Os migrantes acollidos en Sanxenxo pagaron máis de 600 euros pola viaxe: "Pasamos moito medo"

Actualmente reciben clases de español no Centro cultural de Dorrón.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 23/11/2023 | Actualizada ás 12:37

Comparte esta noticia

Os migrantes acollidos na localidade pontevedresa de Sanxenxo pagaron máis de 600 euros pola viaxe que os levou ata as costas de Canarias, nunha travesía na que pasaron "moito medo". Así o declararon dous deles a Europa Press antes de entrar nas clases de español que reciben no Centro cultural de Dorrón. O pasado 9 de outubro foi cando máis de medio centenar de migrantes recalaron en Sanxenxo.

Abdoulaye Diop, senegalés de 28 anos, explicou que chegaron a El Hierro o 21 de setembro despois de pasar máis de sete días no mar e relatou que no seu país traballaba nunha fábrica de peixe, pero "quería algo mellor". Esta mañá víuselle riseiro, falando coa súa familia por videochamada, e explicou que o prezo que pagou para vir foron 400.000 francos senegaleses, que son case 610 euros. "Pasei medo", indicou, xa que, sobre todo polas noites, facía "moito vento" e as ondas arrastraban a embarcación, na que non coñecía a ningún dos seus compañeiros.

Outro dos mozos, Botame Diol de 26 anos, explicou que é agricultor e que tamén traballaba como condutor de camións. Preguntado sobre porqué decidiu vir a España explicou que, en Senegal, "tivo un problema no traballo". Ambos se coñeceron na embarcación que os trouxo ata as costas de Canarias e agora, en Sanxenxo, son inseparables. Ademais, a diferenza doutros mozos, eles non teñen familia en España, pero falan todos os días por teléfono cos seus achegados. Actualmente, nas clases de español ve os conceptos máis básicos e cando xa teñan máis nivel darán contexto de historia, segundo explicaron membros de Accem, a ONG que os atende.

Os migrantes acollidos en Sanxenxo en clases de español./ ELENA FERNÁNDEZ / Europa Press
Os migrantes acollidos en Sanxenxo en clases de español./ ELENA FERNÁNDEZ / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta