Canta presión teñen que soportar os menores migrantes que actúan a diario como intérpretes dos seus pais?

Marta Estévez Grossi, investigadora lingüística na USC, asegura que as súas prácticas lingüísticas "son borradas", porque "non se ten en conta que as actividades por parte dos menores contribúen ao funcionamento das sociedades, evitando que sexan os propios gobernos do país de acollida os que teñan que gastar recursos económicos en intérpretes para que estes migrantes poidan acceder a toda unha serie de servizos aos que teñen dereito".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 03/12/2023 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Algunha vez vos paráchedes a pensar nos nenos migrantes que teñen que actuar como 'tradutores' de pais, avós ou mesmo profesores? A palabra 'tradutor' non é a máis axeitada para referirse a este fenómeno, sería máis correcto falar de 'interpretación', pero enténdese ao que nos referimos. Nunha sociedade como a galega, migrante por natureza, parece que se invertiu un pouco a tendencia histórica: agora somos nós os que recibimos cada día a máis migrantes chegados de todo tipo de países: Portugal, Brasil, Marrocos, Cabo Verde, Arxentina... Normalmente, chegan familias completas, onde, por natureza, os nenos acaban aprendendo máis e mellor o idioma do país de destino, mentres que os pais e os avós semellan quedarse un paso por detrás. Así as cousas, en moitas situacións, dende trámites ata actividades cotiás, estes pequenos teñen que facer de intérpretes, o que supón para eles unha sobrecarga emocional e 'laboral', pero tamén un sentimento de empoderamento.

Nenos de todos os países convivindo en sociedade
Nenos de todos os países convivindo en sociedade | Fonte: Arquivo

Marta Estévez Grossi, experta en Intermediación Lingüística e investigadora da Universidade de Santiago (USC), participante este xoves no 'Simposio do Instituto da Lingua Galega 2023. Contacto de linguas: identidades e ideoloxías lingüísticas', lamenta que "este é un ámbito de investigación practicamente inexplorado, non só no contexto galego, senón en xeral". Nesto senso, fai referencia á existencia de determinados puntos cegos, pois, "dende a lingüística da migración, en xeral, os estudos céntranse no uso lingüístico individual das persoas, é dicir, que variedades empregan e con quen, naquilo que caracteriza o código dunha persoa migrante cando se comunica cunha persoa autóctona". Pero isto non só é así, pois "dentro da experiencia migratoria non podemos esquecer que se crean redes de apoio lingüístico, que non son menos importantes que as redes de apoio económicas ou sociais".

A lingüista pon como exemplo un estudo que realizou na cidade alemana de Hannover, na que analizaba as prácticas lingüísticas comunicativas, tanto dentro como fóra do grupo, dos migrantes galegos nesa cidade durante a década dos 60. Esta comunidade galega integrárase dentro dunha comunidade española xa existente en Hannover e, ademais de con ela, tamén precisaba comunicarse coa comunidade alemá da rexión. Tres idiomas entrecruzados: galego, castelán e alemán. No traballo, Estévez realizou varias entrevistas cos propios migrantes, pero tamén con expertos, responsables de institucións e de organizacións benéficas. Dentro dos datos, como indica, "atopamos 217 ocurrencias de interpretación institucionalizada (con traballadores do consulado, sindicalistas, traballadores de Cáritas, de Misión Católica Española...) e 114 ocurrencias de casos referidos a interpretación non institucionalizada (coa familia, con amigos, compañeiros...)".

Dentro destes últimos, "o 57 % desas ocurrencias trátase dun membro da familia que actúa como intérprete; e o 38,9 % é unha persoa coñecida ou mesmo descoñecida, nalgún caso (como se hai unha persoa na sala de agarda do médico e entrou comigo para facilitarme a comunicación co doutor)". Ademais, no caso das ocurrencias de membros da familia, "observamos que os fillos son aquelas persoas que adoitan funcionar como intérpretes neses contextos familiares migratorios". De feito, Estévez recorda unha entrevista realizada cunha antiga traballadora social de Cáritas, responsable de acoller social e lingüísticamente a migrantes de todos os países católicos.

Esta dicíalle que "cando os fillos se escolarizaron e aprenderon alemán, os pais facían uso dos coñecementos dos seus fillos, e os fillos chegaban a estar sobrepasados, e había casos nos que non sabían traducir, pois non é o mesmo falar español cos teus pais e no colexio alemán que que teñas que traducir, e dicíanlles aos pais que aínda que sabían o que querían dicir non o sabían traducir, e os pais non comprendían o por que, o que daba lugar a situacións duras". Así mesmo, ante esta circunstancia de estar facendo continuamente de intérpretes, "cando os fillos eran adolescentes minusvaloraban aos seus pais, porque os vían como desvalidos". 

Dúas nenas migrantes estudando na clase
Dúas nenas migrantes estudando na clase | Fonte: Unicef - Arquivo

DO 57 AO 100 % DE FAMILIAS MIGRANTES USAN AOS FILLOS COMO INTERMEDIARIOS

Así as cousas, Estévez chama a atención sobre o feito de que "cando as crianzas interpretan ou traducen non só transmiten unha mensaxe dunha lingua á outra, senón que ademais vense expostos a diversas situacións: relacións de poder, idades e experiencias doutros falantes, grao de confianza de adultos no que eles interpretan ou número doutros falantes involucrados". É dicir, moitas veces os menores, por ter que facer de intérpretes, teñen que falar con persoas que, doutro xeito, pola súa idade ou o seu cargo profesional, non tratarían, pois escápanse do que é habitual nesas idades. Por se isto fose pouco, expóñense a que eses adultos cuestionen se o que están a traducir é correcto. "É unha situación moi complexa con moitas implicacións para a vida das persoas involucradas", asegura a experta.

Deste xeito, a intermediación enténdese que é unha actividade cotiá e significativa común á experiencia do migrante, non típica ou propia dunha soa comunidade, senón que ocorre de xeito ubicuo. Como indica Estévez, "os datos que arroxa a investigación ao respecto varían moito: entre un 57 % e un 100 % das familias migrantes usan aos fillos como intermediarios lingüísticos", o que supón "un rango bastante amplo, pero que evidencia que é algo que ocorre de forma frecuente". A lingüista fai referencia a dous estudos, un realizado sobre Austria e outro sobre Alemaña, nos que se describían a situación e o contexto, así como os destinatarios, dos intérpretes menores migrantes. Así, sobre para quenes interpretaban, atopábanse nas primeiras posicións o pai, a nai, os coñecidos, os familiares, os descoñecidos, os compañeiros de traballo e os amigos. Por outra banda, sobre o tempo que se pasan interpretando, para a familia pasaban moito tempo interpretando. 

E que era o que interpretaban? Pois todo tipo de tipoloxía textual: palabras, cartas, chamadas telefónicas, películas, deberes, información da escola, documentos  legais, xornais... E onde? O contexto comunicativo era fundamentalmente a casa, pois é o lugar por excelencia no que se levan as notificación, se reciben as chamadas e se aproveita para poder mediar. Pero tamén en tendas, na rúa, no médico, na escola, no dentistas, en reunións con profesores, ou noutros lugares. Estévez afirma, neste senso, que "para nós é importante a escola neste contexto, porque é un dos ámbitos máis frecuentes nos que os menores teñen que facer de intérpretes, pois hai moitas reunións cos profesores e pais". Así, dentro do ámbito educativo, os rapaces poder interpretar para outros rapaces a petición do docente (porque hai un neno que chega novo e pídelle que o axude), interpretar para que se comuniquen dúas persoas adultas (como nunha reunión entre un pai e un mestre) ou interpretar entre pares da súa mesma idade de maneira espontánea, sendo os propios rapaces os que se atopan ante esta situación de intérpretes, sen que ninguén lles pida que vaian a interpretar a ningún sitio.

PRÁCTICAS HISTÓRICAMENTE "INVISIBILIZADAS", "SEN RECOÑECEMENTO SOCIAL"

A pesar do seu labor fundamental para facilitar esa comunicación entre persoas de diferentes comunidades lingüísticas, Estévez denuncia que as súas prácticas lingüísticas "son borradas", porque "non se ten en conta que as actividades por parte dos menores contribúen ao funcionamento das sociedades, evitando que sexan os propios gobernos do país de acollida os que teñan que gastar recursos económicos en intérpretes para que estes migrantes poidan acceder a toda unha serie de servizos aos que teñen dereito". As traducións realizadas polos menores "son prácticas invisibilizadas e non recoñecidas a nivel social, e ás veces nin sequera as propias crianzas son conscientes da importancia do que realizan". Para evidenciar esta invisibilización, a lingüista expón o caso dunha alumna súa que realizou un traballo de fin de máster sobre o tema, falando con sete ou nove rapaces hispanofalantes que actuaban como intérpretes nunha comunidade migrante de Hannover, e eles dicíanlle cousas como que "nunca pensei que alguén me preguntaría sobre isto, é parte do meu día a día, e ás veces non me pregunto como eu vivo iso". "Esta é a realidade desta invisibilización", afirma.

Tal é a invisibilización que os únicos estudos que hai sobre este fenómeno son moi tardíos. O interese polo mesmo comezou a partir da década dos 80, e "apareceu fragmentariamente en diversas disciplinas, non dende o ámbito da tradución, senón dende o da educación, a psicoloxía e a lingüística". Dende o ámbito da tradución o interese aparece no ano 2000, e, máis especialmente, a partir do 2012. Fai nada. Por que se borraba aos menores? Pois, como evidencia esta experta, "tratábanse por aquel entón dun elemento incómodo para os estudos de tradución, que estaban loitando pola profesionalización da actividade, e se enfrontaban aos menores como persoas que realizaban as súas actividades sen estar formados para iso". Esa é un pouco a visión que houbo ata hai dez anos. A partir do 2012, pola contra, xa se comezou a estudar o fenómeno dende o ámbito máis descriptivo, con estudos de corte cuantitativo e tamén outros máis centrados na resposta psicolóxica e afectiva dos menores.

Neste senso, a inmensa maioría dos traballos, como indica Estévez, céntranse en racalcar as consecuencias negativas desta intermediación: o sentimento de vergoña, a sobrecarga de responsabilidades... Todos estes traballos foron realizados no contexto internacional. A nivel español hai tamén algúns estudos, poucos, realizados pola Universidade Autónoma de Barcelona, polo que están moi centrados na realidade de Cataluña e, máis en concreto, na provincia de Barcelona. Pola contra, a lingüista lamenta que "no contexto galego non temos nada". Por iso, "dende 2023 integramos o noso ámbito de estudo no grupo de investigación metalingüística na USC, e agardamos que pronto comecemos a ter xa os primeiros resultados", amósase confiada Estévez.

Entre os diferentes proxectos desenvolvidos por este grupo de investigación, atopábase unha guía adicada ao profesorado, para que este tivese á man consellos sobre a realización de actividades que favorecesen esta materia. Pero, o máis interesante sen dúbida, foi a elaboración dun videoxogo, titulado 'Adventures of a young broker' no que se pode acompañar a diferentes rapaces durante unha semana no instituto, de diferentes comunidades lingüísticas, que se van atopando fronte a eles con diferentes situacións nas que teñen que mediar. Entre eses problemas, preséntanse cuestións éticas e situacións algo comprometidas, nas que os xogadores (fundamentalmente está dirixido a estudantes de Secundaria) poden tomar decisións de forma colaborativa e reflexionar despois sobre por que sucedeu unha cousa ou outra. "Hai que fomentar o debate", asegura Estévez, que explica que, deste xeito, "farase de forma colaborativa e sen necesidade de poñer o foco, como adoita facerse, naquel menor migrante que sei que seguro interpreta para a súa familia e lle pido que me conte a súa experiencias, pasando a reflexionar sobre o tema dende a abstración".

EXPERIENCIA NUN CENTRO DIVERSO DE BURELA, CON MOITOS MIGRANTES

Estévez tamén nos conta os resultados de dous estudos exploratorios levados a cabo polo seu grupo de investigación en Galicia. O primeiro deles foi realizado nun centro de Secundaria que contaba con moita diversidade, pois estaba situado en Burela, un municipio da mariña lucense no que hai gran diversidade cultural por ser un pobo mariñeiro con moitos traballadores que chegan de fóra. Nel realizáronse actividades de visibilización da diversidade lingüística nas aulas, durante tres días. Os resultados obtidos dentro do grupo de traballo foron moi consecuentes: "tivemos constancia de situacións de intermediación por parte dos menores, observámolas nós mesmos nas aulas, e tamén de intermediación entre pais". Como exemplo recorda o caso de "un rapaz que levaba moi pouco tempo en Burela e había unha actividade das que plantexamos que el non entendía, así que os seus outros compañeiros da mesma comunidade ca el íanlle traducindo".

Ademais, atoparon unha especificidade propia do contexto galego: "Usaban o portugués como lingua ponte". E "unha alumna contounos que ela actuaba como intermediaria para toda a súa familia e tamén para toda a súa comunidade, porque era a única que sabía falar español e, cando calquera dos mariñeiros precisaba entender algo, acudían a ela para que lles interpretase".  Igualmente, "outra alumna contounos que ela facía de intérprete para súa irmá, que non adquirira a lingua de herdanza, era a irmá pequena e sempre lle falaran no idioma nativo". Do mesmo xeito, "outra alumna actuaba como intermediaria para a súa avoa, que non gozaba das competencias lingüística necesarias para comunicarse de forma autónoma cando acudía aos servizos públicos, ao médico e demais". Así, Estévez conclúe que "en só tres días xa emerxeu todo este tipo de diversidade e de situacións, nas que os menores nos contaban con naturalidade que realizan de intérpretes lingüísticos para as súas familias e, en non poucas ocasións, tamén para os seus profesores".

O segundo estudo foi realizado sobre o profesorado, que desenvolve un papel moi importante neste ámbito das boas prácticas e da sensibilización. Así, acudiuse a unha clase de estudantes do máster de profesorado en Secundaria e recolléronse os resultados de varias enquisas: un total de 34 persoas de toda Galicia. Á pregunta de se na súa clase había compañeiros estranxeiros que falasen outras linguas, un 60 % pensaba que si; cando se preguntou pola lingua en cuestión que falaban, saliron a relucir o árabe, o francés, o portugués, o brasileiro, o francés, o marroquí e outros moitos, polo que "tamén vimos que había bastante diversidade lingüística en toda a comunidade". Cando se lles preguntou se algunha vez viran aos nenos actuando como intérpretes, o 36 % dixo que si, e un 24 % que non estaba seguro, porque é algo difícil de observar se non pertences á comunidade migrante. A maioría (o 72 %), dixeron que facían de intérpretes dos seus pais, pero varios tamén apuntaron que traducían cartas aos seus avós, "pois estes eran migrantes e non entendían cartas nas que lle pedían fe de vida para cobrar a pensión", por exemplo. Ademais, un 67 % do profesorado recoñeceu que no futuro seguramente recuriría a outro estudante para actuar como intérprete en caso de que un neno non o entendese.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta