As ligazóns da Ramallosa e de Pontevea da autovía Santiago-A Estrada completaranse sen problemas

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/01/2024 | Actualizada ás 17:27

Comparte esta noticia

A solución proposta polos técnicos da Xunta de Galicia permitirá completar as ligazóns da Ramallosa e de Pontevea da autovía Santiago-A Estrada, "mellorando a súa funcionalidade". A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, reuniuse este luns coa alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, e con representantes da Asociación de Empresarios de Teo e con veciños para abordar as ligazóns de conexión do treito en execución de prolongación da AG-59 con este municipio.

Este encontro de traballo, explican nun comunicado, responde á solicitude de ter información de primeira man, contando na mesma cun técnico da Xunta para explicarlles a solución técnica para executar as ligazóns da Ramallosa e de Pontevea, previstas inicialmente só como semienlaces. A solución técnica proposta permitirá completar as ligazóns da autovía AG-59 en Teo, permitindo os catro movementos, de entrada e de saída, tanto en dirección a Santiago como á Estrada, "incrementando a funcionalidade da propia autovía AG-59 e reforzando o servizo que lle presta ás poboacións que atravesa, fundamentalmente no municipio de Teo".

Detallan que son intervencións que, agás unha que non cae no ámbito da actuación, levaranse a cabo no marco do novo treito de prolongación da autovía que se comezou a finais de outubro cun orzamento de máis de 32 millóns de euros e un prazo de execución de 20 meses. Os traballos comezaron por despexar e rozar a zona, unhas tarefas que xa están ao 80 % de execución, e continúan agora coa retirada de terra. Son 3,5 novos quilómetros de autovía entre A Ramallosa e Pontevea para reforzar a seguridade viaria, avanzar na vertebración e incrementar a competitividade.

O proxecto de prolongación da autovía xa tiña programada esa ampliación dos semienlaces a ligazóns, aínda que máis adiante. Non entanto, unha vez que está en execución o treito da autovía entre A Ramallosa ata o núcleo de Pontevea, onde a autovía confluirá coa estrada AC-241, os técnicos viron, sobre o terreo, a posibilidade de anticipar a solución e completar xa esas ligazóns no marco desta actuación.

Para iso, apuntan, é preciso realizar pequenos axustes no proxecto que posibilitan executar a ligazón completa da AG-59 na Ramallosa, permitindo todos os movementos con orixe e destino, tanto Santiago como da Estrada. Para completar esa ligazón non será necesario realizar expropiacións adicionais. En concreto, na Ramallosa proponse unha ligazón completa co catro movementos, entrada e saída, tanto cara a Santiago como cara á Estrada.

Tamén a ligazón de conexión coa AC-241 en Pontevea será completa, ao redeseñar o proxecto para acometer unha ligazón con catro movementos tanto cara a Santiago como cara á Estrada. Neste caso, pola configuración das obras, dúas do catro movementos non serán efectivos ata que se continúe a autovía cara á Estrada. Un destes ramais construirase xa, ao estar no ámbito da actuación en execución; o outro quedará preparado para a seguinte fase de prolongación da autovía cara á Estrada.

Apuntan que a nova configuración da ligazón de Pontevea diminúe, ademais, a afección ás vivendas existentes, ao afastarse unha das interseccións. Neste caso, si será necesaria a expropiación dalgún terreo adicional. Desta forma, indican que completar as ligazóns da autovía AG-59 en Teo será posible sen case aumentar a expropiación de terreos, excepto neste punto do trazado, onde é preciso ocupar unha pequena franxa para un camiño de servizo e para a nova glorieta na AC-241.

A AP-53, a autoestrada que une Santiago con Ourense
A AP-53, a autoestrada que une Santiago con Ourense | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta