Os retoques estéticos soben, tamén entre os homes: "Cada ano chegan á clínica máis, algúns de menos de 40 anos"

A doutora Chus Álvarez, dona dunha clínica que abriu as portas na cidade de Lugo no 1998 e parte da xunta directiva da Sociedade Galega de Ciruxía Plástica, Reparadora e Estética (SGCPRE), asegura que no ámbito da cirurxía estética a operación 'top' segue a ser a de mamas, aínda que tamén moita rinoplastia e reducción da papada, mentres que no ámbito da medicina estética, están en auxe os tratamentos con ácido hialurónico e bótox.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 11/02/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Na sociedade actual cada vez hai máis persoas preocupadas pola súa imaxe. As redes sociais chegaron para impoñer a cultura á beleza, ao corpo e á saúde mental (que tamén moitas veces pasa por verse ben un mesmo e estar contento co seu físico). Esta tendencia amósase evidente cando visitamos as clínicas de estética e vemos que hai ata lista de espera para realizarse segundo que tratamentos de medicina ou cirurxía estética. Dende Galicia Confidencial falamos cunha das doutoras máis prestixiosas e con máis traxectoria de Galicia neste ámbito para que nos comente cales son os tratamentos e operacións 'top' na actualidade e se realmente os profesionais tamén notaron ese aumento da demanda. Ela é a doutora Chus Álvarez, que abriu a súa clínica na cidade de Lugo no ano 1998 e forma parte da xunta directiva da Sociedade Galega de Cirurxía Plástica, Reparadora e Estética (SGCPRE), además de operar nos hospitais Quirón de Pontevedra e Lugo.

Cirurxía plástica
Cirurxía plástica | Fonte: Commons

"Si que tanto eu como todos os meus compañeiros, en xeral, notamos un aumento da demanda, é máis, tamén vemos que cada vez máis van da man a medicina estética e a cirurxía estética", asegura a doutora Álvarez. Pero, cal é a diferencia entre medicina e cirurxía estética? Mentres que a medicina se basea en técnicas pouco invasivas de tratamento (como pode ser a inxección de ácido hialurónico ou de bótox), a cirurxía xa implica operacións como tal (como aumentos de peito ou operacións para cambiar a forma dalgunha parte da cara). Hoxe por hoxe, a doutora asegura que "as persoas que queren coidarse xa non queren soamente operar o nariz para sentirse mellor, por exemplo, senón que queren operarse o nariz para mellorar toda a cara e entón tamén terá a necesidade de mellorar a súa pel, as súas enrrugas, o volume dos seus labios... o que leva a que despois de facerse unha ciruxía tamén engada técnicas de medicina estética para mellorar ese proceso".

Entón, cales son concretamente as operacións que máis aumentaron no que a cirurxía estética se refire? Que é o máis demandado? A doutora Álvarez asegura que "o que máis piden os clientes seguen sendo as ciruxías mamarias, xa sexa para aumentar volume como para diminuílo, e tamén para subir as mamas, despois de ter lactancias ou perdas bruscas de peso, cando as mamas caen, e se lle vai unha circurxía mamaria para volver colocalas no seu lugar". Aínda que as ciruxías mamarias tamén teñen outro cliente: os homes. "Cada vez hai máis homes que tamén chegan demandando este tipo de operacións, porque algúns desenvolven unha glándula mamaria e hai que extirparlla, o que se coñece como xinecomastia, unha das ciruxías que está agora en auxe entre os homes".

"OPERARSE XA NON SE VE ALGO FRÍVOLO OU SÓ PARA RICOS, COMO ANTES"

E é que un dos cambios principais que se notaron máis recentemente nas clínicas é que cada vez hai máis homes interesados en realizarse retoques. "Cada ano recibimos a máis e máis homes, que queren reducir as mamas ou tamén facerse cousas que teñen que ver coa papada, as orellas, o nariz, os párpados... e cada ano que pasa seguen subindo nunha proporción importante, aínda que non estean aínda ao 50-50 coas mulleres", reflexiona. Na súa maioría trátase de homes novos, de menos de 40 anos. E nisto, na opinión da doutora lucense, seguramente tamén inflúe o feito de que agora operarse para mellorar a estética xa non é visto como un tema tabú. "Eu comecei no ano 1993 a formarme como cirurxana plástica e vin moitos cambios, pero dende logo o que máis destacaría é a percepción que se ten hoxe por hoxe da ciruxía estética, tanto por parte do paciente como por parte do cirurxano", asegura.

Cirurxía estética
Cirurxía estética | Fonte: Corbis

Pola banda do paciente, conta que "antes o paciente pensaba que a ciruxía estética era algo frívolo e soamente para ricos, mentres que a día de hoxe ninguén opina iso; antes a xente operábase ás agochadas, por así dicilo, e a día de hoxe xa llo din a toda a familia e a todos os amigos sen problema, xa non se leva en segredo nin se considera algo para ricos nin unha frivolidade, mesmo a xente recorre moi habitualmente a financiacións moi habitualmente para poder facerse retoques que precisa". E é que, como explica, non ten que verse como algo superficial, porque "é moi normal que se non estou contento con este aspecto do meu corpo e sei que o podo cambiar, o faga".

"OS CIRURXANOS PLÁSTICOS VEMOS TODO EN HARMONÍA, O CORPO EN CONXUNTO"

E pola banda dos cirurxanos, tamén cambiou a percepción no sentido de que "non hai un nariz ou un peito que sexa o mellor do mundo ou o máis bonito, hai moitas formas que son moi bonitas e que dependen do conxunto da persoa, non só xa da súa cara". "Hai moita xente que di que precisa unha forma de nariz máis acorde coa súa cara, pero non é así, necesitan un nariz acorde coa súa cara, pero tamén co seu corpo, ten que estar en armonía todo o conxunto", apunta a doutora Álvarez, que engade que "ti non precisas que as tuas mamas sexan as máis bonitas do mundo, porque non todas as mamas son iguais, senón que precisas que estean acorde con todo o conxunto, tanto coa túa cara como co teu corpo". É por iso que a cirurxía estética debe estar feita por ciruxanos estéticos, porque son eles "os que vemos o corpo no seu conxunto", non como acontece no caso "doutras especialidades que tamén practican algo de cirurxía estética pero teñen campos moi limitados á cara ou ao pescozo".

Neste senso, a doutora asegura que todo o corpo dunha persoa debe estar acorde para logar o obxectivo final. Por exemplo, "se alguén xa maior se opera a cara e o corpo para verse moito máis xoven, como se facía antes nas cirurxías máis clásicas, facíase unha operación ca que se sacaba 40 anos de enriba; pero a día de hoxe iso xa non é así, búscanse resultados moito máis naturais: se melloramos a cara con cirurxía, que pasa coas nosas mans? As nosas mans seguen denotando outra idade, así que precisan ao mellor tamén dun apoio con medicina estética, con ácidos hialurónicos ou outro tipo de produtos para verse mellor". Sería o que se coñece como tratamento integral, porque "non ten sentido rexuvenecer a cara e o pescozo e olvidarse das mans". "Todo ten que ir acorde e ser harmónico", conclúe. E de aí que tamén moitas veces se diga que unha vez que te fas unha operación logo xa é como unha adicción, tes que seguir mellorando, porque "non é 'opérome para toda a vida', senón 'opérome, pero teño que manter eses resultados', e nese campo do mantemento, a medicina estética tamén é moi importante".

"NON CRECEU TANTO COMO SE PERCIBE O NÚMERO DE MOZAS QUE SE OPERAN"

Outra das cousas que semella estar a aumentando, alo menos pola percepción social, é o número de mozas que se operan, é dicir, xente nova de entre 20 e 30 anos. Sen embargo, a doutora lucense ten unha visión diferente do tema, e asegura que "pode ser máis a nosa percepción que a realidade, porque alguén maior que se opera non sae en Tik Tok nin en Instagram ensinando os labios, sen embargo as poucas mozas que si o fan saen a todas horas mostrándoo". E nas redes as 'influencers' que seguen todas as rapazas novas teñen máis ou menos operacións enriba, o cal tamén pode servir de inspiración para que estas rapazas que as seguen queiran facerse retoques. "Nós vimos un pequeno incremento en xente nova, pero non tanto como se está a percibir socialmente", afirma a doutora, que reitera que "pode ser culpa das redes sociais, pois realmente non hai moitos máis casos agora de xente nova dos que había hai cinco anos". 

Ademais, o aumento da xente nova no interese polos retoques estéticos atópase máis no ámbito da medicina estética. E cales son os tratamentos 'top' nesta campo? A doutora Álvarez teno claro: "o ácido hialurónico e os neuromoduladores, o que famosamente se chama bótox" e que non poucas veces se tenden a confundir. Cal é a diferenza entre ambos? "No caso da toxina botulínica, esta son neuromoduladores que actúan como relaxadores dos músculos da expresión, co cal sempre vas enrrugar menos, vas fruncir menos o entrecello, vas ter menos patas de galo... ao reducirse a actividade muscular a cara reláxase e dache unha expresión moito máis descansada e fresca, e iso dura uns meses, son tratamentos que máis ou menos cada catro, seis ou oito meses (dependendo da zona) repítense", explica. Por outra banda, "o ácido hialurónico vai máis dirixido a encher zonas nas que hai unha engurra moi fonda, pero non debida á expresión, non debido ao movemento da túa musculatura, nin a que o teu músculo se mova máis ou menos, senón que se formou co paso dos anos, pola perda de volume nesa zona da cara".

"AGORA TEMOS TÉCNICAS MENOS INVASIVAS E QUE DEIXAN MENOR CICATRIZ"

E outra das cousas nas que máis se notou o cambio da ciruxía estética e da medicina foi a nivel técnico, porque a día de hoxe as operacións xa deixan menor pegada. Chus Álvarez asegura que "cada vez desenvolvemos técnicas menos invasivas, conseguindo tamén cicatrices máis pequenas" e "tamén contamos con moita aparatoloxía que nos axuda". Pon o exemplo das liposuccións, xa que "hoxe temos liposuctores que nos permiten facer o mesmo que se facía antes en catro horas nunha soa, o cal tamén supón un grande avance para a seguridade para o paciente". E xa no postoperatorio, asegura que cada vez hai mellores tratamentos para as cicatrices, que fan que estas queden menos visibles. Do mesmo xeito, avanzouse no tratamento da dor postoperatorio, ata o punto de que "xa non é preciso sufrir".

Finalmente, e no que respecta á parte económica, non é un segredo dicir que adoitan ser caras, supoñendo unha inversión forte para a maioría das persoas. Pero para a doutora lucense, "hoxe en día todo o mundo merca coches e non hai ningunha cirurxía que coste tanto como mercar un coche novo". É por iso que, do mesmo xeito que se fai no caso dos coches, hai moitas persoas que piden unha financiación para poder facerse os retoques. "Todo o mundo pode ter acceso á cirurxía ou á medicina estética", afirma. E cre que o futuro deste sector pasará por "ser máis flexibles á hora de elixir o tratamento que vamos a realizar, facelo con máis seguridade e con menos dano e un mellor postoperatorio".

Cirurxía estética
Cirurxía estética | Fonte: Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta