O Goberno central corrixirá topónimos deturpados da Coruña e Ourense nun documento oficial tras denuncialo o BNG

O Ministerio confirma que "se está xestionando o cambio de denominación" da citada listaxe, o cal levará tamén "outras modificacións" como as correspondentes contas de correo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/12/2023 | Actualizada ás 19:16

Comparte esta noticia

O Goberno central corrixirá os topónimos deturpados da Coruña e Ourense dun documento cun un protocolo de asistencia técnica para pequenos concellos, despois de que o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denunciase o incumprimento da lei galega de normalización lingüística.

En concreto, Rego formulou unha pregunta escrita na que afeaba que aparecesen as palabras 'La Coruña' e 'Orense' nun documento do Ministerio de Facenda que establecía unha listaxe de contactos das antenas estatais, provinciais e autonómicas dun protocolo destinado a fomentar a participación de entidades locais de menos de 5.000 habitantes no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) deseñado polo Executivo estatal.

Segundo a resposta remitida ao deputado do Bloque, o Ministerio confirma que "se está xestionando o cambio de denominación" da citada listaxe, o cal levará tamén "outras modificacións" como as correspondentes contas de correo.

O BNG lembraba na súa iniciativa que a lei autonómica de normalización lingüística de 1983 establece, no seu artigo 10, que "os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega". Do mesmo xeito, outra norma aprobada en 1998 polas Cortes Xerais modificou o topónimo das provincias da Coruña e Ourense para abandonar a forma deturpada.

Toponimia deturpada
Toponimia deturpada

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta