O Parlamento ante unha Galicia cun de cada catro nenos en risco de pobreza: "Non podemos mirar para outro lado"

Cando se cumpren 34 anos da aprobación na Asemblea Xeral da ONU da Convención sobre os Dereitos do Neno, Unicef Comité Galicia e a Plataforma de Organizacións de Infancia Galicia animaron a conmemorar a celebración, no ecuador, así mesmo, da Axenda 2030, momento para avaliar o grao de cumprimento.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/11/2023 | Actualizada ás 20:11

Comparte esta noticia

Cando se cumpren 34 anos da aprobación na Asemblea Xeral da ONU da Convención sobre os Dereitos do Neno, Unicef Comité Galicia e a Plataforma de Organizacións de Infancia Galicia animaron a conmemorar a celebración, no ecuador, así mesmo, da Axenda 2030, momento para avaliar o grao de cumprimento.

"Desde unha visión global e máis próxima, non se pode mirar cara a outro lado en cuestións como as cifras de pobreza infantil, os problemas de saúde mental e o fenómeno do acoso e do ciberacoso na sociedade actual", apunta a declaración institucional asinada pola Cámara galega (PPdeG, BNG e PSdeG).

O texto apunta que tampouco poden ser alleos os datos como que un de cada tres nenos no mundo carece de acceso a servizos básicos e que un de cada seis vive nunha zona de conflito. Ademais, case a metade da poboación infantil e adolescente vive en países moi expostos para os efectos do cambio climático.

Nunha mirada próxima, o indicador Arope sinala que, un de cada catro nenos, nenas e adolescentes que viven en Galicia está en risco de pobreza ou exclusión social. Deles, un dos colectivos infantís en situación de maior vulnerabilidade en Galicia son os preto de 2.300 que viven no sistema de protección da Xunta.

Así mesmo, con motivo do Día Mundial da Infancia, renovan a vontade de "tomar decisións firmes para garantir que, con independencia de onde viva e de cal sexa a situación socioeconómica, ningún neno e ningunha nena quede atrás, e cada un deles poida desenvolver o seu máximo potencial".

COMPROMISOS

Neste escenario, a Cámara galega comprométese a promover un "maior e máis eficiente" investimento na infancia, avanzando na coordinación e avaliación das políticas e programas e garantindo a dotación adecuada de recursos. Así mesmo, fan votos para seguir impulsando políticas e accións protectoras priorizando a preservación familiar, para que nenos, nenas e adolescentes vexan "recoñecido" o seu dereito a vivir nunha familia, sendo a primeira opción a da súa orixe.

Tamén defenden o acollemento familiar como medida fundamental de protección cando non sexa posible a preservación familiar por non darse as condicións necesarias, especialmente en menores de seis anos, e apostan por intensificar os medios e recursos que dispoñen os organismos públicos e entidades sociais que velan polo benestar dos nenos.

A declaración conxunta tamén se compromete a escoitar as preocupacións e necesidades de nenos, nenas e adolescentes e abordalas dunha maneira transversal na acción política, así como ter en conta todas as decisións tomadas no seo do Parlamento, os principios reitores da Convención sobre os Dereitos do Neno, cun enfoque especial nos máis vulnerables.

Nenos xogando nun parque
Nenos xogando nun parque | Fonte: SANTI ALVITE - USC - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta