Tantos días felices

O martes 21 de novembro a exministra e exportavoz do PSOE, Carmen Calvo, afirmaba con rotundidade que aquel día o BOE a fixera a “segunda muller mais feliz de España”. O boletín oficial viña de publicar a Real Decreto 835/2023, de nomeamento de Ministros do Goberno. Calvo celebraba as ausencias e non dificil adiviñar en quen pensaba como primeira muller mais feliz. Aínda que eu quero pedir para min o primeiro posto de home mais feliz ao vez que nin Irene Montero, nin Ione Belarra se ían sentar a partir daquel momento no Consello de Ministros. Sei tamén que o primeiro posto en tanta felicidade é un posto disputado. A soberbia, sobre todo cando é exhibida con profusión por persoas de escasas cualidades, nunca espertou moitas simpatías.

Por Emilio Martinez | A Coruña | 15/12/2023

Comparte esta noticia
A felicidade continuou días despois: o 23 de novembro o BOE publicaba os reais decretos 876/2023 e o 884/2023, polo primeiro cesaba como Secretaria de Estado para a Axenda 2023 Lilith Vestringe e polo segundo cesaba como Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero Ángela Rodriguez. Afortunadamente, como di o dito popular: “Non hai mal que cen anos dure...”, pero que longos se fixeron estes últimos anos... 
 
O paso dos días trouxo outras alegrías. A semana da ponte de decembro os cinco deputados de Podemos en Sumar abandonaban a grupo parlamentario e pasaban ao grupo mixto. A escusa, que sempre tiveron unha para todo o que facían e mal facían, era que “non se lle deixaba facer política”. Pero claro a política para Pablo Iglesias (a man que mece o berce) é dende o minuto 1 despois de pecharse as urnas o 23 de xullo pasado criticar sen descanso a Sumar. Tamén hai un dito popular para iso: “Criticar a palla no ollo alleo e non ver a viga no propio”.  As declaracións de Iglesias a través de Belarra ou directamente nos medios deixaban pouco marxe para imaxinar outro final que o de pillar o escano e botar a correr, tal e como fixeron. 
 
Podemos no grupo mixto é un problema para o goberno, obrigado a negociar con persoas de dubidosa capacidade política e dubidosos intereses, que viven nun mundo inventado, no que calquera parecido coa realidade é simplemente froito da casualidade. Podemos cada día recordan mais a organizacións da extrema esquerda que abundaban nos primeiros anos da transición e que logo foron esmorecendo converténdose en sectas adoradoras de algunha ortodoxia marxista. Alguén de menos de 50 anos lembra ao POSI, Partido Obrero Socialista Internacionalista?. Alguén de menos de 50 lembra á Organización Revolucionaria do Traballo, alguén escoitou falar do Partido Comunista Obrero Español?. 
 
Podemos no grupo mixto é unha oportunidade para Sumar, tempo ao tempo. Ás veces cando un sae unha relación tóxica costa velo, pero tarda pouco en darse de conta de canto tempo perdeu para nada.
 
E os días de felicidade continuaron. O efecto inmediato do abandono da disciplina de Sumar por parte de Podemos foi a paralización das negociacións para conformar unha candidatura unitaria nas próximas eleccións autonómicas galegas. O mellor que podía pasar.
 
Xa afirmei hai un tempo que Podemos hoxe, e o din os datos, non representa en Galicia (e en case ningunha outra parte) a ninguén. Non ten organización, non ten cadros que merezan ese nome, non ten implantación social: son exactamente nada. Nada de nada. Non aportan nada positivo. Todo o contrario: negociar con Podemos é meterse nun camiño sen futuro algún, é desperdiciar tempo e forzas en discusións maniqueas, que desmoralizan. E chegar ao acordos con eles é simplemente pecar de inxenuo: á primeira oportunidade van facer o que lles pete, á súa bola, dito en linguaxe que todos e todas entendemos. 
 
A esquerda non o ten doado en Galicia, os pactos que fixeron falta para pechar o paso á extrema dereita, ao binomio PP-Vox, seguramente pasen factura, sobre todo o PSOE que sufrirá unha campaña extremadamente dura, e si o PSOE non é capaz de sacar uns bos resultados será case imposible lograr unha maioría progresista. 
 
Sumar o ten moi difícil, sen apenas estrutura, con moita xente queimada despois do proceso de En Marea, con pouco tempo, sen líderes recoñecidos socialmente... librarse de negociar con Podemos é unha bendición, mais cando dende os últimos de Podemos lanzan a idea de que a súa cabeza de cartel podería ser Ángela Rodríguez...  E parece ser que a proposta non era brincadeira. “Mátame, camión”. 
 
Que ninguén en Sumar volva a vista atrás agardando por ninguén de Podemos. O futuro é o que está diante de nos, os tempos por vir. Podemos é simplemente pasado, aínda que uns poucos deles non o saiban aínda.
 

A ex ministra de Igualdade, Irene Montero
A ex ministra de Igualdade, Irene Montero | Fonte: Alberto Ortega - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.