Mercado de Nadal en Verín

Será os días 8, 9 e 10 de decembro e contará con vinte e sete postos temáticos de artesanía, decoración e alimentación. O recinto contará tamén con animación musical e actividades para a cativada.

Por Galicia Confidencial | Verín | 02/12/2023 | Actualizada ás 09:25

Comparte esta noticia

A programación do Mercado de Nadal foi presentada o 30 de decembro no Concello de Verín polo concelleiro de Transportes, Feiras e Hostalería, Manuel Lorenzo Feijóo e pola concelleira de Turismo, Cultura, Festexos, e Conservatorio, Samanta Barreira.

Presentación do Mercado de Nadal a cargo de Manuel Lorenzo e Samanta Barreira. Foto: Prensa Concello de Verín.
Presentación do Mercado de Nadal a cargo de Manuel Lorenzo e Samanta Barreira. Foto: Prensa Concello de Verín.

Segundo destacou Manuel Lorenzo, finalmente serán un total de vinte e sete os postos temáticos que se instalarán no recinto feiral e que "contarán cunha completa e variada oferta de produtos de artesanía e alimentación". O horario da Feira será de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

"Como xa ben sendo habitual, a música terá un especial protagonismo durante a feira", destacou Samanta Barreira. O venres 8 de decembro, ás 19:30 horas, a Banda de Gaitas do Concello de Verín inaugurará o recinto feiral, realizando un pasarrúas pola Plaza García Barbón e Casco Histórico. O sábado 9, ás 12:30 horas, actuará a Coral de Verín; e ás 19:30 horas, a animación correrá a cargo da Banda de Gaitas Nova Era. Xa o domingo 10, ás 18:00 horas, a Coral “A Tempo” poñerá o broche musical  á derradeira xornada do evento.

ACTIVIDADES INFANTÍS E PREMIOS

Entre os días 6 e 10 de decembro instalarase na Praza García Barbón un Carrusel Infantil. O horario de apertura será de 12:00 a 14:00 h e 17:00 a 20:00 e o prezo de entrada será de 1 euro.  Como peche do mercado, o domingo 10, a partir das 17:00 horas, os nenos e nenas que se acheguen ao recinto da feira recibirán a visita de Papa Noel.

O mesmo domingo, ás 19:45 horas, terá lugar a entrega do premio ao mellor stand de Nadal e o sorteo da Cesta con diferentes produtos cedidos polos expositores, antes do peche do recinto feiral.

ALUMEADO DE NADAL

Segundo informa o concello, o venres 8 de decembro, ás 18:00 horas, procederase o acendido das Luces de Nadal no recinto feiral. E nos días seguintes o alumeado irase estendendo progresivamente polo resto do casco urbano, así como nos núcleos rurais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta