Díaz insta á dereita e Podemos a "dar explicacións" polo voto en contra á reforma do subsidio de desemprego

Garante que vai reformar o subsidio por desemprego "cun gran acordo" do diálogo social

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2024 | Actualizada ás 15:57

Comparte esta noticia

A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, tacha de "despropósito" que os que "decidiron en estreita compañía" --en referencia a PP, Vox e Podemos-- votar en contra da reforma do subsidio por desemprego "algún día terán que mirar aos ollos da xente humilde e explicar de que se supón que os estaban salvando".

Durante a súa intervención en Santiago nunha entrega de premios da Fundación Luís Tilve, de UXT, Díaz comprometeuse a que se vai reformar o subsidio de desemprego "con diálogo social", "cun gran acordo para protexer a quen máis o necesita". "Non me vou a render", avisa.

Pon de exemplo que en Galicia hai 85.000 persoas que cobran prestacións como parados, dos que 40.000 reciben subsidio por desemprego. Por iso, empraza a estes partidos que votaron en contra a explicar a esas persoas "por que" o fixeron. "Gustaríame escoitar esas explicacións", sostén.

Remarca que a subida do 5% do salario mínimo alcanzada este venres "é un exemplo de política útil", "xusto o contrario do que fan aqueles que, por motivos que é mellor non coñecer, vendo o drama do paro desde unha cómoda cadeira de brazos permítense golpear á xente máis humilde deste país".

Sostén que "a dereita sempre prefire a beneficencia aos dereitos", pero critica que conta con "os seus novos e sorprendentes aliados", "os que o mércores decidiron en estreita compañía baixar o subsidio por desemprego en case 100 euros ao mes". Reprocha que son "os que decidiron deixar sen protección aos eventuais agrarios, aos menores de 45 anos sen cargas familiares ou ás traballadoras marroquís que a diario veñen ao noso país a traballar a Ceuta e Melilla".

Acto de entrega de premios de UXT, en Santiago
Acto de entrega de premios de UXT, en Santiago | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta