A Xunta di estar aplicando a recomendación de Contas sobre as autoestradas con peaxes en sombra

"Estamos a pagar 44 millóns por calcular mal o reequilibrio", dixo a deputada socialista Patricia Otero, que citou varias das conclusións do documento do ente fiscalizador.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/12/2023 | Actualizada ás 16:06

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asegurou que o seu departamento "leva tempo aplicando" as recomendacións incluídas no informe do Consello de Contas que conclúe que a Xunta paga 44 millóns de máis polas autovías de peaxes en sombra.

Así o manifestou este martes durante o pleno da Cámara galega, no que deu resposta a unha pregunta formulada pola deputada socialista Patricia Otero, que afeou á Xunta que optase en 2014 pola opción "menos vantaxosa" para os galegos ao non renegociar as concesións.

"Estamos a pagar 44 millóns por calcular mal o reequilibrio", dixo Patricia Otero, que citou varias das conclusións do documento do ente fiscalizador.

Respecto diso, Ethel Vázquez, sostivo que a construción das autovías con pago a diario de concesión permitiu adiantar a posta en servizo de infraestruturas de altas prestacións, pero criticou que o bipartito fixo un "uso excesivo" desta modalidade na época de maior "bonanza económica" o que, segundo denunciou, derivou nunha "hipoteca" para a Xunta.

Na súa intervención, a conselleira sostivo que o Goberno galego logrou reducir desde 2009 nun 60% o endebedamento que deixou o bipartito e que, conforme cifrou, "ascendía a máis de 4.100 millóns".

Ademais, detallou que en Galicia hai cinco autovías autonómicas cuxa construción, mantemento e explotación foron contratadas baixo a modalidade de concesión de obra pública con peaxe en sombra nunha época de bonanza económica que a Xunta segue abonando puntualmente.

Tras iso, puxo en valor a eficacia do actual Goberno galego no emprego dos recursos públicos, ao asegurar que permitiu ir pagando as citadas débedas e avanzar na construción de novas estradas libres de peaxes, favorecendo o reequilibrio territorial.

Por último, destacou que a xestión da Xunta posibilitou construír case 220 quilómetros de vías de altas prestacións libres de peaxes e manter nos orzamentos dos últimos anos unha media anual de 50 millóns para a conservación dos 5.500 quilómetros de estradas autonómicas.

CRÍTICAS DO PSOE

Retencións na autoestrada AP-9 á súa entrada en Vigo
Retencións na autoestrada AP-9 á súa entrada en Vigo | Fonte: DGT

En fronte, a portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Patricia Otero, advertiu que a negativa do Goberno galego a renegociar as peaxes en sombra de tres autovías de titularidade autonómica supón a perda de 44 millóns de sobrecusto.


Ademais, criticou que a conselleira non atenda ás recomendacións do ente fiscalizador e sostivo que a decisión do Goberno galego supuxo que se lles pagase 205 millóns de euros máis dos previsto ás concesionarias, aos que se sumaron outros 44 millóns de euros polo "erro" no cálculo feito pola Xunta para acudir en auxilio das empresas.

PEAXE DA AP-53

No pleno, ademais, a conselleira insistiu na demanda do Goberno galego ao Executivo estatal para a liberación da peaxe do tramo estatal da conexión Santiago-Ourense, a AP-53.

Ethel Vázquez cualificou como unha anomalía que este eixo de comunicación teña unha parte, a estatal, que é de pago, e outra, a autonómica, que é gratuíta para os usuarios, con peaxe en sombra asumido pola Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta