18F.- RTVE ofrece un debate a tres das forzas con representación no Parlamento

Ana Pontón e Besteiro confirman a súa dispoñibilidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/12/2023 | Actualizada ás 17:38

Comparte esta noticia

Radio Televisión Española (RTVE) ofreceu un debate no marco das eleccións galegas de 2024 aos partidos con representación no Parlamento de Galicia --PPdeG, BNG e PSdeG-- para o próximo 14 de febreiro. Este debate emitiríase en 'prime time', na desconexión da 1 en Galicia e para toda España na Canle 24 horas, Radio 5, RTVE.es e RTVE Play. Así mesmo, RTVE facilitaría o sinal do debate a todos os medios que o soliciten.

"Consciente" da importancia desta cita e da súa misión de servizo público, Radiotelevisión Española ofreceu aos partidos políticos a organización dun debate electoral, cunha participación referida aos candidatos e candidatas das forzas políticas que contan con representación no Parlamento galego: o Partido Popular de Galicia, o Bloque Nacionalista Galego e o Partido Socialista de Galicia.

A oferta suporía a realización e emisión en directo do debate e formaría parte da ampla cobertura que RTVE prepara de face á campaña electoral das eleccións galegas 2024, "na que volverá apostar por unha información independente e plural", explica a compañía.

Alfonso Rueda, Ana Pontón e  José Ramón Gómez Besteiro.
Alfonso Rueda, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro. | Fonte: Europa Press

PRIMEIRAS CONFIRMACIÓNS

A portavoz nacional e candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, e a cabeza de lista do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, confirmaron a súa dispoñibilidade para participar no debate. Neste sentido, tanto Pontón como Besteiro confirmaron a súa intención de asistir ao debate convocado por RTVE, aínda que é previsible que tamén a CRTVG planifique un encontro deste tipo e expóñao ao seu consello, polo que é de esperar que a concreción de todas as datas se coñeza máis adiante.

Así as cousas, a líder nacionalista compartiu unha mensaxe na rede social X no que mostrou a súa disposición a participar en debates. "Estarei encantada de debater sobre propostas e ideas para construír unha Galicia mellor. Espero que os outros candidatos pensen o mesmo", expresou, na mesma liña que xa indicou en días pasados a preguntas dos medios, nas que lembrou que o BNG propuxo fixar por lei dous debates obrigatorios nas campañas (proposta que non entrou a trámite polo voto en contra do PP).

Pola súa banda, o candidato socialista remitiu oficialmente xa unha resposta a RTVE, á que tivo acceso Europa Press, e na que, ademais de mostrar o seu agradecemento pola invitación, subliña a súa "dispoñibilidade" para debater e apunta que, por iso, propuxo "seis debates" xa que "os galegos merecen escoitar" as propostas dos partidos e "poder constrastar as ideas e programas dos diferentes candidatos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta