Podemos: dez anos de luces e sombras

O recente abandono das 5 deputadas e deputados de Podemos do Grupo Parlamentar de Sumar e a súa integración no Grupo Mixto no Congreso escenifica, definitivamente, unha ruptura que se viña madurando durante os últimos meses.

Por Xesús Veiga | Compostela | 31/12/2023

Comparte esta noticia
Cando Podemos apareceu no panorama político estatal (concretamente, nas eleccións ao Parlamento europeo de 2014, obtendo unha relevante representación), díxose que estabamos ante os primeiros efectos do movemento social xurdido o 15 de Maio de 2011 no cadro político dominante na vida institucional do Estado dende as primeiras eleccións de 1977. Nas semanas posteriores ao estoupido daquela protesta primaveral, realizáronse prognósticos diverxentes a respecto do seu futuro. Houbo quen apostou pola aparición de novas forzas políticas que trasladaran directamente as inquedanzas expresadas nas rúas ás institucións representativas legalmente existentes. Para outras voces, o mais adecuado sería que o 15-M ficara como un referente mobilizador que operara como un axente de presión e control social sobre o labor dos representantes. Finalmente, un grupo de mozos e mozas activistas promoveron unha nova opción electoral -Podemos- aínda que non o fixeron nas eleccións xerais de Novembro de 2011 -precisamente naquelas nas que o PP de Rajoy obtivo unha ampla maioría absoluta- senón que agardaron aos comicios europeos de 2014.
 
O balance destes case dez anos de vida de Podemos ofrece contrastes moi agudos. Por unha banda foi capaz de sintonizar e captar o apoio dun amplo sector de cidadáns -algo mais de 5 millóns de persoas nas eleccións xerais de 2015- indignados coas políticas de austeridade aplicadas durante a crise financeira e coa repetición de casos de corrupción espallados por moitas estruturas do poder establecido (incluído o Xefe do Estado). Esta conexión electoral revelou, tamén, o forte desgaste que padecía a esquerda tradicional (singularmente o PSOE) e a incapacidade dalgunhas formacións ubicadas alén do espazo socialista (IU e determinadas organizacións nacionalistas de esquerda) para suscitar ilusión entre os segmentos poboacionais -singularmente nas xeracións mais novas- desconectados das dinámicas políticas dominantes. Lémbrese que, na referida cita electoral de Decembro de 2015, case se rexistra o "sorpasso" -houbo menos de 400.000 votos de distancia- desta nova esquerda ao Partido Socialista (tal e como sucedera, pouco antes, nos comicios de Grecia).
 
Ese éxito histórico de Podemos -acadado, polo demais, sen posuír un aparello organizativo comparábel sequera ao que dispuña unha forza coma IU, herdeira principal dos restos do vello PCE-ofrecía unhas grandes oportunidades ao grupo dirixente do novo partido. Se era quen de administrar adecuadamente o capital político-electoral acadado podería abrir unhas expectativas transformadoras até entón descoñecidas. Poren, co paso do tempo, foise verificando a frustración desas posibilidades. O que pretendía ser un modelo alternativo -"a nova esquerda"- comezou a mostrar eivas propias das organizacións inseridas nas culturas da esquerda tradicional. A pesar do adanismo invocado nos documentos fundacionais, apareceron rapidamente fenómenos que xa se coñeceran noutros espazos partidarios. A lóxica pluralidade interna e o desexábel debate de ideas foi distorsionado pola disputa sobre o control das estruturas de poder interno. Durante estes dez anos asistimos -primeiro no seo de Podemos e mais recentemente na relación de Podemos con Sumar- a unha dinámica que xa tivera lugar noutros ámbitos organizados: a entidade das diferenzas sobre as cuestións que conformaban o ideario da forza política non se correspondeu coa belixerancia dos enfrontamentos rexistrados. A incapacidade para harmonizar consensos e disensos resucitou a vella pantasma dos sectarismos que habitan, como unha maldición case xenética, no universo das forzas políticas transformadoras.
 
Resulta certamente paradoxal que todos os sectores que conformaron Unidas Podemos -e, despois, Sumar- non discreparan a respecto da comenencia de formar un goberno de coalición co PSOE e, sen embargo, non acadaran un acordo sobre a eventual presenza de Irene Montero no Ministerio de Igualdade ou sobre o reparto das responsabilidades no Grupo Parlamentar. Por mais que Podemos queira formular un relato sobre a existencia de importantes diferenzas na táctica política, os feitos permiten constatar que a loita polas cotas de poder substituíu ao debate arredor das ideas básicas desa coalición.
 
Podemos sufriu, dende hai anos, unha campaña de acoso xudicial e mediático fondamente antidemocrática. Porén, semellante circunstancia non pode agachar os importantes erros cometidos por Pablo Iglesias e os demais dirixentes dese partido. O virus do sectarismo tamén fixo acto de presenza nos seus comportamentos. É o que sucede cando alguén considera que encarna, en exclusiva, os auténticos valores da esquerda e descualifica aos demais pese a compartir determinadas estruturas organizativas. Con esa visión esencialista abrese a porta dunha  perigosa dinámica autodestrutiva que non pode ser xustificada pola persecución promovida por distintos poderes conservadores.
 
Nos últimos 50 anos houbo suficientes experiencias no ámbito das diferentes esquerdas (socialistas, comunistas, revolucionarias, nacionalistas...) como para que as novas formacións xurdidas do movemento do 15-M de 2011 puideran estar inmunizadas ante hipotéticos erros e/ou deficiencias. Lamentabelmente non foi así. A pregunta, pois, está servida: servirán as ensinanzas destes recentes fracasos para o labor futuro das persoas que pretendan mudar substancialmente as características da orde social vixente?

Pablo Iglesias
Pablo Iglesias | Fonte: EP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.