Sindicatos da concertada reclaman a Educación unha reunión sobre melloras salariais e de condicións

Tamén alertan do "impacto negativo" que vai ter a "mala xestión dos aumentos de cocientes" nas aulas, do cal responsabilizan aos centros e ás patronais.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2024 | Actualizada ás 17:22

Comparte esta noticia

Os sindicatos CCOO, UGT, USO e SNEP solicitan á Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades unha reunión "urxente" para abrir canles de "diálogo e debate" sobre melloras salariais e das condicións laborais para os docentes dos centros concertados.

A través dun comunicado conxunto, as organizacións advirte á Xunta que "non se está cumprindo" a equiparación salarial que recolle a Lomloe --última lei educativa-- no que respecta á paga extraordinaria de antigüidade e de complementos como o de tutoría e xefatura de departamento, entre outros.

Outro punto que lles preocupa é a situación da xubilación parcial na concertada, unha medida que consideran "esencial" e que, "a pesar das promesas previas, aínda non se implementou". De feito, achéganse as eleccións galegas do 18 de febreiro e os sindicatos avisan da "inseguridade" que xera a introdución desta medida entre o persoal.

Tamén alertan as organizacións do "impacto negativo" que vai ter a "mala xestión dos aumentos de cocientes" nas aulas, do cal responsabilizan aos centros e ás patronais.

A XUNTA DEFENDE O SEU DIÁLOGO

Por mor desta solicitude dos sindicatos, a Consellería de Educación, consultada por Europa Press, subliña que mantén "contacto con todos os sectores" do ensino concertado. Tal é así que desde o último encontro da comisión tripartita --entre Xunta, representantes dos traballadores e patronais-- o 13 de novembro mantivéronse "múltiples reunións". Iso si, non concreta se haberá unha específica para abordar estas reclamacións.

O departamento que dirixe Román Rodríguez lembra que en xuño de 2023 esta comisión tripartita asinou un acordo --dos sindicatos, só ratificárono FSIE e USO-- para a recolocación do profesorado, con medidas como unha bolsa de recolocación e a compensación con fondos das arcas autonómicas dos despedimentos que deriven daquelas aulas que se teñan que suprimir pola baixa natalidade.

Ademais, Educación reivindica diferentes subidas salariais aprobadas nos últimos anos --a última en 2023, un 2,5 por cento-- e asegura que está "a traballar" nun acordo sobre as condicións da xubilación parcial dos profesores da concertada.

Representantes dos sindicatos CCOO, UXT, USO e SNEP da educación concertada en Galicia.. SINDICATOS
Representantes dos sindicatos CCOO, UXT, USO e SNEP da educación concertada en Galicia.. SINDICATOS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta