Novas decoracións e un amplo programa cultural de Nadal en Allariz

A vila do Arnoia convida un ano máis a vivir "un Nadal diferente" con novos decorados para visitar e unha programación chea de música, humor, teatro, obradoiros e lecer infantil.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 12/12/2023 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Allariz prepárase para celebrar o Nadal lucindo xa a súa característica decoración e presentando unha programación chea de actividades para todos os públicos dende o 16 de decembro ata o 5 de xaneiro. 

Presentación da programación de Nadal. Cristina Cid, xunto cos concelleiros de Cultura, Alberto Conde, e Promoción Económica, María López.
Presentación da programación de Nadal. Cristina Cid, xunto cos concelleiros de Cultura, Alberto Conde, e Promoción Económica, María López.

Dende hai anos, o Concello de Allariz desmarcouse da tendencia de presumir de luminarias a conta de facer un desembolso económico moi grande para animar as rúas da vila e atraer visitantes. Baixo o reclamo de ‘Un Nadal diferente’, puxéronse mans á obra para confeccionar uns decorados moi artesanais e sostibles que chamaran a atención e que lle desen un encanto especial á vila.

Abofé que o conseguiron, pois dende aquela son un dos concellos ‘alternativos’ que máis visitas recibe e dos que acadan máis titulares precisamente por ser orixinais e diferentes no que a decoración de Nadal se refire.

Este ano presentan un mapa de 11 espazos, algún deles novo respecto a outros anos, esparexidos pola vila para visitar e fotografar en familia. Eses decorados son: O Mercado de Nadal, Minimundo, Agasallo de Nadal, Parque de Atraccións, Estación de Esquí, A Fraga Nevada, O Xardín das Lambetadas, Postal de Nadal, Pista de Xeo, Nadal na Casa e Casa dos Gnomos.

PROGRAMA CULTURAL E DE LECER

A veciñanza e os visitantes que se acheguen gozarán dunha variedade de eventos, como concertos, monólogos de humor, teatro, obradoiros e actividades típicas da tempada, como a Carreira Solidaria que despide o ano e a Cabalgata de Reis.

Porquiños na neve. Foto: XMF
Porquiños na neve. Foto: XMF

Os/as máis pequenos/as terán a oportunidade para gozar de obras de teatro durante este Nadal. O 16 e 23 de decembro, presentaranse as obras "Cecilia e a súa boneca" e "Backstage" na Casa da Cultura de Allariz ás 18:30h ambos os días.

Ademais, o Campo da Barreira acollerá o sábado 16 de decembro, ás 22:30h, o concerto dos alaricanos Roña e Kulo de Rata; e o domingo 17, a Escola da Banda Unión Musical de Allariz ofrecerá tamén alí un concerto de balde ás 12:30h.

Do 26 de decembro ao 3 de xaneiro, o pavillón do IES de Allariz acollerá o Nadal Parc, onde os/as nenos/as de ata 12 anos poderán gozar de inchables, áreas de xogo e obradoiros. Os obradoiros teñen capacidade limitada polo que deberás consultar dispoñibilidade de prazas na Casa da Cultura de Allariz.

HUMOR, DEPORTE E VISITA DOS REIS

Sergio Pazos estará o sábado 30 para contaxiar humor ás 20:30h na Casa da Cultura, e o 31 de decembro celebrarase a Derradeira Solidaria con carreiras para adultos ás 11:00h e para nenos ás 12:00h, ambas cunha saída dende a Praza Maior.

A Cabalgata de Reis Magos partirá dende a Alameda ata o Pavillón do IES de Allariz o 5 de xaneiro ás 18:30h.

Mapa espazos Nadal Allariz 2023
Mapa espazos Nadal Allariz 2023
Decoración de Nadal en Allariz. Foto: XMF
Decoración de Nadal en Allariz. Foto: XMF
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta