Cangas e Teucro son de Asobal

A Federación Española de Balonmán revoga a decisión da Asobal de excluír os dous equipos galegos da máxima competición e avísalle de que non é competente para adoptar esa medida.

Por gcdeportes | Pontevedra | 17/07/2015 | Actualizada ás 19:46

Comparte esta noticia

A Federación veu poñer un pouco de cordura. Un día despois da sorprendente decisión da Asobal, o Comité de Competición da RFEBM revogou a decisión da Asemblea Xeral da Asociación de Clubes de excluír ao Balonmán Cangas e ao Teucro da liga Asobal 2015-16.

“A Asemblea Xeral da Asobal carece manifestamente de competencia para adoptar a decisión de excluír a calquera club, neste caso a BM CANGAS e SD TEUCRO, da súa participación no Campionato Estatal de División de Honra Masculina - Liga ASOBAL 2015/16", informou a Real Federación Española de Balonmán na súa resolución.

Ademáis, e trala decisión de excluír a Cangas e Teucro, a Asobal ofreceu a praza dos equipos galegos na máxima categoría aos clubs Gijón Jovellanos e BM Zamora, pero o Comité de Competición da RFEBM non recoñece a “eficacia” desta medida. A Federación deixa claro que os dous clubs galegos manteñen os seus dereitos deportivos de participación na máxima categoría “ata non se adopte resolución definitiva sobre o fondo do asunto, que sexa dictada polo órgano federativo correspondente”.

Os xogadores do Cangas celebran unha vitoria coa afección.
Os xogadores do Cangas celebran unha vitoria coa afección. | Fonte: Balonmán Cangas

Contra a resolución da Federación pódese interpoñer recurso ante o Comité de Apelación nun prazo de dez días, se ben a Federación fai constar que a execución da súa resolución é “inmediata”, sen que os recursos interpostos poidan paralizar a súa execución. A Asemblea Xeral da Asobal decidiu o xoves excluír a Balonmán Cangas e Teucro por, supostamente, non cumprir cos requisitos administrativos e económicos (inscrición, canon e avais) establecidos nos estatutos da competición.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta