Rueda sobre a xestión da crise dos plásticos: "A Xunta aprendeu do Prestige, outros semella que non"

O presidente insiste na trama do "bulos" creado pola oposición a través de perfís falsos nas redes sociais. Destaca a "legalidade" nas contratacións do persoal para a limpeza e coordinación dos areais pero non concreta o tratamento que se lle está dando aos residuos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/01/2024 | Actualizada ás 14:47

Comparte esta noticia

O Prestige marcou un antes e un despois na xestión das catástrofes medioambientais, tanto para ben, como para mal. De feito, nos últimos días, e a raíz do acontecido coa crise dos microplásticos que chegaron a numerosas praias do país, ecoloxistas, científicos e entidades sociais acusaron ás administracións, tanto ao Goberno galego, como ao Goberno central, de non "ter aprendido nada". "Pois a Xunta aprendeu moito pero semella que outros partidos non", respondeu categórico Alfonso Rueda este xoves.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou a praia de Barrañán, no municipio coruñés de Arteixo, para coñecer as tarefas de limpeza de pélets plásticos. DAVID CABEZON
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou a praia de Barrañán, no municipio coruñés de Arteixo, para coñecer as tarefas de limpeza de pélets plásticos. DAVID CABEZON | Fonte: XUNTA

O presidente da Xunta volveu defender a xestión que o seu executivo está facendo da vertedura de granulados pero foi moi crítico co Goberno central. "Outros teñen que facer o seu traballo en alta mar e non o fan", dixo en alusión ao Goberno central. Pero ao mesmo tempo acusou directamente a PSOE e BNG de non ter aprendido as leccións do Prestige. "Algún partido non aprendeu cando --durante a catástrofe do Prestige-- eran tan reivindicativos e agora non", apuntou.

Con todo, e a diferencia do manifestado pola súa vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Rueda evitou poñer nota a súa xestión. Se Ángeles Vázquez dixo que era case que "de matrícula de honra", o presidente galego destacou que non cre que "sexa bo poñer nota" a xestión. "Se teño que poñer un dez pois será cando collamos todos os plásticos", salientou. Por iso, insistiu en que o máis importante é limpar as praias. "E niso tentaremos ter un dez", aclarou.

TRAMA DE BULOS

No que si coincidiu Rueda co seu partido é en marter a denuncia da existencia dunha "trama de bulos" sustentada en perfís falsos de redes sociais que, como fixo este xoves a súa secretaria xeral, Paula Prado, tamén Rueda vinculou directamente cos partidos da oposición en Galicia. "Nós temos un balance que presentar, pero cando todo son bulos e se usan estas ferramentas tecnolóxicas, é difícil", dixo. "Non me preocupa que a oposición nos ataque, pero si que levanten bulos sobre os produtos pesqueiros ou a sustentabilidade da xente do mar", engadiu.

O presidente galego mantivo que moitos destes "bots" --conxunto de perfís falsos en redes sociais-- desapareceron da rede. "Son varias contas que están en distintos lugares... Eu non fixen este estudo e non podo detallalo, pero si existe esa rede de bulos", engadiu. Con todo, non confirmou aínda se levará esta cuestión á Fiscalía.

XESTIÓN DOS RESIDUOS E VOLUNTARIOS

Por outra banda, Rueda tamén se referiu á contratación de persoal para xestionar esta crise que, segundo o xornal El Salto Galiza, contratou a unha empresa de márketing, Silman 97, con outros contratos co Goberno galego, a través da empresa matriz Noventia Corporación Empresarial SL. "O operativo está conformado por 400 persoas e informadores para orientar aos voluntarios. E pido respecto. Primeiro foron contra a Xunta, logo contra o sector do mar e agora contra os voluntarios", dixo o presidente galego que foi rotundo sobre esta contratación. "As contratacións fanse desde a máis estrita legalidade".

Preguntado sobre o tratamento que se está facendo das toneladas de granulados recollidos nas praias galegas, Rueda evitou concretalo. "Pedín datos aos concellos. Hai moitos plásticos recollidos e farase un tratamento axeitado", concluíu.

TERESA RIBERA CRITICA Á XUNTA POR MINIMIZAR "O RISCO"

A vicepresidenta terceira do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera, criticou á Xunta de Galicia por minimizar " o risco, a toxicidade" dos pélets e posteriormente "pasar unha lista de medios que non hai posibilidade de pór a disposición de ninguén". "Afortunadamente trátase dunha contaminación diferente á do Prestige", asegurou este xoves a ministra nunha entrevista en 'A lume vivo', recollida por Europa Press.

A responsable de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico considera que é "fantástico" se un pode facer fronte só ao problema pero critica que, simultaneamente, reclame que os demais se teñan que "inventar unha participación que non está estipulada nos protocolos". "Imponse a colaboración, a transparencia, o debate e a solución sobre a base da cooperación aos problemas que enfrontamos", dixo.

Na mesma liña, insistiu, en referencia á Xunta de Galicia, na súa preocupación por "minimizar e non ser transparentes". "Creo que se poden abordalo sós é correcto, pero entón hai que dicilo. Non vale dicir que as apañen os concellos, que se apañen os voluntarios e a continuación dicir non comparto, non informo ou se me ofrecen axuda reclamo que se inventen vostedes axuda porque eu non lla vou a pedir e iso explícase no contexto electoral", criticou. O normal, a xuízo de Ribeira, era que a Xunta pedise axuda e que fose "transparente", no canto de "minimizar con esa sensación de ocultar as cousas".

LIMPEZAS CONVOCADAS NA CORUÑA, NIGRÁN E CARBALLO

A Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña (UDC) organizou unha nova recollida de pélets e residuos este venres na praia do Matadoiro. Pola súa banda, o Concello de Nigrán fixo o propio para o sábado na praia de Patos. Así, a limpeza na praia coruñesa terá lugar entre as 11.30 e as 13.30 horas. Con esta acción, "dáse continuidade" á iniciativa comezada o pasado venres, 12 de xaneiro, en Praia das Lapas, e que contou coa participación de 35 persoas voluntarias, das máis de 100 que se apuntaron nun só día.

Non se convocou a máis xente por, entre outras razóns, o tamaño do areal, o cociente máxima de 20 persoas participantes por monitora (dúas monitoras formadas en limpeza de praias e concretamente neste tipo de residuos) e material dispoñible. Durante esta xornada recolléronse uns 60 gramos limpos de pélets, ademais doutros mesturados con algas e pequenas madeiras. Nesta praia xa se limpou o día anterior, co que os pélets recolleitos estaban dispersos e procedían só da achega das últimas mareas.

Pola súa banda, o Concello de Nigrán convocou unha limpeza para este sábado 20 de xaneiro na praia de Patos, desde as 10.00 e ata as 13.00 horas. É necesario inscribirse previamente nun formulario dispoñible na páxina web www.nigran.es 48 horas antes do evento. A acción está organizada en colaboración coa Fundación Ecomar, presidida pola regatista española, Theresa Zabell, que acudirá á limpeza. Colaboran tamén Fans do Mar, Concello de Nigrán e a Asociación de Escolas de Surf de Patos. Ademais da recollida, realizarase un taller de concienciación sobre o lixo e plásticos nas praias e océanos.


As praias de Razo e Baldaio, en Carballo, acollerán este fin de semana xornadas de voluntariado para a retirada de plásticos promovidas pola o Concello en colaboración coas asociacións Senda Nova e Limpocean. Deste xeito, Senda Nova desenvolverá os días 19 e 20 na zona de Baldaio. As persoas interesadas en colaborar só deben estar ás 10,15 horas no aparcadoiro das Saíñas para facer a inscrición e poder participar na limpeza. No caso de solicitar máis información poden pedila vía Whatsapp aos teléfonos 611037617, 654887468 ou 662336323. Pola súa banda, Limpocean traballará co voluntariado o sábado pola tarde, a partir das 15,00 horas, na zona de Razo. Os interesados deben enviar un correo electrónico cos seus datos (nome completo, DNI e teléfono) a eventos@limpocean.com.

DISPOSITIVO RECOLLIDA PELETS DA XUNTA


A Xunta trasladou que o seu dispositivo para a limpeza dos restos procedentes da carga perdida polo buque 'Toconao' recolleu ata o momento 3.130 quilos de pélets --equivalente a 125 sacos-- e 7.700 doutros plásticos. Segundo informou nun comunicado remitido este xoves aos medios a Consellería de Medio Ambiente, tamén foron retirados dos areais outros 7.700 de residuos plásticos "asimilables a residuos urbanos".

Durante a xornada do mércores, o persoal mobilizado polo Goberno autonómico recompilou 360 quilos de pélets (14 sacos) e 1.670 de lixo susceptible de ser tirada ao colector amarelo. Este xoves, o dispositivo está integrado por 400 efectivos que actúan en 51 praias de 27 concellos, ademais dos medios áereos de Gardacostas e embarcacións, estes últimos condicionados por cuestións meteorolóxicas e a atención a outros deberes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta