A realidade da gandería en Galicia: como invertir nun sector no que non se sabe a rendibilidade a dous meses vista?

Óscar Pose, responsable do sector lácteo en Unións Agrarias, asegura que "a falta de estabilidade é algo que está lastrando ao sector, pois os donos de explotacións ou os que queiran crealas de cero non poden invertir ou quedar nun sector que non é rentable, que aínda que o é agora, non se sabe se o seguirá sendo dentro de dous ou tres meses".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 07/12/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A excesiva burocracia e a necesidade dunha grande inversión para arrincar fan que moitos mozos non vexan no campo unha opción de vida rentable. A gandaría xa non é o que era, iso está claro, pero ademais dende as propias administracións estanse a pór paus nas rodas continuamente. Así as cousas, o número de explotacións gandeiras caeu dende as 50.000 no ano 2000 ata as case 5.000 na actualidade. Unha ruína que fai que a día de hoxe so as macrogranxas funcionen, pois para unha persoa común é imposible facer fronte a todos os gastos que hai que soportar para poder ter algo de beneficio. A tecnoloxía axuda, pero tamén resulta unha inversión cun custe moi elevado e non ao alcance de todo o mundo. Deste xeito, a realidade actual é que mesmo no rural só quedan unhas poucas casas que resisten con vacas, os últimos sobrevivintes. Óscar Pose, responsable do Sector Lácteo dentro do sindicato Unións Agrarias, así nolo conta a Galicia Confidencial.

Varias vacas leiteiras pastorean na granxa Casa Grande de Xanceda, a 26 de marzo de 2022, en Xanceda, A Coruña
Varias vacas leiteiras pastorean na granxa Casa Grande de Xanceda, a 26 de marzo de 2022, en Xanceda, A Coruña | Fonte: Álvaro Ballesteros - Arquivo

"Antes era normal que moita xente vivise no campo e todos tiñan o seu pequeno establo e as súas fincas, nas que podían ter animais aínda que non vivisen do campo directamente", recorda Pose, que evidencia que, "a día de hoxe, hai menos xente no campo, e iso xa non é algo rentable, ao contrario, tendo dúas ou tres vacas perdes cartos, porque se os perdes tendo moitos animais, máis aínda se tes poucos". A única vantaxe ou atractivo estaría no feito de ter carne ou leite da casa, de boa calidade e sen ter que ir mercala ao supermercado, pero o certo é que "nin por esas é rentable". Ademais, Pose fai fincapé en que "a nivel administrativo tamén cambiaron moito as cousas, hoxe en día para poñer en funcionamento unha explotación de subsistencia tes que asumir unha serie de requisitos moi elevados, similares ao que che poñen para ter unha explotación profesional de gran tamaño". Facer toda unha serie de construcións que garanticen o benestar dos animais, instalacións, tecnoloxía... fai que aínda que non sexa imposible ter unhas poucas vacas, non teña moito sentido telas. 

Tendo isto en conta, os mozos non rematan de atopar o atractivo no negocio. "Para que sexa atractivo ten que haber unha rendibilidade, como en calquera outra industria, senón ninguén se plantexa ir para un sector no que ves que hai peches continuos de explotacións ou que moitas van á quebra ou os seus donos non teñen unha vida todo o digna que merece calquera persoa", evidencia este experto, que asegura que por estes motivos, entre moitos outros, "a xente non quere quedar no rural". No sector do leite conta que "é case imposible que abran novas explotacións". "Non hai ningunha explotación que se crease de cero nos últimos anos, o habitual é que se vaian producindo incorporacións a explotacións xa existentes, de fillos ou netos de xente que xa era titular dunha explotación e incorpora nela á súa familia, porque poñer hoxe en día en marcha unha nova require dunha inversión moi elevada: dende a compra dos animais, a compra ou o alquiler do terreo, a maquinaria, as instalacións...", explica, asegurando que "esa inversión inicial tan elevada faino case imposible.

No tocante á maquinaria, Pose vea como unha vantaxe que veu salvar a moitos, aínda que sexa moi cara. "Unha das características fundamentais do sector do leite é que a inversión ten que ser continua, non só en maquinaria para que traballe os teus terreos, para poder alimentar aos animais de forma máis rentable, coa forraxe que sacas do teu propio terreo (canto máis teñas, mellor), aforrando así unha parte importante en alimentación, evitando tamén que esta sexa a base de concentrados, como sucede en moitas zonas de España onde escasea o verde; senón tamén en instalación, porque a día de hoxe calquera titular dunha explotación agraria manexa perfectamente sistemas informáticos", afirma Pose, que exemplifica que "estamos vendo unha era de expansión moi grande do robot de ordeño, pois debido á falta de persoal que hai nas explotacións para atender ás vacas o robot é a única alternativa para aliviar un dos traballos que requiren máis horas ao longo do día (hai que ordeñar á mañá e á noite)". Pero claro, este robot trátase dunha "máquina moi sofisticada, moi avanzada e cara".

Finalmente, Pose ve outra problemática importante a día de hoxe: "Somos positivos en que este sector ten futuro, pero fáltalle rendibilidade ás explotacións, pero sobre todo fáltalle estabilidade a esa rendibilidade, porque agora estamos nun momento no que si teñen certa rendibilidade, pero fáltanos estabilidade, pois non sabemos o prezo que imos ter no leite dentro de dous meses, e todos están xa pensando nunha posible baixada para a primaveira, alo menos por parte das industrias". Así, este experto agrario considera que "esa falta de estabilidade é algo que tamén está lastrando ao sector, pois os donos de explotacións ou os que queiran crealas de cero non poden invertir ou quedar nun sector que non é rentable, que aínda que o é agora, non se sabe se o seguirá sendo dentro de dous ou tres meses", conclúe.

Un gandeiro verte o leite despois de que a industria láctea tivese que parar a súa actividade a partir do 17 de marzo de 2022
Un gandeiro verte o leite despois de que a industria láctea tivese que parar a súa actividade a partir do 17 de marzo de 2022 | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta