Comeza a colocación de máis de 1.200 puntos laranxas contra o acoso escolar en centros educativos galegos

Ademais dos centros educativos, tamén está previsto que se instalen nos Espazos Xoves e nas residencias xuvenís e de estudantes.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2024 | Actualizada ás 16:16

Comparte esta noticia

A Xunta comezou coa colocación de 1.242 puntos laranxas contra o acoso escolar que, nas próximas semanas, chegarán ao 100% dos colexios e institutos galegos públicos.

Segundo explican nun comunicado, arríncase a acción facéndoa coincidir co Día Internacional da Educación. A iniciativa, desenvolvida ao amparo do Plan Integral contra estas condutas impulsado pola Xunta, busca "blindar que as contornas escolares sexan seguras, inclusivos e respectuosos e que os centros escolares conten cos recursos necesarios para poder previr, identificar e actuar ante estas situacións".

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou este mércores o CEIP Xoaquín Loriga de Lalín, onde se habilitou o primeiro destes puntos a disposición do alumnado.

Sinalan que, ademais dos centros educativos, tamén está previsto que se instalen nos Espazos Xoves e nas residencias xuvenís e de estudantes.

O titular de Educación do Goberno galego aproveitou a visita ao centro para "reivindicar a 'tolerancia cero' ante calquera conduta contratria á convivencia" e reclamou a implicación do conxunto da sociedade "nesta tarefa de país que require do compromiso de todos e cada un".

Estes puntos laranxas contra o acoso escolar teñen un formato físico nas propias instalacións e outro virtual a través das webs de cada un dos centros educativos. Ademais, contan cunha imaxe común e uniforme para que sexan perfectamente identificados e accesibles.

Detallan que o seu funcionamento é como o dunha caixa de correos a través do que o alumnado pode comunicar ou denunciar, anonimamente, posibles situacións de acoso ou ciberacoso que sufran ou perciban en terceiros.

Para xestionar esta caixa de correos, en cada centro educativo constitúese un equipo de actuación contra o acoso escolar integrado, entre outros, polo coordinador de benestar emocioanl e convivencia e o orientador do centro.

Mozo, estudante, que pode ser obxecto de abuso ou bullying no instituto
Mozo, estudante, que pode ser obxecto de abuso ou bullying no instituto | Fonte: Pixabay - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta