Entre xaneiro e xuño de 2023 rexistráronse un total de 398 delitos contra a liberdade sexual en Galicia, segundo os datos do último informe sobre criminalidade do Ministerio de Interior. Deles, 146 déronse no rural. En provincias como a de Lugo, a porcentaxe chega ao 60,5 %. No conxunto da comunidade, queda no 36,7 %.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 21/11/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A violencia contra a muller segue a ser unha das formas máis comúns de violencia no día a día. Aínda que non a través de asasinatos (que segue habéndoos máis a miúdo do que como sociedade nos gustaría), si se da con piropos machistas, tocamentos sen consentimento e mesmo violacións. Fíxose moito por poñer fin a esta lacra que deriva da concepción heteropatriarcal da sociedade antiga, pero queda moito máis por facer se queremos que os nosos fillos e fillas gocen dun mundo realmente igualitario, no que as mulleres acaden os mesmos dereitos que os homes e non teñan que soportar formas de violencia que atacan directamente á súa persoa. Dende Galicia Confidencial realizamos unha precisa análise dos datos recollidos no último informe sobre criminalidade, elaborado polo Ministerio de Interior e correspondente aos delitos rexistrados ata o segundo trimestre deste ano (de xaneiro a xuño de 2023).

Primeira manifestación feminista nunha pequena aldea de 60 habitantes en Loureiro, en Nogueira de Ramuín
Primeira manifestación feminista nunha pequena aldea de 60 habitantes en Loureiro, en Nogueira de Ramuín | Fonte: Praza Pública

En concreto, un dos seus apartados céntrase nos delitos contra a liberdade sexual cometidos en Galicia neses seis meses (xaneiro, febreiro, marzo, abril maio e xuño de 2023). A cifra é escandalosa: 398. Se temos en conta que estamos a falar de delitos cometidos en tan só 181 días, o balance é de máis de dúas agresións sexuais ao día. Deses 398 delitos, nada menos que 89 conlevaron penetración (foron violacións, noutras palabras), case un cada dous días. Estas cifras supoñen que houbo ata ese segundo trimestre do ano case tantas agresións sexuais como roubos con violencia e intimidación (498) e bastantes máis que roubos de vehículos (287) e que delitos relacionados co tráfico de drogas (265), a pesares de que estas últimas cousas adoitan saltar máis aos medios de comunicación, pois moitos delitos contra a liberdade sexual non se coñecen por temor da vítima ou vergoña.

O informe tamén recolle un listado polo miúdo destas agresións por provincias e, dentro delas, aporta os datos dos municipios de máis de 20.000 habitantes. Tendo en conta o total de cada provincia e os delitos cometidos nos seus principais núcleos de poboación, calculamos cantos dos abusos sexuais se terían producido na contorna rural, e quedamos abraiados, para mal. Se en Galicia cando falamos de delitos maioritarios sempre pensamos na droga, porque todos coñecemos ou sabemos de alguén que a compra ou a vende, o certo é que as agresións sexuais son unha problemática moito maior, e de seguro que temos que pararnos máis a pensar para sacar un caso preto. Aí radica o problema, no escurantismo que estas encerran e na falta de medios para loitar contra elas. Vaimos aos datos como tal.

Na provincia da Coruña rexistráronse entre xaneiro e xuño de 2023 un total de 160 delitos contra a liberdade sexual (36 deles con penetración), case tantos como pelexas que remataron por causar lesións graves (196) e máis que roubos de coches (85) e tráfico de drogas (91). Dentro da provincia, o concello con máis casos, como era de supoñer, é o da Coruña (32, sete deles con penetración), seguido do de Santiago (31, catro deles con penetración) e do de Ferrol (13, seis deles con penetración). Deixando ao lado as tres grandes cidades, atopámonos con 8 casos de agresión sexual en Arteixo (tres con penetración); 7 en Ribeira; 5 en Ames (2 con penetración); 4 en Culleredo; 4 en Oleiros (un con penetración); 3 en Carballo (un con penetración); 3 en Narón (dous con penetración); e 2 en Cambre. Todos eles suman un total de 112 casos nestes municipios con máis de 20.000 habitantes, o que deixaría os restantes, 48, acontecidos na contorna rural. Estamos a falar dun 30 % dos delitos contra a liberdade sexual que foron cometidos en pequenos pobos e aldeas da provincia.

Pasando á provincia de Pontevedra, nela cometéronse no primeiro semestre deste ano un total de 149 delitos contra a liberdade sexual (11 menos que na da Coruña), dos que 33 incluíron penetración. Esta cifra supón case tanto como o número de pelexas que causaron graves lesións (192) e máis que o número de roubos con violencia e intimidación (142), ademais de tanto como o número de roubos de coches (155) e de delitos relacionados co tráfico de drogas (130). Neste caso tamén son as grandes cidades as que ostentan a maior cantidade de abusos sexuais: Vigo despunta, con 56 casos, 15 deles con penetración; seguida moi de lonxe por Pontevedra, con 14, 2 con penetración. Máis aló destas urbes, atoparíanse grandes concellos como Ponteareas, con 12 (3 con penetracion); Vilagarcía de Arousa, con 6 (2 con penetración); Marín, con 4; Redondela, con 2 (un con penetración); Cangas, con 2 (dous con penetración); A Estrada, con 1; Lalín, con 1; e O Porriño, con 1. Todos estes delitos suman un total de 99, polo que aínda restan 50 para chegar aos 149 rexistrados no total da provincia. O que nos leva a extrapolar que na contorna rural houbo 50 agresións sexuais, un 33,5 % do total.

Muller rural
Muller rural | Fonte: Universidade Oberta de Catalunya

Con todo, as situacións máis escandalosas non se viven nestas provincias da Coruña e Pontevedra, senón nas do interior, tanto en Lugo como en Ourense. Así, no caso da provincia de Ourense, entre xaneiro de xuño de 2023 déronse 51 delitos contra a liberdade sexual das persoas, e sete deles incluíron penetración. Poden parecer poucos en comparación coas outras provincias, pero son máis que o número de roubos con violencia e intimidación que houbo no mesmo período (50), máis que os roubos de coches (28) e moito máis que o tráfico de drogas (16); así como case tanto como delitos graves e menos graves de lesións e pelexas (72). Ademais, tendo en conta que na provincia só hai unha cidade que supera os 20.000 habitantes, que é a propia capital, Ourense, con 26 agresións sexuais nese período (5 delas con penetración), estariamos a falar de que os outros 25 delitos contra a liberdade sexual se tiveron cometido na contorna rural (2 deles con penetración), o que equivale ao 49 %.

E no caso da provincia de Lugo, as cifras aínda son menos alentadoras. No total da provincia rexistráronse no primeiro semestre do ano 51 agresións sexuais (sete delas con penetración), máis que roubos con violencia e intimidación (25), máis que roubos de vehículos (19) e máis que delitos de tráfico de drogas (28). E, ao igual que no caso de Ourense, Lugo é a única cidade da provincia que supera os 20.000 habitantes. Nela producíronse 15 agresións sexuais nese período (seis delas con penetración), o que deixa outras 23 que tiveron que darse, necesariamente, en municipios máis pequenos. Así, podemos dicir que un abultado 60,5 % dos delitos contra a liberdade sexual da provincia de Lugo déronse en pequenos pobos e aldeas do rural. 

Muller rural
Muller rural | Fonte: Getty Images
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta