Xa está no mercado a primeira adaptación a 'cómic' de 'Memorias dun neno labrego'

Dende Galaxia apuntan que esta "innovadora" versión traslada a Balbio, o 'neno de aldea' "máis famoso da literatura galega" ao mundo do cómic a través das ilustracións da compostelá Iria Aldegunde.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2024 | Actualizada ás 15:37

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia e Editorial Galaxia presentaron a primeira adaptación a novela gráfica do clásico de Xosé Neira Vilas 'Memorias dun neno labrego', realizada por Iria Aldegunde. Ademais deste, e co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, tamén presentaron 'A música dos Valladares. Retratos de familia', por Pablo Bernárdez.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou "a importancia de traer á actualidade e adaptar a todo tipo de público lector, especialmente aos mozos, obras como a de Neira Vilas, que ostenta o título de libro máis lido e traducido da literatura galega". Apuntan que, dirixido a un público novo, esta "innovadora" versión traslada a Balbio, o 'neno de aldea' "máis famoso da literatura galega" ao mundo do cómic a través das ilustracións da compostelá Iria Aldegunde. Na presentación tamén participaron a ilustradora; o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Fernando Redondo, e o director de Produción de Galaxia, Xesús Domínguez.

Respecto de 'A Música dos Valladores', o representante da consellería remarcou "a necesidade de dar a coñecer a vida e obra dunha familia tan relevante para a cultura galega como foi a dos Valladares, que deixou un importante legado en diferentes facetas do mundo artístico". O volume, no que destacan as ilustracións de Hortensia Fernández, repasa a traxectoria vital e profesional dos irmáns Marcial, Avelina e Sergio a través da súa música.

"Cunha finalidade divulgativa, presenta textos alusivos á biografía dos compoñentes máis destacados desta numerosa familia do século XIX", explican. Cada texto vai a asociado a unha peza musical e unha ilustración. Ademais, as pezas son accesibles mediante descarga a partir dun código QR, tanto en formato audio, como en PDF para as letras e as partituras. Acompañando a Valentín García, tamén estiveron, ademais do autor e a ilustradora, os músicos Cibrán Seixo e Rubén Servide.

Novela gráfica de 'Memorias dun neno labrego', adaptación de Iria Aldegunde do clásico Xosé Neira Vilas. EDITORIAL GALAXIA
Novela gráfica de 'Memorias dun neno labrego', adaptación de Iria Aldegunde do clásico Xosé Neira Vilas. EDITORIAL GALAXIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta