Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2024 | Actualizada ás 15:14
O 85,4 % dos titulados nunha Formación Profesional (FP) en Galicia no curso académico 2019-2020 conseguiron traballo, segundo informou este venres a Consellería de Educación. Trátase do máximo histórico de inserción laboral da FP, que, no caso concreto das modalidades duais, alcanza o 97 %.
Os maiores de 30 anos rexistraron unha maior porcentaxe (87,7 %) e o emprego feminino aumentou nun 1,9 por cento, aínda que segue por baixo da media (84,1 por cento). "É unha garantía para os nosos mozos que lles abre a porta a un futuro profesional e persoal de calidade", declarou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, na presentación dos datos no Centro Integrado de FP (CIFP) Compostela, en Santiago.
Así mesmo, Rodríguez incidiu no valor destes datos, os cales superaron un 0,8 por cento os do ano anterior, e que se corresponden a un curso "condicionado" pola Covid. O conselleiro tamén destacou que "se constata a permanencia de talento en Galicia", dado que dos empregados, un 97,3 por cento traballan en territorio autonómico. A FP é, segundo Rodríguez, de importancia "para fixar poboación".
FAMILIAS DE FP CON MAIOR INSERCIÓN LABORAL
Entre os 23 ámbitos formativos distintos que se ofertan en Galicia, as FP relativas a seguridade e medio ambiente alcanzaron un 100 por cento de inserción; a continuación atópanse as relativas a instalación e mantemento, cun 97,3 %, e as actividades físicas e deportivas, cun 93,6 %. Por ciclos formativos, dentro de cada unha dos ámbitos, 43 FP conseguiron unha inserción superior ao 90 %, dos cales 19, lograron o 100 %.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.