Recompor a memoria. En galego, claro!

«Patria temporal da lingua / onde me acobillo e me defendo, / fixen dos ecos que sementaron / os labios dos mortos / a miña casarela de home triste». (Antón Tovar, Patria das miñas palabras)

Por Xosé Antón Jardón | Vilar de Santos | 11/12/2023

Comparte esta noticia
Di o dicionario da RAG que a memoria é «a facultade que permite reter na mente e facer presentes, mentalmente, cousas pasadas». Mais, de pouco nos valería esa capacidade, aparentemente marabillosa, se simplemente fose a artesa dos pretéritos, se non nos axudase a sermos capaces de recompor maxicamente o noso pasado, para que os recordos agromen e rebulan no caletre ata imbuírse na experiencia que a comunidade –Galicia– nos vai legando ao longo dos tempos. En fin, pouco servizo nos faría tal aptitude se renunciaramos á capacidade de transformala en memoria colectiva.
 
O último domingo de novembro (como xa fixeramos hai sete anos en Parada de Outeiro) celebramos, no cemiterio de Vilar de Santos, o Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia. Entre o concello, o Museo da Limia e a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, colocamos a placa na que se pode ler: «Na memoria de todos os que aquí xacen, porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu». O día 2 de decembro, entre o Concello de Xinzo e a antedita asociación substitúen, por unha en galego, a placa que hai na tumba de Teresa Rodríguez Blanco e porán unha nova á entrada do cemiterio de Morgade. E todo iso faise co devezo de contribuír á galeguización dos cemiterios e exequias fúnebres, coa necesaria teimosía de manter a memoria colectiva que nos deixaron de herdanza os nosos devanceiros. 
 
Con tal actitude só pretendemos gurrar contra un feito incomprensíbel: nos camposantos descansan os ósos da xente que sempre falou en galego; mais, no tránsito da vida á morte, a meirande parte dos curas impóñenlle, aos familiares dos seres queridos, o seus último adeus nunha lingua distinta, ao celebrar os actos litúrxicos en lingua castelán. E nós, resignados, azacotamos esa fatalidade tentando atoar nunha hora o legado de máis de mil anos, ao encher as lápidas de inscricións redactadas noutras falas, sen medo e sen pudor a cometer o sacrilexio de sermos cooperantes necesarios dos que pretenden aniquilar o noso pasado. 
Actos como os desoutro día deberían valernos para remelarnos contra esa revirada diglosia, que non deixa de azacotar o desleixo e a perdurábel submisión lingüística da nosa fala. Deberiamos alimentar algo a autoestima e sermos máis respectuosos coa nosa memoria colectiva, exercendo o dereito a non recuar nunca no tocante á lingua, esixíndolle aos que se encarguen do noso tránsito final que respecten a nosa bagaxe lingüística. E merecemos tamén que as institucións, se o fan cada día coas cousas insignificantes, pensen e gasten unha chisca na galeguización dos camposantos, aínda que só sexa para que non nos vexamos na obriga de acudir ao spray, como tivemos que facer no seu día para normalizar os nosos topónimos.  
 
[Xosé González Martínez leva moitos anos teimando con esta atinada iniciativa. Por iso,  o meu tío Lisardo,  pensa que debiamos rebautizar novembro co nome de ‘Mes da Memoria Lingüística’, e converter así a época máis outoniza e melancólica do ano –ese tempo no que o abrente se confunde coa bocanoite– na raiola de luz intensa e incesante, capaz de afastar do noso alcance os indecisos nubarróns de follas secas que nos impiden agatuñar ata a última cana dos carballos espidos, onde aletarga a inspiración necesaria para escachar as lousas que tabican a recomposición da nosa memoria]

A tumba de Álvaro Cunqueiro, cunha lápida en galego
A tumba de Álvaro Cunqueiro, cunha lápida en galego | Fonte: Galipedia
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antón Jardón Xosé Antón Jardón Dacal (Vilar de Santos, 1952), é Coordinador do Padroado do Museo da Limia. Colabora habitualmente con artigos de opinión e relatos en La Región, Galicia Confidencial, Praza.gal, Temposdixital e BadalNovas. Coautor dos libros A luz da chuvia (2019) e O Lebre das Casarizas, unha vida de máquinas e inventos (2019), ten participado en diversas publicacións colectivas: Limiaxinacións, Evocacións das Terras do Lethes (2009), Miguel, un cura grande en Parada de Outeiro (2009). Secretario-interventor de administración local xubilado, foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e Delegado da Consellería de Industria no bipartito.