Por Galicia Confidencial | Ourense | 11/12/2023 | Actualizada ás 21:00
O Grupo Coren entra de cheo na campaña de Nadal e faino ofrecendo elaboracións exclusivas para estas datas e contratando xente para reforzar a súa nómina de traballadores.
Para cubrir a demanda de especialidades do Nadal, a cooperativa reforzou o seu persoal con 200 postos de traballo nos centros de procesado do Grupo en Galicia, co obxectivo de atender as necesidades de produción. Coren é un referente en producións cárnicas para estas festas grazas á súa gama de produtos específicos para os menús festivos e a campaña de Nadal representa tradicionalmente un dos períodos de maior actividade. De feito, conta cunha planta de 60.000 metros cadrados destinada especificamente ás producións da súa gama do Nadal, situada no Centro de Procesado Avícola de Santa Cruz de Arrabaldo.
A campaña de Nadal representa tradicionalmente un dos períodos de maior actividade.
"O NADAL CON MÁIS ESTRELAS"
A campaña de Nadal de Coren deste 2023 ten como slogan “O Nadal con máis estrelas”, en referencia á gama de produtos do Nadal que presenta a cooperativa con máis de 20 propostas recomendadas por Martín Berasategui. O chef vasco, o que conta con máis estrelas Michelín, visitou recentemente a cooperativa para coñecer a súa gama de produtos 100% galegos, procedentes dunha crianza co máximo benestar e compromiso ambiental, dous dos valores fundamentais nos que se asenta a actividade de Coren.
ALGUNHAS DAS PROPOSTAS DA 'GAMA DE NADAL'
Baixo a marca ourensá, e como elaboracións pensadas para estas festas, pódense atopar dende os clásicos ata recheos deliciosos e exclusivos para satisfacer os gustos de todo tipo de consumidores. Entre eles destacan a Pularda do Convento e o capón galego, edicións limitadas e numeradas de 11.000 unidades cada un, que se producen exclusivamente para Nadal.
Entre os clásicos destaca o Polo de Curral, un produto da máxima calidade protagonista de moitos menús destas celebracións, igualmente criado co máximo benestar e saída aos campos galegos, con alimentación natural a base de cereais. E este ano, como novidade inclúese o galo novo, un pito de raza rústica e crianza lenta baseada no máximo benestar animal e a súa alimentación seleccionada a base de cereais, o que dá lugar a unha carne consistente e de sabor intenso. Tamén é unha edición limitada de 5.000 unidades.
Algunhas das elaboracións prodúcense só para Nadal e cunha produción limitada
A Pularda do Convento críase entre os muros do Convento de Santa Clara de Allariz e con todo o agarimo das monxas clarisas, de forma tradicional e cunha alimentación totalmente natural, que dá lugar a unha carne zumarenta e exquisita.
O capón é de raza campeira, criado con saída a espazos arborizados, o que facilita a infiltración de graxa e unha carne fina e saborosa.
Por outra banda, a gama de recheos de Coren inclúe aves recheas --como a Pularda Rechea, o Pito de Corral recheo ou a Pavita rechea-- pero tamén outros formatos máis reducidos, como os redondos ou rotis, que se caracterizan por ser propostas doadas de preparar. Todos os recheos son elaborados de modo artesanal pola cooperativa e na súa elaboración non se emprega ovo, glute, lactosa, froitos secos, colorantes nin conservantes.
PACKAGING SOSTIBLE E CON RECEITAS DE MARTÍN BERASATEGUI
A gama de Nadal Coren preséntase cun packaging sostible, coidado con detalle e con ampla información ao consumidor, que inclúe os modos de preparación, racións ou suxestións de presentación.
Ademais, como froito da colaboración con Martín Berasategui, este ano inclúense o packaging receitas exclusivas elaboradas polo chef Michelín para as especialidades do Nadal de Coren.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.