Un 25 de xullo diferente

Aínda que resultou evidente que o Día da Patria deste 2015 mobilizou un maior número de persoas que en ocasións precedentes, a principal transcendencia do acontecido radicou na especificidade da convocatoria.Por primeira vez dende 1982, o formato experimentou unha modificación substantiva:no canto de ser un chamamento exclusivo do BNG (coas lóxicas consecuencias que se derivaban na plasmación do propio desenvolvemento da manifestación e no acto final da Quintana) houbo agora unha comisión de persoas que promoveron un manifesto para convidar ás persoas e organizacións que compartisen esta nova iniciativa.

Por Xesús Veiga | Compostela | 05/08/2015

Comparte esta noticia
Este cambio tan relevante tivo a súa orixe causal no conxunto de circunstancias que concorren na conxuntura política actual e, singularmente, nas variacións rexistradas na recente cita electoral do 24 de Maio e nas expectativas criadas ao fío dos vindeiros comicios xerais.En calquera caso, é de xustiza constatar que, entre os grupos políticos que propiciaron a viabilidade deste “novo” 25 de Xullo, o BNG fixo unha aportación decisiva renunciando ao papel hexemónico que viña xogando nas mobilizacións que se rexistraban nesta data.
 
A dirección do BNG adoptou –nun evento tan cargado de referencias simbólicas como o Día da Patria- unha decisión inédita:no canto de buscar prioritariamente a delimitación dun perfil político diferenciado no seo do universo nacionalista –aproveitando a súa fortaleza organizativa e a superioridade da súa capacidade mobilizadora- apostou por facilitar a consecución dun punto de encontro entre todas as organizacións e persoas que non aceitan o actual estatus político da nación galega.
 
O reencontro vivido nas rúas de Compostela entre aquelas persoas que nos últimos anos non tiveran ocasión de compartir o denominador común que ofrecían, nesta ocasión, os convocantes da marcha,alimentou novas ilusións e xerou unhas expectativas que deberán ser administradas no inmediato futuro cunha adecuada combinación de realismo e xenerosidade.Enriba da mesa están dous obxectivos desexábeis:a conformación dunha candidatura galega unitaria para as Cortes do Estado e a posibilidade dunha recomposición do nacionalismo organizado.Poren, non se debe utilizar unha lóxica discursiva que vincule automaticamente semellantes pretensións, descoñecendo que teñen prazos temporais diferentes e que requiren acción singulares adaptadas á complexidade específica de cada unha delas.
 
Ao remate do acto, Xurxo Souto citou aos presentes para o ano que ven.Veremos se hai afinidades e complicidades suficientes para facer realidade semellante desexo.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.