Pontón esixe por carta ao ministerio "máxima prioridade" en solucionar os atrasos diarios dos trens

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/11/2023 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, remitiu unha carta ao novo ministro de Transportes, Óscar Puente, para esixir a "máxima prioridade e esforzo" na resolución dos problemas que sofren os servizos ferroviarios do Eixo Atlántico e que están "a afectar diariamente aos miles de galegos que utilizan o tren para acudir a traballar ou estudar", ou as tarefas propias do día a día.

Na misiva, Pontón lembra que desde o inicio de setembro, os trens do Eixo Atlántico --especialmente algúns de media distancia, da liña Avant --no caso do traxecto A Coruña-Ourense-- e da conexión A Coruña-Lugo víronse afectados por continuos atrasos, avarías, cancelacións, incidencias, masificacións e falta de prazas, problemas que nas últimas semanas agraváronse " ata o punto de converterse practicamente en diarios".

Neste sentido, a portavoz do Bloque lembra a Ponte que Galicia "carece de momento de servizo de proximidade", un dos compromisos do pacto de investidura para implantalo durante esta lexislatura, pero mentres tanto os galegos "apostan decididamente polo tren utilizando os servizos do Eixo Atlántico como medio de transporte para a mobilidade" diaria.

Pontón tamén lembra que os galegos seguen esperando pola posta en marcha dos trens Avril. Pola súa banda, o portavoz parlamentario do BNG en materia de infraestruturas, Luis Bará, profundou nas demandas do BNG para que o ministerio adopte as medidas necesarias no prazo de tempo máis breve posible "para corrixir estas deficiencias" e considera que é "o momento de apostar polo tren para a mobilidade" do presente e futuro "por razóns económicas, ecolóxicas e de cohesión e vertebración territorial".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, xunto a Luís Bará, portavoz adxunto, no pleno do Parlamento de Galicia
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, xunto a Luís Bará, portavoz adxunto, no pleno do Parlamento de Galicia | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta