Aberto o prazo de solicitudes para a pesca de lamprea nos ríos Tea e Ulla

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2023 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

A Xunta abre este xoves, día 14, o prazo para presentar as solicitudes para pescar lamprea nos ríos Tea e Ulla durante a próxima tempada. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores a orde que regula a pesca desta especie e fixa as condicións para participar no sorteo dos postos, que se celebrará o 19 de xaneiro.

Deste xeito, o período hábil para o rexistro de peticións arrinca este xoves para ambos os ríos pero será máis curto para o Tea, 10 días hábiles, que para o Ulla, 15 días hábiles. Así, a tempada de pesca no río Tea estenderase do 1 de febreiro ao 15 de maio. Durante este tempo estará permitida a captura en días alternos: luns, mércores e venres desde as estacadas impares; e martes, xoves e sábados desde as pares. Así mesmo, prohíbese desde as 08.00 horas dos domingos ata as 21.00 horas dos luns. Por tanto, permítese a captura desde as 21.00 horas do día autorizado ata as 08.00 horas do seguinte.

En canto ao río Ulla, na actualidade existen 28 pesqueiras operativas. A normativa establece do 1 de xaneiro ao 23 de marzo como o período permitido para pescar nas de Areas e do 29 de xaneiro ata o 20 de abril, no tramo comprendido desde As Vellas ata Trapa, todas elas situadas en Herbón (Padrón). Respecto ao tramo entre Caseta e Furado (Carcacía) ata Lampreeiro (Reis), será do 5 de febreiro ao 4 de maio. En canto aos horarios, as redes só poderán estar colocadas desde as 20.00 horas ata as 08.00 e quedará prohibida entre as 08.00 dos sábados e as 20.00 dos luns.

Poida que a lamprea non pareza sofisticada, pero esta liñaxe de peces ancestrais sen mandíbula deu lugar a un importante paso xenético na evolución de cerebros complexos
Poida que a lamprea non pareza sofisticada, pero esta liñaxe de peces ancestrais sen mandíbula deu lugar a un importante paso xenético na evolución de cerebros complexos | Fonte: ALEX DE MENDOZA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta