Cal é o futuro do I+D+I en Galicia?... as novas prioridades do "vento e do hidróxeno" fronte ao RIS3 e Fondos Feder

A actual Xunta de Galicia mudou as prioridades da Consellería de Economía e Industria. O Executivo galego está máis centrado en facilitar e axudar na tramitación de grandes proxectos industriais que en fomentar a innovación ou os centros mixtos de investigación entre universidades e empresas. Un feito que está provocando tensións na propia Xunta e que puxo en alerta xa aos principais grupos de investigación en Galicia.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 22/11/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Na última década Galicia pasou de situarse no posto doce entre as Comunidades autónomas a estar na sétima posición en relación a I+D sobre o PIB, sendo a terceira que máis medrou na última década. Un sector que conta con máis de 11.000 persoas dedicadas a I+D e un total de case 7.500 investigadores. E que pasa agora co sector da innovación en Galicia?. O que era unha das prioridades da Consellería de Economía e Industria con Francisco Conde como conselleiro semella que se disipou na nova etapa de María Jesús Lorenzana. 

O ITG desenvolve solucións de I+D+i nas áreas de Intelixencia Artificial (IA), enerxía intelixente e mobilidade autónoma. ITG
O ITG desenvolve solucións de I+D+i nas áreas de Intelixencia Artificial (IA), enerxía intelixente e mobilidade autónoma. ITG

E é que segundo puido saber Galicia Confidencial, a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, presentou hai uns días a súa dimisión por entender que o seu departamento estaba completamente minusvalorado desde a chegada da nova conselleira, María Jesús Lorenzana. Unha dimisión que Rueda non tería aceptado polo momento á espera de tentar solventar unha tensa relación que mantén esta directora xeral coa súa conselleira e o equipo que trouxo con ela logo da marcha de Francisco Conde.

Pero a tensión que se vive en Economía ven motivada polas novas prioridades do Executivo galego, unhas prioridades que a propia conselleira se encargou de definir durante a presentación das contas do seu departamento de 2024 e que distan moito das que tiña o seu antecesor no cargo. Conde apostou polo Polo Aeroespacial de Galicia,  o Polo de Tecnoloxías Cuánticas, o sector biotech, o Polo biotecnolóxico de Galicia da Sionlla e as Unidades Mixtas de Investigación.  Unhas prioridades que se envorcan na política industrial e que están definidas polo propio Rueda.

SIMPLIFICACIÓN BUROCRÁTICA PARA AS INDUSTRIAS

De feito, durante o debate do Estado do País, o presidente galego deixou de lado a innovación  -- á que lle adicou escasos cinco minutos da hora e media de discurso-- para centrarse na industria e no emprego que xera.  Así, as principais medidas que anunciou neste eido foi unha simplificación burocrática que garantirá que os proxectos industriais estratéxicos terán un prazo de tramitación garantida dun ano: e se a Administración non cumpre, indemnizará ao promotor. 

Laboratorio do CIMUS, en Santiago de Compostela con labores de investigación, ciencia e I+D+i
Laboratorio do CIMUS, en Santiago de Compostela con labores de investigación, ciencia e I+D+i | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Ademais, os proxectos de tamaño medio, cun investimento superior a 800.000 euros, contarán cun portelo único na Xunta, de forma que se reducirán os prazos á metade e garantirase o apoio do Goberno galego no caso de que os permisos de competencia municipal se demoren sen motivo. Nestes casos, "a propia Xunta podería chegar a emitir a licenza de obras".

 

E baixo a premisa de que a iniciativa privada "é fundamental" para o desenvolvemento económico de Galicia, Rueda soltou outra novidade: a Xunta impulsará un fondo público-privado con 300 millóns de euros, dos que só o 10% procederá das arcas autonómicas, para captar industria e proxectos tractores. "O resto será de investidores que aposten por Galicia e non por outros sitios". É un "financiamento adicional" ao diñeiro que chega do Estado ou Europa.

 

EÓLICOS, HIDRÓXENO E GRANDES EMPRESAS

 

De feito, Rueda insistiu en que reactivación ecónomica que promove o Executivo galego ten que ver co vento, onde deixou clara a posición da Xunta a favor dos parques eólicos en terra e no mar, e o hidróxeno, co anuncio da posta en marcha das primeiras axudas para proxectos de hidróxeno verde. Entre as grandes empresas beneficiares, Ence, Reganosa, Forestal del Atlántico ou Altri.

 

Non só é unha política de anuncios, senón de feitos. Nos últimos meses o Consello da Xunta ten declarados como proxectos industriais estratéxicos a Implantación dunha planta de produción de hidróxeno renovable H2Pole, promovido por Reganosa e EDP Renovables España; unha planta de pneumáticos  promovido por Sentury Tire e unha planta de biofibra reciclada branqueada, promovido por Ence Energía y Celulosa, S.A., todas elas nas Pontes.

 

Tamén o desenvolvemento dunha planta de produción de metanol verde a partires de captura de CO2, denominado Proxecto Triskelion, promovido por Forestal del Atlántico, S.A.; a implantación dunha fábrica de fibras téxtiles a base de celulosa en Palas de Rei, promovido por Altri Participaciones y Trading, S.L. e o desenvolvemento dunha planta de produción de hidróxeno renovable de Meirama en Cerceda - A Coruña, promovido por H2Meirama, S.L.

 

INNOVACIÓN E FONDOS EUROPEOS QUE TAMÉN XERAN EMPREGO

 

E fronte a esta prioridade insdustrial está a outra prioridade, a do I+D+I. Galicia ten posibilidades de convertirse nun gran captador de fondos Feder e RIS3 cos fondos comunitarios de cohesión que recibirá para o período 2021-2027.  O investimento total do programa Feder elévase nesta nova etapa a 1.567 millóns de euros (940,2 millóns de axudas da UE e 626,8 millóns de contribución a través do cofinanciamento autonómico). Deses fondos, 419,2 millóns vanse investir na construción dunha Europa máis competitiva e intelixente; 378,7 son para unha Europa máis verde; para unha Europa máis conectada se destinan 63,1 millóns e 79,2 millóns máis son para unha Europa máis social e inclusiva.

 

A RIS3, pola súa banda, implica a posta en marcha dun esforzo sen precedentes en I+D+i en Galicia. Ten como meta mobilizar entre 2022 e 2027 preto de 5.000 millóns dos que 3.000 corresponden a fondos públicos das diferentes administracións, e 2.000 millóns a mobilización privada.

 

Nos últimos anos, as universidades e as empresas galegas deron un salto en I+D+I cun incremento do 40% e un aumento do seu persoal investigador de ata un 92%. Son datos dos que presume o propio presidente da Xunta. E, nesta labor teñen gran importancia os centros mixtos de investigación. Nos últimos nove anos de percorrido que ten este programa, son 33 empresas, 28 delas multinacionais, as que levan desenvolvido proxectos con 13 centros de coñecemento galegos. Proxectos nos que nos últimos anos axudou, e moito, o diñeiro da UE e do Estado, moito del procedente dos fondos Covid e outros cos do Next Generation.

 

Desde o 2014 crearonse case 50 Unidades Mixtas que mobilizaron 130M€ a partir dun investimento público de 39M€ e que contribuíron á xeración e mantemento de 695 postos de traballo de alta cualificación. Por sectores, 15 delas constituíronse no sector da automoción, seis na industria naval, cinco en alimentación, catro relacionadas coa industria enerxética, ademais doutras no eido da saúde, o sector farmacéutico, o aeronáutico ou as TIC.

 

Como casos de éxito, está a Unidade Mixta da USC e os laboratorios Esteve, que xa deron cun novo fármaco para a dor crónica que superou todos os ensaios clínicos e está sendo avaliado para poder introducilo ao mercado e poñelo á disposición dos pacientes. E tamén a que conforman o centro tecnolóxico Aimen e o Grupo Copo, que está máis preto de obter o poliuretano que se usa para fabricar a espuma dos asentos dos coches.

 

CAL E FUTURO DA INNOVACIÓN?

 

E que vai pasar agora con estes proxectos?. A diminución dos orzamentos e as novas prioridades do Goberno galego están causando temor no mundo da investigación. O feito de que a Xunta priorice agora a Industria, os proxectos eólicos ou mineiros, por riba da investigación, a innovación e o I+D+I, pode supor un parón importante para proxectos propios que poden ser referentes a nivel europeo.

 

Salustiano Mato, catedrático de Bioloxía e director de numeroso proxectos europeos de innovación e transferencia de coñecemento, recoñece que Galicia tiña xa creado un importante camiño na investigación que non se debería parar agora. O  vicepresidente do CRUE, ex reitor da UVigo, ex director xeral de Investigación no bipartito e autor do libro "Novo modelo conceptual de transferencia do coñecemento" insiste na necesidade de apostar pola innovación.

"Hai que apostar por isto porque senón as liñas de investigación propias debilitanse", indica. "Agora é o momento chave para apostar polos numerosos fondos que existen e facelo de xeito decisivo. Non se trata só de tapar furados senón de afondar nas bases que nos permitan impulsar proxectos propios que son xa referencia noutros lugares", destaca a Galicia Confidencial.

Tamén desde a área Transformación Dixital e Innovación da USC, alertan do perigo que supón non continuar con proxectos consolidados e, sobre todo, con non afondar por políticas de i+D+i abertas durante a etapa do anterior conselleiro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta