Pontón reclama en Europa máis axilidade na xestión de fondos europeos, con baixa execución en Galicia

A líder nacionalista, xunto á eurodeputada Ana Miranda, reúnese coas comisarias de Cohesión e de Ciencia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/12/2023 | Actualizada ás 16:33

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, desprazouse este martes a Estrasburgo e, ante a UE, defendeu unha "maior axilidade na xestión dos fondos europeos, unha maior participación dos concellos nestes recursos e unha simplificación administrativa que permita reducir a burocracia para que os investimentos cheguen canto antes ás pemes, sectores produtivos e familias". Así mesmo, segundo explicou o gabinete nacionalista, Pontón avogou por destinar "máis fondos da UE" á innovación e á investigación, ambos os aspectos "craves" para abordar os retos de futuro e para o desenvolvemento económico e a creación de emprego en Galicia.

Tras manter xunto á eurodeputada Ana Miranda senllas reunións coa comisaria de Cohesión e Reformas, Elisa Ferreira, e coa comisaria de Ciencia, Investigación, Cultura, Educación e Mocidade, Iliana Ivanova, Pontón incidiu na necesidade de "axilizar a xestión e investimento" de todos os fondos europeos que lle corresponden a Galicia, un total, cifrou, de 3.150 no período 2022-2027, entre os xestionados pola Xunta e os que administra o Estado.

Así mesmo, tamén apostou por "financiar a formación do persoal encargado da súa xestión en todo tipo de administracións para acelerar o seu acceso ás persoas destinatarias" e incrementar o número de profesionais que se dedican a este labor. Tamén avogou por "incrementar a participación" dos concellos, reforzando a política de cohesión desde abaixo, posto que, indicou, máis do 81 por cento dos concellos son receptores destes recursos.

Na súa intervención, a líder do Bloque subliñou a importancia dos fondos de cohesión na loita contra o despoboamento e a dinamización do medio rural e considerou necesarias medidas específicas para garantir un rural vivo, sustentable e dixital, sobre todo, tendo en conta que o Feader-Rexional Galicia está destinado ao fomento da competitividade na agricultura, a xestión sustentable dos recursos e a loita contra o cambio climático.

Pontón tamén trasladou á comisaria Ferreira a "preocupación" do BNG polo "baixo nivel de execución" de todos os fondos europeos que lle corresponden a Galicia e lembrou que, mentres que xa está en marcha o novo marco de financiamento europeo 2021-2017, o executivo de Rueda "aínda está a tratar de investir os fondos do período anterior, consumindo a prórroga de tres anos que finaliza o 31 deste mes".

A "mala xestión" do Goberno do PP, dixo, faille perder "oportunidades aos sectores produtivos, ás empresas e ao conxunto da cidadanía". En liña con ela, avisou de que os executivos do PP "non fixeron os investimentos estruturais de calado, nin puxeron en marcha proxectos innovadores que servisen de panca modernizadora" de Galicia, a pesar de que o que necesita son "proxectos e investimentos a longo prazo".

DESPOBOAMENTO

Coa comisaria de Cohesión e Reformas, Pontón abordou a crise demográfica estrutural que padece o país, marcada polo envellecemento e o despoboamento e, sobre a que advertiu que "imos na dirección contraria" porque mentres a UE aumenta a poboación, Galicia pérdea, "soportando ademais a fuga de talento".

Así, segundo informa o gabinete, compartiu con Ferreira a idea de "reforzar e investir máis, utilizando os recursos europeos neste sentido", en servizos públicos como sanidade e educación, en servizos sociais, en infraestruturas e en facilitar o acceso á vivenda, porque "tanto a perda de poboación como a fuga de talento ten moito que ver coa calidade de vida, cos servizos e coas oportunidades" que se ofrecen.

INNOVACIÓN E CIENCIA

Ana Pontón e Ana Miranda valoraron as reunións, que foron "moi positivas", tanto con Ferreira como coa comisaria Ivanova, á que lle trasladaron a necesidade de destinar máis fondos á innovación e á ciencia. Así, a portavoz nacional do Bloque lamentou a situación da ciencia en Galicia, "moi por baixo do investimento da media europea", polo que reafirmou o seu compromiso nun goberno "de cambio" liderado por ela mesma e que "incrementará o investimento a través dun pacto pola ciencia", co obxectivo de alcanzar o 2,5 por cento do PIB nos próximos anos, así como a promoción da ciencia aberta e as misións, en liña co programa marco do Horizonte Europa, nos ámbitos marcados como estratéxicos pola UE, como o cambio climático, as cidades intelixentes ou a alimentación.

Ademais, comprometeu deseñar unha carreira investigadora que dote de estabilidade e condicións de traballo dignas ao persoal investigador e reducir a brecha de xénero e a creación dun programa de retorno e captación de talento, xunto coa posta en marcha da rede galega para a ciencia, a tecnoloxía e a innovación. Á marxe das reunións de traballo coas comisarias, Pontón mantivo un encontro cos integrantes do Grupo Verdes-ALE, no que está integrado o BNG dentro da Eurocámara, que o próximo ano celebrará eleccións o 9 de xuño.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, xunto coa eurodeputada Ana Miranda e a comisaria de Cohesión, Elisa Ferreira, nunha das reunións en Estrasburgo
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, xunto coa eurodeputada Ana Miranda e a comisaria de Cohesión, Elisa Ferreira, nunha das reunións en Estrasburgo | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta