As sumas, e restas, de Yolanda Díaz en Galicia

A líder de Sumar quere pivotar unhas negociacións en Galicia que non dá pechado tras multiples problemas entre os distintos actores políticos e a falla dunha ou dun candidato. As negociacións con Anova e determinado espazo municipalista están estancadas e a posibilidade de coalicións co PSOE non é descartada por algunhas voces do movemento.

Por Xurxo Salgado | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/12/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Yolanda Díaz segue tentando facer un movemento político a súa medida. Un movemento, o de Sumar, que xa é o seu, pero no que non acaba de atar todo os fíos soltos. Pásalle en Madrid e pásalle agora en Galicia e iso que xa ten unha longa experiencia en negociacións e en ascensos politicos en Unidas Podemos; Galicia en Común, Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) e Izquierda Unida-Esquerda Unida (IU-EU).

A vicepresidenta segunda en funcións e líder de Sumar, Yolanda Díaz (e), e a portavoz parlamentaria de Sumar, Marta Lois (d), ofrecen unha rolda de prensa
A vicepresidenta segunda en funcións e líder de Sumar, Yolanda Díaz (e), e a portavoz parlamentaria de Sumar, Marta Lois (d), ofrecen unha rolda de prensa | Fonte: Alejandro Martínez Vélez - Arquivo

A de Ferrol fichou a un veterano da política galega, Paulo Carlos López, para engraxar toda a maquinaria de Sumar. Un político de carreira e vocación que comezou moi novo militando no BNG, e que acabou de candidato de Compromiso por Galicia,  nas europeas de 2014 nunha coalición co PNV e CiU.

Pero tras esta fichaxe, Yolanda Díaz está tendo problemas para atopar quen lidere ou sexa a faciana visible da coalición Sumar en Galicia. Marta Lois, a súa amiga e número dous, está chamada a grandes tarefas en Madrid e Verónica Martínez, a deputada que Sumar acadou en Pontevedra, ten difícil deixar o Congreso porque a súa saída para liderar as listas en Galicia provocaría a entrada doutra deputada de Podemos, Veronica Hermida Longa, actual voceira da formación en Galicia, o que elevaría o grupo dos de Podemos en Sumar a seis integrantes.

O do liderato da candidatura non é un problema menor. Movemento Sumar Galicia tivo que frear a presentación da promotora que impulsa o proceso do que sairá a persoa candidata, coa intención de chegar máis aló do acordo con Podemos e Izquierda Unida-Esquerda Unida. Un acordo no que Podemos pide que sexa por primarias e sen imposicións e no que, por agora, hai pouco do amplo espectro que integrou AGE ou Galicia en Común. Falta a pata municipalista e a nacionalista.

NOVAS NEGOCIACIÓNS

Por iso, Yolanda Díaz parou máquinas e puxo aos seus fies colaboradores a tentar chegar acordos con Anova e con ese gran espazo municipalista das mareas que ela impulsou, especialmente, Compostela Aberta e a Marea Atlántica, e, en menor medida, Marea de Vigo e Ferrol en Común, estes dous últimos, movementos liderados por militantes de IU-EU e, polo tanto, afíns á de Ferrol. A líder de Sumar non descarta nesta ecuación a volta do ex rexedor de Compostela, Martiño Noriega á primeira liña política. Pero as negociacións non acaban de satisfacer a ningunha das partes. Por agora, non hai ningún avance, pero iso non quere dicir, que non o haxa no futuro.

A vicepresidenta segunda e ministra de Traballos e Asuntos Económicos, Yolanda Díaz
A vicepresidenta segunda e ministra de Traballos e Asuntos Económicos, Yolanda Díaz | Fonte: Jesús Hellín - Europa Press

E, en parte, todo depende das expectativas coas que parte Movemento Sumar nas eleccións galegas e, a priori, non son boas. Unha cousa son as eleccións estatais e outras as galegas. E hai experiencias anteriores que acenderon todas as alertas, especialmente, o acontecido con Galicia en Común-Anova-Mareas, a lista que liderou Antón Gómez-Reino nos comicios de 2020 e que quedou lonxe de entrar na Cámara galega tras acadar, tan só, 51.360 votos, o 3,94%.

NA PROCURA DE COALICIÓNS

Por iso, é certo --aínda que logo Paulo Carlos López o desmentiu-- que distintas voces do espazo apuntaron a posibilidade de tentar buscar unha coalición electoral co PSdeG, un ofrecemento que algúns mesmo farían estensivo ao BNG nas provincias do interior, Lugo e Ourense. Unha idea, esta, que tamén ven con moito interese voces socialistas.

De feito, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, non tivo problema en recoñecer que a esquerda "debe axuntar esforzos", tamén na súa provincia, porque "cando hai moita división, se fracciona moitísimo o voto e hai moitas eleccións lexítimas que despois non alcanzan representación" e por tanto quedan como un voto "inútil". "Canto máis se divida o voto da esquerda, máis opción terá a dereita de perpetuarse no Goberno", advertía este venres.

PRECEDENTES

Non é a primeira vez que hai coalicións entre o PSOE e espazos máis a esquerda. Nas eleccións de 1997, Abel Caballero, o actual rexedor de Vigo, liderou unha gran alianza entre  PSOE, Esquerda Unida-Esquerda Galega (EU-EG) e Os Verdes, aínda que os resultados foron modestos. Aquela alianza acadou 15 deputados, dous deles para EU-EG que levou á cámara aos míticos deputados Anxo Guerreiro e Xosé Manuel Pazos.

O EX ALCALDE DE FERROL E HENRIQUE MONTEAGUDO

ex alcalde de Ferrol Jorge Suárez e o catedrático e vicesecretario da Academia Galega Henrique Monteagudo son dúas dos nomes que figuran na promotora de Sumar Galicia, un órgano que vén de arrincar os motores no tempo de desconto da lexislatura galega para presentarse nas eleccións autonómicas do próximo ano.

Entre o medio centenar de nomes que figuran na lista de asinantes, segundo as fontes de Sumar Galicia consultadas por Europa Press, figuran outras persoas vinculadas ás mareas municipalistas e do mundo sindical de UGT, CC OO e CIG. Todas elas contan coa "confianza" da líder do partido, Yolanda Díaz, quen supervisou a implantación da organización en Galicia e quen mantivo contactos directos cos promotores a semana pasada aproveitando a súa visita a Vigo para a presentación dun libro.

Así, coa "promotora practicamente pechada" duns 50 membros --e que, despois de paralizarse a súa presentación a semana pasada, está previsto que se dea a coñecer en breves--, os nomes responden a perfís "diversos" da sociedade civil, dos movementos sociais e profesionais de "recoñecido" prestixio e representan "a diversidade do país, tamén no ámbito territorial".

Desta forma, ademais do portavoz, Paulo Carlos López, estarán na promotora as deputadas galegas de Sumar --Marta Lois e Verónica Martínez Barbeiro--, os asesores do Ministerio de Traballo Manolo Lago (ex deputado tamén no Parlamento) e José Manuel Sande (ex senador e ex concelleiro de Marea Atlántica); o ex secretario xeral de CC OO en Galicia, Ramón Sarmiento Solla; a responsable de LGTBI de UGT-Galicia, Laura García Parada; e a delegada sindical da CIG e activista do movemento feminista, Rocío Núñez Rúa (próxima a Marta Lois e que xa participou na campaña das xerais).

No ámbito cultural, Sumar conta con Henrique Monteagudo, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e vicesecretario da Real Academia Galega. Do municipalismo, destaca o nome de Jorge Suárez Fernández ex alcalde de Ferrol e militante de Esquerda Unida-Esquerda Unida, aínda que a súa presenza está ligada á proximidade ao proxecto de Yolanda Díaz.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Gamela

Confiamos que Martiño Noriega (Anova) non volva picar dúas veces na mesma rateira ! Pero tampouco entendemos que haxa en Galicia centos de grupos abandoados á súa sorte ! Grupos Municipalistas que ninguén consolará... https://igv.gal/colectivos-asinante... Nin BNG nin PSdG os representan e están bastante queimados (aquí é onde Yoli buscará votos) ? Veremos como baila Sumar-Restar-Divide e Vencerás !

1 Carlos Paulo

Centos non miles de municipalistas que non miran polo seu municipio senon por madri