Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/11/2023 | Actualizada ás 14:31
A CIG pide o cesamento dos investigados da CRTVG, incluído o Director Xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, por un posible delito de acoso laboral que, apuntan, responde a "condutas empresariais que se producen no contexto dunha xestión irresponsable en materia de prevención de riscos laborais". A Corporación, que non entrou a valorar o tema por estar aínda subiudice, apelou á presunción de inocencia.
"Con independencia das consecuencias penais que puidesen derivarse, corresponde aos poderes públicos competentes depurar responsabilidades políticas e cesar aos directivos investigados", sinalan nun comunicado.
Apuntan tamén que "urxe" a elección dunha nova directora xeral por maioría reforzada do Parlamento de Galicia e a designación do cadro directivo con criterios de profesionalidade, como medidas necesarias para garantir a independencia dos medios audiovisuais galegos.
Respecto da "irresponsabilidade empresarial" na acción preventiva, refírense ao estudo psicosocial realizado entre novembro de 2017 e o mesmo mes de 2019 que, aínda que aseguran que está "incompleto e nesgado", recoñecen que detecta "niveis de risco significativos" nalgúns factores estudados. Critican que a pesar disto, e a pesar dos reiterados avisos do sindicato á empresa, "non adoptasen ningunha medida para protexer os traballadores".
Para a CIG, estes incumprimentos evidencian "o desprezo empresarial polo benestar das persoas traballadoras, que só pode explicarse se se atende ao feito de ser a CRTVG un ámbito estratéxico de actuación política sobre o que o Goberno tenta asegurar o control a calquera prezo".
"Como consecuencia, na designación do cadro directivo e na atribución de responsabilidades prevalecen os criterios de confianza política ou persoal sobre o mérito e a capacidade profesional", aseguran.
En xuño deste ano, ao transcender publicamente a querela, o BNG pedía tamén "o cesamento inmediato" da actual dirección ante uns feitos que consideraban "gravísimos".
CRTVG APELA Á PRESUNCIÓN DE INOCENCIA
Aínda que a CRTVG non entra a valorar a parte social, consultada por Europa Press, lembrou que se trata dun tema subiudice do que "non hai actualmente ningunha novidade con respecto ao comezo da querela no mes de xuño pasado". Si matizan que non se trata dunha querela contra oito directivos, xa que hai "directivos, traballadores e mesmo ex traballadores".
Sobre o caso, lembran que respecto dos asuntos agora denunciados pola vía penal "xa existen dúas sentenzas firmes" do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia favorables á Corporación e aos seus directivos e traballadores. Tamén houbo dúas comisións internas de investigación (formadas por empresa e parte social) que concluíron que non existían indicios de condutas compatibles con supostos de acoso laboral. Conclúen reivindicando que, "como en calquera outro proceso", debe "primar" a presunción de inocencia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.