'Ser ou Estar', campaña para promover o entroido de Verín

O concello vén de presentar o Cartel Oficial do Entroido 2024, creación dunha deseñadora local, e a campaña publicitaria que dende a área de Cultura e Festexos "potenciará e revalorizará os valores" desta celebración.

Por Galicia Confidencial | Verín | 18/01/2024 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O Cartel Oficial do Entroido 2024 é unha creación orixinal da deseñadora gráfica Olalla Diéguez Boo, natural de Matamá. Este cartaz forma parte de campaña publicitaria “Ser ou Estar”, deseñada desde a área de Cultura e Festexos, e que ten como obxectivo potenciar e revalorizar os valores do entroido local.

Presentación do cartel do Entroido 2024 e a campaña 'Ser ou Estar'. Foto: Prensa Concello de Verín.
Presentación do cartel do Entroido 2024 e a campaña 'Ser ou Estar'. Foto: Prensa Concello de Verín.

Segundo destacou na presentación oficial o Alcalde, Gerardo Seoane, "no cartel represéntase unha alegoría visual na que un conxunto de figuras anónimas celebran o Entroido nunha serie de diferentes escenas propias da festa, a celebración e os ritos destas datas. O conxunto de todas elas forma un gran espazo no medio do que emerxe a silueta do cigarrón. Graficamente todas elas fan posible a aparición da imaxe central do cigarrón, como metáfora do propio espírito do Entroido".

A vontade da artista, trasladan dende ao concello, é eloxiar a esta xente descoñecida pero de transcendental importancia, honrar a xente que cada ano traballa nos preparativos, festexa e trasladan as tradicións de pais e nais a fillas, de avós e avoas a netas. Grazas a eles faise o entroido, todos eles son o entroido.

CAMPAÑA "SER OU ESTAR"

A campaña publicitaria que se impulsa dende o Concello de Verín, e con profesionais locais, leva por título “Ser ou Estar” e está composta por unha serie de accións offline e online especialmente deseñadas co obxectivo de revalorizar os valores propios e máis representativos do Entroido de Verín.

"Aínda que o ano pasado centrabamos a campaña publicitaria nas figuras icónicas desta celebración (capuchóns, cigarrón, entroideiros míticos de renome), nesta ocasión queremos poñer en valor a outra cara da moeda, menos coñecida, pero igualmente importante: aquela das persoas e grupos anónimos que, detrás dás máscaras, dan vida ao noso Entroido", comentaba a concelleira de Cultura e Festexos, Samantha Barreira.

A primeira acción, levada a cabo o pasado xoves 11 de febreiro, consistiu na recreación dunha suposta pegada pirata de carteis nas rúas de Verín. A vila amenceu empapelada cun misterioso símbolo, xerando expectación entre a poboación. Esta acción viral contou coa colaboración dos centros de Educación Secundaria locais, as Forzas de Seguridade e da prensa local. O símbolo en cuestión será clave como elemento unificador nos diferentes aspectos gráficos da campaña, incluído o cartel oficial.

Ademais do cartel anunciador, nestas datas que faltan ata o entroido difundiranse vídeos a través da web e redes sociais municipais. A creación dos vídeos foi posible grazas á colaboración das compañías de Teatro Amateur de Verín (Namarella, Kotodama e La Caja de Pandora) e á participación de recoñecidos actores da comarca, entre os que se atopan figuras destacadas como Mariana Carballal, Toni Salgado e Rubén Riós.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta