A figura do poeta Antón Tovar sairá das sombras grazas a unha iniciativa apoiada por unanimidade no Parlamento galego

A Comisión de Educación e Cultura aprobou por unanimidade unha Proposición Non de Lei para instar á Xunta a pór en valor a figura do poeta Antón Tovar, así como a coordinarse con outras institucións do tecido cultural galego unha programación ao redor da súa figura que axude a divulgar "a vida e obra deste mestre das letras".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 29/11/2023 | Actualizada ás 15:40

Comparte esta noticia

A Comisión de Educación e Cultura aprobou por unanimidade unha Proposición Non de Lei para instar á Xunta a pór en valor a figura do poeta Antón Tovar, así como a coordinarse con outras institucións do tecido cultural galego unha programación ao redor da súa figura que axude a divulgar "a vida e obra deste mestre das letras".

Con motivo do 20 aniversario do seu falecemento, o grupo popular foi o que promoveu esta iniciativa, facendo un repaso pola súa biografía e a súa traxectoria profesional, que se situou gran parte da súa vida en Ourense. Alí estableceu relación con artistas e escritores como Arturo Baltar, Xaime Quesada, Manuel Prego, Vicente Risco, Otero Pedrayo e López Cuevillas, entre outros. "Encadrado na chamada 'Promoción de ligazón', os seus textos están marcados polo existencialismo ou intimismo e a preocupación social", sinalou o deputado Carlos Gómez Salgado.

A súa obra inclúe case 20 poemarios en galego e castelán, ensaios e tamén unha novela. Na década dos 50 iniciou a súa actividade literaria en castelán, colaborando na revista literaria Poesía, destacando o poema galego 'Cando eu morra', e tamén co poemario 'Varro de Ninguén', inédito ata 1987, cando a Deputación de Ourense recolle nun volume a súa produción lírica. Será o ano 1962 o que marque a súa consagración como poeta galego. O libro 'Arredores', en palabras de Delfín Caseiro, encerra "toda a diversidade temática do universo tovariano, a angustia, o pesimismo, a relixión, Deus, a soidade, a palabra, o sufrimento, a rebeldía ou a identidade".

"Poeta de autenticidade e de coherencia, a súa figura está entre as primeiras voces líricas de Galicia da segunda metade do século XX", sinalou o popular, que apuntou ademais que "a súa militancia comunista e a súa querenza polo individualismo e a sociedade non axudaron á difusión nin á receptividade da súa obra". Para concluír, o deputado popular considerou "oportuno" traer ao Parlamento galego a vida e obra de creadores como Antón Tovar, que tiveron unha importancia nas letras galegas, "pero que hoxe permanecen reducidos ao coñecemento e a lectura dun escaso número de persoas".

POUCA MENCIÓN AO SEU COMPROMISO POLÍTICO PARA A OPOSICIÓN

Pola súa banda, os socialistas mostráronse a favor dunha iniciativa que ven "máis que necesaria", pero afean a "escasa" mención ao compromiso político e social de Tovar, á súa poesía "reivindicativa" e á súa militancia comunista. "Falla nesta iniciativa que non incidan en absoluto no contexto e no compromiso social do autor, como xa se dixo, militante do Partido Comunista, funcionario do Ministerio de Facenda, de onde é expulsado no ano 67 precisamente por esa militancia", lembrou Noa Díaz.

"Tovar amaba Galicia, amaba a humanidade e loitaba polos dereitos dos cidadáns. Era fiel ás ideas, ao seu partido, aos seus amigos. A súa poesía pura, limpa e intimista, converteuno no poeta galego máis importante da segunda metade do século XX", concluíu. O deputado do BNG, Daniel Castro, tamén se expresou na mesma liña que os socialistas, reivindicando o "necesario" deste recoñecemento para alguén que "non foi moi ben tratado case por ninguén". Con todo, igual que o PSdeG, os nacionalistas botan en falta unha maior referencia ao seu compromiso político. "Pór en valor figuras importantes para o noso país, para a nosa cultura, para a nosa lingua, está fenomenal. Pero iso ten que vir acompañado dunha acción de xustiza", demandou Castro.

Castro expresouse así en referencia ao que el cualifica de "deriva" no uso do galego. "Non se que pensaría de que ao Goberno galego non lle parecese ben que se empregase o galego en Madrid, no Congreso, ou en Europa, en Bruxelas. De que non se puidese empregar a nosa lingua en todos os ámbitos educativos, en todos os ámbitos da vida", denunciou. A iniciativa, cunha emenda de transacción do Grupo socialista, foi aprobada por unanimidade, cos 12 votos a favor da Comisión.

Antón Tovar
Antón Tovar | Fonte: cultura.gal - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta