Escándalo E-Dixgal: "Como lle digo ao meu fillo que non pode ter móbil se pasa oito horas estudando nunha pantalla?"

Problemas de concentración, de desenvolvemento, estrés, adicción... Son só algúns dos efectos que pode ter nos menores unha exposición prolongada ás pantallas. A OMS recomenda non superar as dúas horas ao día, pero nun total de 630 colexios galegos isto non se está a cumprir.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 28/11/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Como dicirlle ao teu fillo que non pode ter móbil aos doce anos se no colexio pasa cinco horas ao día diante dunha pantalla e outras tantas na casa facendo deberes e estudando? Isto é o que está sucedendo na actualidade en moitos coles galegos, onde se impuxo como sistema de estudos o coñecido como E-Dixgal, un ordenador onde os nenos teñen as leccións, os exercicios e mesmo os exames. Dende o 2014 a educación en Galicia pasa por estes aparellos e moitos pais xa saltaron en contra deles, ao ver os efectos que estaban a causar sobre os seus nenos: dende mareos ata estrés, pasando pola temida dependencia das pantallas. Paula Bolaño, nai dunha pequena de segundo de Primaria e representante da ANPA do CEIP A Ramallosa de Teo así nolo explica:

Centro educativo adherido ao Proxecto E-DIXGAL
Centro educativo adherido ao Proxecto E-DIXGAL | Fonte: Arquivo

"O E-dixgal non é máis que un libro dixital, aínda que a Xunta queira vender que se trata da dixitalización da educación e demais, só é o equivalente a ter un libro en PDF: ten exercicios tipo test, a lección en PDF na pantalla, moito máis resumida que nun libro de texto normal, e mesmo exames tipo test, como se fosen os do carné de conducir", explica. Este sistema non é obrigatorio para todos os colexios, senón que se decide por votación no claustro, pero "con que haxa un voto de máis, se a maioría di que si, implántase". E quen podía dicir que non tal e como o venderon nun principio? Paula recorda que, "aínda que a Xunta non llo impón, vendeullo moi ben aos coles: regalábanlles os equipamentos, portátiles, pantallas... Polo que era unha cousa moi golosa e todos os coles querían ter a última tecnoloxía, claro".

Esta tecnoloxía cae inevitablemente nas mans dos pequenos en quinto e sexto de Primaria, no caso deste colexio, pero xa antes, en terceiro e cuarto, hai implantada outra cousa chamada 'snap' que tamén implica traballar con pantallas. "Foi así como saltou a alarma na ANPA, porque lle estaban poñendo pantallas a nenos moi pequenos, e empezáronnos a chegar queixas e máis queixas de nais e pais que criticaban que os seus pequenos pasasen tanto tempo diante do ordenador, explicando que a algúns lles doía á cabeza, que non se concentraban e que mesmo tiñan que imprimirlles os temas porque no ordenador non eran capaces de estudar", recorda Paula.

Todos os profesores deben traballar con E-Dixgal se así o dicta o centro? Non, pero como indica esta nai, "se algún profesor está en contra e quere ter libro físico, nos coles nos que se aproba o E-Dixgal a Xunta non lles dá axuda ás familias para mercar libros, así que os pais terían que comprarlle ese libro e pagalo íntegro, e a día de hoxe un libro finiño de todo xa vale 30 e pico euros, algo que non todas as familias poden afrontar". Así as cousas, a ANPA do CEIP A Ramallosa convocou unha asamblea para ver a opinión dos pais e, por votación, o resultado foi intentar quitar o E-Dixgal. A día de hoxe, están en proceso de recoller firmas para logralo, e xa levan máis de 180 (nun colexio no que hai uns 400 nenos en total). "As familias están firmando aínda que teñan aos seus nenos en Infantil, porque están moi preocupadas", manifesta.

"DEBERÍA POÑÉRSELLES UNHA CLASE DE INFORMÁTICA REAL, NON A LER UN PDF"

E é que os novos estudos sobre o uso das pantallas en idades tan temperás non son nada alentadores. A día de hoxe xa son 64.200 os alumnos galegos, pertencentes a 630 centros educativos, que estudarán con libro electrónico no próximo curso 2023-2024, pois neste último ano sumáronse outros 34 colexios. Catorce deles son da provincia de Pontevedra; doce da de A Coruña; catro da de Ourense; e outros catro da de Lugo. A maioría deses novos centros, un total de 24, incorporan E-Dixgal xa na etapa Primaria, mentres que nove o fan na ESO e un en ambas as etapas educativas. Todo iso cando a OMS recomenda evitar expoñer os nenos ás pantallas máis aló de unha ou dúas horas ao día. En nenos moi pequenos, a exposición ás pantallas durante moito tempo mesmo pode derivar en problemas de desenvolvemento.

Ademais, dende este colexio os pais tamén piden que, aparte de sacarlles o E-Dixgal, "se lles poña unha clase de informática real, porque estes nenos van para o instituto e non saben nin facer un Excel, nin un Word, non saben realmente andar cos ordenadores, máis aló de ler un PDF na pantalla, pero non saben facer unha búsqueda correcta na web". E é que, como di Paula, "non imos ser alleos ao mundo no que estamos e poñernos unha venda nos ollos e dicir: os meus fillos non van tocar os ordenadores; non é posible, o que hai é que ensinarlles a andar con eles con cabeza e a traballar con eles". "Estudar nun libro dixital non é para nada iso", asevera.

"O E-DIXGAL NON TEN CONTROL PARENTAL, OS NENOS ENTRAN ONDE QUEREN"

Por outra banda, outra das preocupacións dos pais vinculada ao E-Dixgal está en que como se lle vai dicir a un neno que non pode ter móbil ata unha determinada idade se realmente no colexio pode usar algo semellante. "Nós falamos coa concelleira de Educación do Concello de Teo, que é psicóloga, e comentábanos que xa hai nenos en terapia porque son adictos aos móbiles". Así mesmo, nestes ordenadores "poden buscar case o que queiran, pois o E-Dixgal non ten control parental", é dicir, "os nenos entran onde queren, en YouTube, e buscan o que queren salvo algunhas buscas que teñen capadas, como pornografía ou así", advirte Paula, que indica que mesmo "poden descargar Instagram ou Tik Tok, algo incríble". De feito, o propio sistema lles permite mensaxearse entre eles, o que tamén está a aumentar o 'bullying'.

Por se isto non fose suficiente, outra problemática engadida está na parte económica. Ao ser un portátil pequeniño que lles 'axuda' aos pequenos a estudar, pódeno levar para a casa ou deixalo no colexio. "No noso colexio teñen un armario fechado pequeno onde os gardan, e como non collen todos para deixalos a cargar, hai algúns nenos que o teñen que levar para a casa", explica esta nai, que asegura que "a Xunta pídelle ás familias que paguen un seguro do seu peto, seguro que non cubre todo, porque se a un rapaz se lle cae o ordenador, o seguro pode alegar que foi por facer un mal uso do mesmo e xa non lle paga, así que tes que desembolsar uns 300 euros do peto".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta