Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/11/2023 | Actualizada ás 15:56
A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, asinou este venres en Xénova (Italia) un acordo con Costa Cruceiros para engadir novos descontos e subvencións tanto ao Carné Xove como o Carné +65, recentemente anunciado para este colectivo e que se porá en vigor o próximo ano. Desta maneira, ambos os colectivos (novos de 12 a 30 anos e maiores de 65) poderán beneficiarse de viaxes en barco con esta compañía. Os descontos estarán dispoñibles a través da web da compañía, ademais de en calquera axencia de viaxes.
Fabiola García agradeceu a Costa Cruceiros a firma do convenio, que "fai posible que a aventura de ver o mundo abordo dos seus barcos estea ao alcance de dúas xeracións" que segundo a conselleira, "poderán gozar ao máximo cada etapa da vida, viaxando e aproveitando o tempo libre".
VANTAXES DOS CARNÉS
O Carné Xove ofrece aos mozos de entre 12 e 30 anos descontos en cinemas, hoteis ou comercios de toda España, así como en 40 países europeos que participan o programa Carné Xove Europeo. Pola súa banda, o Carné +65 é un novo programa, que anunciou o presidente da Xunta durante o debate sobre o estado da autonomía, e que permitirá viaxar gratuitamente no transporte interurbano, acceder a un programa de viaxes que se promocionará o próximo ano ou ter descontos en balnearios e outros establecementos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.