Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/06/2025 | Actualizada ás 20:01
Cinco sindicatos da educación concertada (FSIE, UGT, CCOO, FE-USO e SNEP) concentráronse este xoves ante a sede da Xunta en San Caetano, en Santiago, para denunciar o "continuo desprezo" que, ao seu xuízo, mantén a Administración autonómica cos docentes do sector, principalmente no tocante á súa xubilación parcial.
Na concentración, os representantes sindicatos levaron ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, un "boletín de notas" con "suspenso" en materias como 'negociación'.
Entre os motivos para a protesta, tal e como detallaron en rolda de prensa este mércores, atópase a xubilación parcial, sobre a que a presidenta de FSIE Galicia, Yolanda Benito, lembrou que, durante o verán pasado, os sindicatos asinaran coa Xunta un acordo para facilitar, a partir do 1 de setembro de 2024, a prexubilación dos profesores dos centros concertados.
Ademais, reivindican a homologación, a redución da carga lectiva, o pago delegado do PAS ou a paga extraordinaria por antigüidade, entre outras.
Sobre isto último, o representante de UGT, José Antonio Míguez, denunciaba que a Xunta "non" a abona desde o ano 2010. Por parte de CC.OO., Rafael Gutiérrez apuntaba que os profesores de centros privados cobran "entre un 8 e un 10 por cento" menos que os da pública, a pesar de que as leis educativas desde 1985 recollen "a equiparación salarial".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.