Comezan a morrer os símbolos fascista de Beade, o último concello franquista de Galicia

Acordo político en Beade para cambiar o nome da rúa Caudillo, que se chamará Rúa do Ribeiro

Por Europa Press / Redacción | Beade | 30/01/2024 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

O Concello de Beade deixa de contar no seu rueiro cunha vía dedicada ao ditador Francisco Franco, despois de alcanzarse un acordo para que a Rúa Caudillo pase a ser denominada Rúa do Ribeiro.

O novo nome foi elixido como opción de consenso tras meses de negociacións entre os grupos que forman parte do consistorio de Beade, municipio da provincia de Ourense que ata o pasado mes de maio estaba gobernado por Senén Pousa, histórico rexedor do PP falecido en novembro que estivo unido á polémica pola súa simpatía pública cara ao réxime franquista.

A proposta para rebautizar esta rúa como Rúa do Ribeiro foi aprobada polo pleno da corporación co apoio de PP (grupo de goberno), PSOE e Por Beade (agrupación formada por Pousa tras non contar co visto e prace do seu expartido para volver optar á alcaldía que ostentaba desde facía décadas).

Pola súa banda, o cuarto grupo con presenza no concello ourensán, a Asociación Veciñal Independente de Electores (Avide) non apoiou a permuta, que avogaba por someter a unha consulta popular entre os veciños.

Senén Pousa, ex alcalde á saída da misa na honra de Franco que organizaba en Beade
Senén Pousa, ex alcalde á saída da misa na honra de Franco que organizaba en Beade

OUTRAS RÚAS CAMBIADAS

O cambio da Rúa Caudillo pola Rúa do Ribeiro súmase ás de rúa Alférez Montero, tamén de referencia ao réxime franquista e que foi renombrada como Rúa do Cabaleiro, así como da Travesía do Caudillo, que pasa a ser oficialmente Rego do Carballo, como xa se referían a ela os veciños da localidade.

Así o explicou, en declaracións a Europa Press, o rexedor de Beade, Fernando Taboada, quen mostrou a súa satisfacción por levar a cambio o cambio de denominación da rúa en cumprimento da Lei de Memoria Histórica.

Agora, o goberno local estuda dar pasos para a eliminación doutros vestixios do réxime franquista que perviven en Beade, como o xugo e as frechas da Falanxe gravados sobre a pedra na fonte da Presa.

Fernando Taboada recoñece que esta cuestión está aínda en fase inicial, xa que debe consultarse á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta se é preciso que dean o seu visto e prace ao tratarse dun elemento catalogado. Así as cousas, o alcalde valora que se dean pasos cara ao cumprimento da Lei de Memoria Histórica e cre que a asociación de Beade a unha corrente de simpatía cara ao réxime franquista debíase exclusivamente á figura de Senén Pousa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta