"Éxito" da folga indifinida que manteñen os bombeiros comarcais na Praza do Obradoiro

Censuran que os políticos "xa están a saltar dun lado para o outro facendo campaña dunhas eleccións que aínda non comezaron"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/12/2023 | Actualizada ás 20:03

Comparte esta noticia

O comité de folga dos bombeiros comarcais cualificou de "éxito" a concentración indefinida que manteñen na Praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, desde as 09,00 horas do venres para tratar de visibilizar a súa folga.

Nunha nota de prensa, os bombeiros explican que aproveitan esta acción para trasladar a visitantes e veciños as diferenzas que existen entre bombeiros municipais e bombeiros comarcais.

"Tamén falamos cos turistas que chegan a Compostela a través do aeroporto Rosalía de Castro, xa que ata que entran no termo municipal de Santiago están a ser potenciais vítimas dun hipotético accidente que sería atendido por parques comarcais como o de Ordes ou Arzúa", detallou un dos profesionais que pasou a noite fronte á sede da Xunta no Obradoiro.

Así mesmo, censuran que os políticos "xa están a saltar dun lado para o outro facendo campaña dunhas eleccións que aínda non comezaron". "Nós, sen movernos do sitio, estamos a chegar a unha infinidade de xente que en moitas ocasións manifesta que descoñecían o conflito" no que están inmersos e do cal, sinalan, "son partes implicadas". "É unha auténtica campaña de sensibilización social", reivindican.

Segundo o presidente do comité, Anxo Moldes, "pasar 12 horas falando con infinidade de persoas permite sensibilizar a unha poboación que sempre mantén un moi bo concepto" do seu colectivo, pero que, ademais, indica, "mostra un profundo descoñecemento das particularidades que existen nas condicións de traballo dos bombeiros comarcais, moi distantes das do resto de bombeiros municipais".

Bombeiros comarcais dormen fronte á sede da Xunta na Praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela.. BOMBEIROS COMARCAIS
Bombeiros comarcais dormen fronte á sede da Xunta na Praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela.. BOMBEIROS COMARCAIS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta