A realidade da banda deseñada en Galicia: "Se vendes unha tirada de 1.500 exemplares, como autor levas 150 euros"

Ánxel Carramal, recente gañador do primeiro premio de banda deseñada dos Premios Provinciais á Xuventude, da Deputación de Pontevedra, polo seu cómic 'E Marcos puxo o seu suadoiro vermello', conta a Galicia Confidencial como é ser debuxante hoxe en día, entre ameazas como a precariedade e a irrupción da intelixencia artificial.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 02/12/2023 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O mundo da banda deseñada está a atravesar un momento de incertidume para os artistas sen precedentes. Á precariedade, que lamentablemente sempre formou parte da profesión, súmase nestes momentos esa sombra que planea sobre moitos outros traballos: a intelixencia artificial e seu uso para reemprazar empregados en profesións artísticas. Con todo, dentro destas inquedanzas, semella que en Galicia aínda quedan artistas contentos, que vén no idioma galego unha verdadeira oportunidade de diferenciación e de recibir apoio por parte das institucións públicas para financiar o seu traballo. Dende Galicia Confidencial conversamos co debuxante Ánxel Carramal, recente gañador do primeiro premio de banda deseñada dos Premios Provinciais á Xuventude, da Deputación de Pontevedra, coa súa obra 'E Marcos puxo o seu suadoiro vermello'. A súa andaina neste 'mundillo' é moi recente, pois comezou coa publicación da súa primeira obra o pasado mes de maio, agora xa preparando o seu segundo traballo.

O debuxante Ánxel Carramal nunha firma de libros
O debuxante Ánxel Carramal nunha firma de libros | Fonte: @vanerabade

"Dende o meu punto de vista en xeral, en España e no mundo en xeral, o que inclúe a Galicia, o mundo da banda deseñada está a pasar por un período de cambios críticos, coa irrupcións das intelixencias artificiais, por unha banda, coas protestas que houbo por parte dos traballadores de todos os tipos de arte e as folgas que se deron nos Estados Unidos por parte dos actores e dos guionistas; e coa problemática dos soldos, pois é un traballo mal pagado, o mundo das artes semella que vive na precariedade, salvo contadas excepción", considera Carramal, que explica que, con todo, no caso de Galicia cabe facer unha diferenciación notable. Onde radica a diferenza? No feito de ter unha lingua cooficial, o galego, que permite que moitas persoas só queiran ler cómics na súa lingua propia.

Así as cousas, "Galicia non se pode separar por completo da realidade no resto do mundo, non é un oasis con respecto ao resto de España e de Europa, pero, en comparación, si se está mellor, polos esforzos que hai de normalización lingüística e pola xente que merca o produto, porque sabe que ter un idioma cooficial é importante, así que o número de lectores en comparación coa poboación total é bastante alto, en comparativa co resto de comunidades que non contan cun idioma cooficial propio". O debuxante afincado en Pontevedra afirma que tamén "está habendo un impulso e esforzo importante por parte das institucións", e pon de relevo a "importancia de que a primeira publicación dun deseñador sexa en galego, destinada a un colectivo de lectores fieis que só mercan en galego, o que permite potenciar a lingua e que a obra sexa creada ao 100 % en galego dende o primeiro momento e distribuída en Galicia, que non é o mesmo que creala primeiro en castelán e logo traducila ao galego". 

Con todo, "a situación dista de ser óptima", pois "publicando só en galego é moi difícil gañar para vivir", apunta Carramal, que non se atreve a dicir imposible polo simple feito de que hai artistas xa consagrados, con moito recoñecemento e cunha produción prolífica no mundo da banda deseñada que poden vivir ben. "Pero dende o meu punto de vista, do que coñezo, é algo do que non se pode vivir en exclusiva, e tes que compaxinalo con outro traballo, con traballos quizáis de ilustración, ou con outros, como é o meu caso, que non teñen nada que ver coa ilustración ou co mundo da banda deseñada, nin sequera co mundo das artes", argumenta este deseñador, que engade que, "a non ser que se fale de industrias como os videoxogos ou a comunicación, onde se ofrece unha contratación física, e mesmo se pode entrar na categoría junior como freelance ou en prácticas para facer só unha parte dos proxectos".

"AÍNDA QUE O TRABALLO É IMPORTANTE, NESTE MUNDO TAMÉN INFLÚE A SORTE"

Unha das obras de Ánxel Carramal
Unha das obras de Ánxel Carramal | Fonte: Instagram Ánxel Carramal

No mundo da banda deseñada, pola contra, "recibes o teu soldo a partir dos royalties que fas, polos dereitos de autor e en función das vendas que faga o teu cómic". Canto sería isto en cifras? Carramal exxplica que a media que recibes como dereitos de autor supón un 10 % da obra, unha vez xa sacados os impostos, de maneira que se unha banda deseñada custa uns 10 ou 15 euros, ti recibirás nin sequera dous euros, 1,20 ou así, e á suma de todos os 'royalties' vendidos tes que restarlle o custe de darte de alta de autónomos, ese mes polo menos, e, no meu caso, un 15 % de IRPF, aínda que pode ser un 7 % nalgúns casos. En conclusión, como reafirma, "nun primeiro momento é practicamente imposible vivir da banda deseñada". "Podes compaxinalo coa ilustración, que si adoita pagarse a trazo alzado, é dicir, por ilustración entregada ou por parquete de ilustracións ou por libro ilustrado", aconsella. En banda deseñada, "nalgúns casos cando publicas danche un adianto dos dereitos de autor, pero estamos no mesmo caso, ti só te levas un 10 %, e se unha tirada grande en Galicia xa son 1.500 ou 2.000 exemplares, estamos a falar de que levarías pouco máis de 150 euros, o que nin sequera che soluciona o mes".

Por iso, o deseñador galego considera que o da banda deseñada é un traballo no que hai que mirar cara o futuro. Ademais, asegura que, "aínda que o traballo é importante, tamén inflúe a sorte, que é algo que está totalmente fóra do teu control, no sentido de que a túa obra de repente pode ser un éxito de ventas, poden facer unha adaptación del a animación ou a imaxe real, e pode pasarlle en calquera momento e a calquera, ou pode non pasar nunca, e iso é algo que non depende de ti ao 100 %, podes moverte e traballar, pero esa decisión non está nunca na túa man". Así, dende o seu punto de vista, "o camiño está en seguir publicando obras, seguir traballando duro e ben e sacar máis obras para poder facerse cun nome dentro do mercado literario, o que non pasa necesariamente por ser moi recoñecido, pero si por selo ata o punto de que che permita xa que os lectores saiban de ti, ao igual que o mundo editorial, para poder ter un fluxo de traballo máis constante, ata que vexas que tes uns ingresos máis regulares que che permiten vivir con certa tranquilidade".

"NON SE TRABALLA SÓ POR AMOR O ARTE, HAI QUE COMER E PAGAR O ALUGUER"

Neste punto, Ánxel Carramal saca a colación a entrevista que lle fixeron recentemente ao gañador do premio nacional de cómic deste ano 2023, Borja González, que dicía que "aínda que se levara o premio nacional, el seguía a ser mileurista, o que pasa é que agora tiña un colchón a maiores que lle permitiu deixar o seu traballo e financiarse os cómics que creaba". E é que facer cómics tamén é algo caro, por todos os materiais que se empregan, o que inclúe soportes dixitais que custan uns cartos. "Se tendo ese recoñecemento, que é un premio moi importante, tampouco che libra de saír adiante, como o vai facer alguén con menos prestixio?", plantéxase o deseñador. Entón, por que se adicou á banda deseñada? "Está moi estendido ese concepto de que o artista traballa por amor ao arte, e iso non pode ser así, como se os cartos fosen algo secundario, e eu aínda que non pido cobrar 5.000 euros ao mes e ter unha mansión si quero ter cartos para pagarme a cota de autónomos, regularme o seguro para poder ter xubilación ou unha baixa, pagar o aluguer, a comida e os materiais de traballo, e creo que é ao que aspira calquera persoa", asevera. O problema está en que "hai veces que nós mesmos, os artistas, interiorizamos a precariedade na que vivimos como algo normal".

Aínda así, este autor é un namorado do seu traballo e non o cambiaría por nada. "Tiven traballos nada relacionados co mundo do arte, traballos a media xornada ou a 30 horas, como o que teño agora, que me permitían compaxinar coa banda deseñada e pagarme as miñas cousas e ter os meus gastos, incluído pagarme os meus debuxos e bandas deseñadas e si que é certo que neses outros traballos chega o meu turno, fago a miña labor e marcho, por exemplo cando traballaba nos cines de Pontevedra ao mellor quedábame 20 minutos de máis se había moito traballo, pero no mundo da banda deseñada se eu me poño a debuxar non me importa sacar tempo de debaixo das pedras para poder ter o traballo feito", explica, engandindo que, con todo, "non é desfrutar como se estivese vendo unha película ou xogando a un videoxogo ou desconectando, porque debuxar require un esforzo e unha concentracións, e sempre hai procesos que son máis coñazo, momentos nos que te comparas aínda que non debas facelo, nos que te frustras, pero podo seguir ata as dúas da mañá aínda tengo que levantarme ás oito e non me importa facelo". "É algo que me sae, e saco tempo de donde sexa, e cando me sento e me dou de conta xa pasaron tres ou catro horas sin ser consciente", conta.

"A INTELIXENCIA ARTIFICIAL NON PODE NIN DEBE SUBSTITUÍR AOS ARTISTAS"

Polo que respecta á irrupción da intelixencia artificial na profesión, Carramal amósase consciente de que "este é un tema bastante delicado, porque hai xente a favor e xente en contra, no mundo dos artistas en xeral hai unha postura en contra das intelixencias artificiais, pero mesmo estando en contra hai visións distintas de por que se está en contra". Dende o seu punto de vista, "nunha banda deseñada é máis difícil a completa substitución da man humana, porque é algo moi complexo, a intelixencia artificial pode facerche unha ilustración solta ou unha portada, pero a banda deseñada é moito máis: combina contexto narrativo con ilustracións que hai dentro de cada viñeta; e iso é moitísimo máis difícil que unha intelixencia artificial o poida facer". Por que? Porque, como explica, "ás intelixencias artificiais que existen hoxe fáltalles unha intencionalidade, ben sexa comunicativa, representativa ou doutro tipo, alo menos polo de agora, ninguén sabe se dentro de 20 anos desenvolverán conciencia ou pensamento propio, pero de momento non é así". 

Por iso, Carramal considera que "a intelixencia artificial é algo que non pode nin debe substituír aos artistas, porque a finalidade do arte é comunicar, e con iso non implica que teña que facerse sobre algo complexo, nin mandar ideas moi trascendentais, pois unha tira cómica ou unha película que pretenda entreter é tanta comunicación coma unha obra sesuda que che faga replantearte a existencia". Ademais, a sombra da intelixencia artificial sempre está apoiada nesa idea de que chegou para eliminar moitos traballos. "Dende o meu punto de vista esa é unha aproximación equivocada e contraproducente", tanto "de cara ao seu control como a crear unha lexislación que regule as intelixencias artificiais", porque "unha intelixencia artificial non ten consciencia, non está pensando en quitarlle o traballo a ninguén".

"QUEN REALMENTE CHE QUITA O TRABALLO É O ENCARGADO DE CONTRATARCHE"

Neste senso, fai referencia a unha entrevista que lle fixeron ao programador dunha intelixencia artificial que "dicía que unha intelixencia artificial nin é intelixencia, porque o único que fai é xerar unha escala descomunal de algoritmos e operacións matemáticas para dar unha resposta con información xa existente; nin é artificial, porque a base dos seus comandos está nunha persoa, é unha persoa a que está mandando sobre ela". Así as cousas, o debuxante considera que "quen realmente che vai quitar o traballo non é ela, senón a persoas encargada de contratar aos artistas, que en lugar de seguir a contratalos decide contratar a intelixencias artificiais". Con isto asegura que "tampouco se trata de darlle ao botón to pánico e que se borren todas as intelixencias artificias", pois "levan con nós máis anos dos que pensamos e en moitos máis ámbitos, así que é algo que chegou para quedarse e vaise quedar, e canto antes o asumamos mellor poderemos adoitar unha postura ao respecto, de reivindicación e de loita polos nosos dereitos dunha forma realista, para conseguir regularizar e protexer o noso traballo".

Así mesmo, Carramal considera que mesmo pode ser positiva para os deseñadores se se usa ben. "A xente pensa que un debuxante sabe debuxar de todo polo simple feito de selo, e non é así", explica, engadindo que "eu, de feito, non sei debuxar nin tesoiras nin bicicletas, coñézoas pero resúltanme complicadas e se enriba tes que meterlle mans... nin as intelixencias artificiais saben facer mans (agora semella que xa melloraron nisto)". Así, indica que "se teño que facer unha bicicleta ou unha tesoira miro como é se teño algunha a man, busco referencias en imaxes en Google ou busco unha pola rúa; pero se teño que facer un edificio de 50 plantas, en Pontevedra, onde vivo, non hai edificios de máis de 12 plantas, así que, onde está a diferenza entre buscalo en Google imaxes ou coller unha intelixencia xeradora de imaxes que me represente un exemplo para que eu me faga á idea, non para copiala?". "Para min iso non é un uso ilexítimo, o que sería ilexítimo sería descargar a imaxe, copiala e pegala na viñeta da banda deseñada que eu estou creando, dicindo que é miña, pero iso mesmo podía facerse xa con Google", argumenta. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta