O sector do mar clamará este domingo en Santiago polo seu futuro: "O mar non é un vertedoiro"

En resposta ás acusacións da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e do propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sobre que a manifestación convocada este domingo "é política", o presidente de Plademar, Rogelio Santos Queiruga, di que "ir a unha manifestación é política, pero non ir tamén o é, apoiala é política, e non apoiala tamén" e "a nós o único que nos importa é o mar".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 20/01/2024 | Actualizada ás 11:46

Comparte esta noticia

Máis dun cento de colectivos ecoloxistas, mariñeiros, pescadores, confrarías e xente do mar manifestaranse este domingo na Alameda de Santiago de Compostela para "defender o futuro do mar". A convocatoria, realizada a raíz da vertedura de pélets que está a afectar á costa galega, prodúcese, segundo os seus organizadores, coa dobre reivindicación de censurar a xestión feita tanto polo Goberno central como pola Xunta ante esta vertedura, así como para denunciar a situación que atravesa o mar en Galicia desde diversas frontes, como a contaminación das rías ou a mortalidade dos recursos.

A manifestación partirá ás 12 do mediodía do domingo desde a Alameda de Santiago de Compostela e os organizadores adiantaron que sairán autobuses desde practicamente todos os municipios do litoral sur de Galicia. "O noso obxectivo é encher a praza do Obradoiro. E se se pode dúas veces, mellor", explicaron. Os candidatos á presidencia da Xunta polo PSdeG, o BNG e Sumar confirmaron que acudirán a apoiar esta manifestación. Con iso, estarán na marcha tanto José Ramón Gómez Besteiro como Ana Pontón e Marta Lois, entre outros representantes políticos a nivel autonómico e local chegados desde distintos puntos da xeografía galega.

Varios voluntarios recollen pellets na praia de Panxón
Varios voluntarios recollen pellets na praia de Panxón | Fonte: Javier Vázquez - Arquivo

Sobre a crise dos pélets, o presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Muros e Noia, Rogelio Santos Queiruga, aboga por "partir do coñecemento da comunidade científica sobre o tema", para "evitar cousas como 'o que entra por onde entra, sae por onde sae'" (en referencia ás declaracións do conselleiro do Mar, Alfonso Villares). Así, critica que nas redes houbese xente que "ensinaba baleas e golfiños que aparecían nas praias mortas dicindo que os cetáceos estaban morrendo por culpa dos pélets", porque "hai que evitar iso, os alarmismos". Pero tamén critica que se intente, mesmo por parte dalgúns traballadores do mar e das administracións, "dar a impresión de que non pasa nada".

"O mar non é un vertedoiro", clama Rogelio, que incide en que "a perigosidade do que se verte no mar non só ten que ver coa toxicidade do material, as bolsas e botellas de plástico son fáciles de coller, pero os pélets son tan pequenos que se distribúen por todas partes e fan falla moitas mans para quitalos". "Non morremos por comelos, pero perxudican ás criaturas mariñas de moitas maneiras", afirma, criticando que "non pode saír un representante público falando coma se fose unha conversación de bar".

Por iso, e en resposta ás acusacións da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e do propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sobre que a manifestación convocada este domingo "é política", Rogelio di que "ir a unha manifestación é política, pero non ir tamén o é, apoiala é política, e non apoiala tamén" e "a nós o único que nos importa é o mar". "Os traballadores do sector do mar non somos 'bots' rusos, nin chinos, nin xaponeses, nin somos unha palabra que a xente usa hoxe en día con moita lixeireza, como é ETA", recrimina.

Pola súa banda, o presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, Xaquín Rubido (Xocas), asegura que "a historia desta manifestación non vén de agora, vén de moi atrás", baseada "no devalo produtivo das rías", algo que "fai uns 10 anos que se está vendo". E precisamente para que "a Xunta tomara conta do problema e puxera en práctica medidas efectivas, porque era quen tiña as competencias para facelo, decidimos mobilizarnos", só que a iso "sumouse agora o tema dos pélets".

Xaquín conta que "nós pensabamos en facer a manifestación antes das eleccións, pero Rueda adiantounas, e tiñamos prevista como data o 27 de xaneiro, pero ao xurdir isto fixemos unha asamblea conxunta coa xente adicada a limpar os pélets, os voluntarios, e chegamos ao acordo de adiantala unha semana, ao 21 de xaneiro". Por iso, asegura que "a manifestación non xorde dos pélets exactamente, pero iso foi a gota que colmou o vaso". Así, para Xaquín, o fondo da manifestación é "defender ao sector do mar".

"Estamos nun momento histórico bastante peculiar, pódese producir un cambio de modelo produtivo do marisqueo e da pesca en Galicia, algo que foi consustancial ao noso país, que forma parte do seu carné de identidade, da súa paisaxe, da súa xeografía, que é un atractivo turístico e a fonte para a nosa gastronomía, e corre o risco de desaparecer polo abandono da Xunta de Galicia, hai que dicilo", lamenta.

E afirma que "as mariscadoras non van aguantar pagando a Seguridade Social mensualmente estando máis dun ano no paro, sen axudas da Xunta, que ten as competencias, e se non aguantan as mariscadoras non hai entradas nas lonxas que alimenten ás confrarías, e estas van desaparecendo, e con elas os plans de explotación, e con eles as concesións", e asegura que "hai moita xente agardando a que esto pase, xente da acuicultura industrial, interesada en destruír este país con gaiolas de peixa, medicamentos contra parásitos, antibióticos... e unha contaminación que vai afectar a todo".

LISTADO DE ASOCIACIÓNS CONVOCANTES E ASINANTES DA MANIFESTACIÓN

- Centro Social Fuscalho da Guarda

- Centro Social Mádia Leva de Lugo

- Comisión Contra as Minas da Terra Chá

- Comisións Obreiras (CC.OO.)

- Comité de Defensa das Rías Altas

- Comité Intercentros CRTVG

- Confederación Intersindical Galega (CIG)

- Confraría de Pescadores da Coruña

- Confraría de Pescadoras da Pobra do Caramiñal

- Confraría de Pescadores de Noia

- Confraría de Pescadores de Redondela

- Confraría de Pescadores de Rianxo

- Confraría de Pescadores de Vilanova de Arousa

- Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento

- Defensa do Común da Coruña

- Ecoloxistas Galego-Transmontano, Atlántica e Verde

- Ecoloxistas en Acción

- Federación Arosa e Norte (FARN)

- Federación Ecoloxista Galega (FEG)

- FISA Boa Vida

- Fundaçao Montescola

- Greenpeace Galicia

- Grupo A Quenlla

- Grupo de Voluntarixs

- Movemento Ecoloxista da Limia

- Movemento Galego pola Defensa das Pensións e os Servizos Públicos (MODEPEN)

- Movemento Veciñal Moveneda

- Movemento Veciñal Fousas ao Monte de Taragoña

- Mulleres Salgadas - Asociación Galega de Mulleres do Mar

- Noia Limpa

- OPMEGA

- OPEMEGAL

- Plademar Muros-Noia

- Plataforma Augas Limpas de Aldán

- Plataforma Casalonga Limpa de Residuos

- Plataforma comarcal contra os vertidos da mina de San Fins

- Plataforma de afectados polo vertedoiro de Santiago-Miramontes

- Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA)

- Plataforma Galega para a Defensa Animal e da Natureza

- Plataforma na Defensa da Ría de Sada e Betanzos

- Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo (CÍES)

- Plataforma pola recuperación do Sar

- Plataforma Quijote Outes

- Plataforma SOS Suído. Mina Alberta NON

- Plataforma veciñal Seixo Touro O Pino NON

- Plataforma veciñal Si a un Rural Vivo

- Plataforma veciñal Terra Chá

- Rede de colectivos 'Veu polo Aire'

- Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas

- SOS Encrobas

- SOS Sanidade Pública

- STOP Eólicos Xurés Celanova

- STOP Eólicos Negueira de Muñiz

- Verdegaia

- A Lama Vive

- A rente do chan - PLADEVER

- A.C. Lucerna de Cerceda

- ACOUGA

- ACUIMEGA

- ADEGA

- Afectadxs de Paderne

- A Galleira Asociación Cultural

- Agrupación de marisqueo a flote de Carril

- Agrupación de marisqueo a pé de Arcade

- Agrupación de marisqueo a pé de Cabo de Cruz

- Agrupación de marisqueo a pé de Cambados

- Agrupación de marisqueo a pé de Carril

- Agrupación de marisqueo a pé de Noia

- Agrupación de marisqueo a pé de Redondela

- Agrupación de marisqueo a pé de Vilanova de Arousa

- Agrupación de marisqueo a pé de Vilaxoán

- AIMEX

- Amigas das Árbores de Ourense

- APM Amevila

- APM A Pobra

- APM A Ría

- APM San Amaro

- APM Viladomar

- APM Vilaxoán

- APM 'Virxen do Carmen' de Abanqueiro

- ASMECRUZ Sociedade Cooperativa 

- Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR)

- Asociación Alarma Terra de Montes

- Asociación agroecolóxica Sachos á Rúa

- Asociación A-Legre

- Asociación ambiental e cultural Tralapena de Touro

- Asociación Cheiros Non de Touro

- Asociación cultural-ecolóxica Ridimoas

- Asociación cultural e deportiva Dorna da Illa de Arousa

- Asociación Cultural e de Tradicións Mariñeiras Gamela, de Cabo de Cruz

- Asociación cultural e medioambiental A Pedra que Fala

- Asociación cultural e medioambiental Tarabela (Castro Caldelas)

- Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo / Mostra Internacional de Cinema Documental

- Asociación de consumidoras de produtos artesanais/ecolóxicos da Ulloa, O Zuleiro.

- Asociación Mar de Fábula de Camelle

- Asociación de Mexilloeiros profesionais A Marxa

- Asociación de Mexilloeiros Illa de Arousa

- Asociación de Mexilloeiros San Sadurniño de Cambados

- Asociación de Mexilloeiros Xidoiros

- Asociación de Miticultores MITIGAL

- Asociación de Veciños San Xoán de Grixoa

- Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública

- Asociación Medioambiental e Cultural A Pedra que Fala

- Asociación Medioambiental Contramínate

- Asociación Mexilloeira do Barbanza

- Asociación Monte Pindo Parque Natural

- Asociación Nove Refachos

- Asociación Petón do Lobo

- ASPROMERI de Rianxo

- Associacom Cultural Artábria

- Ateneo Galeguista da Terra Chá

- Burla Ve

O OPERATIVO DE RECOLLIDA DE PÉLETS EN CIFRAS

O dispositivo despregado pola Xunta nas praias e no mar para a recollida de pélets perdidos polo mercante Toconao en augas portuguesas permitiu recoller ata o momento máis de 3.450 quilos do material, o equivalente a 138 sacos. Ademais dos pélets, desde o 10 de xaneiro retiráronse dos areais máis de 9.600 quilos doutros plásticos asimilables a residuos urbanos.

Segundo informou o Executivo galego, este venres o persoal mobilizado polo Goberno galego sacou 138 quilos de pélets das costas galegas, o equivalente a algo máis de cinco sacos, así como outros 700 quilos de plásticos de distinto tipo.

Este sábado o operativo de vixilancia detección e limpeza por terra e mar está integrado por case 400 efectivos repartidos por 43 praias de 23 concellos galegos e o Servizo de Gardacostas continúa facendo un seguimento da situación a través dos helicópteros Pesca 1 e 2, catro embarcacións de gran porte e dúas patrulleiras de menor dimensión.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

150 euros diarios e un "chalequito" para formadores-sen-formación: https://twitter.com/ElSaltoDiario/s...